As serras orientais galegas foron un refuxio climático para os derradeiros neandertais e os primeiros Homo sapiens de Galicia

Traballos arqueolóxicos desenvoltos en Cova Eirós durante a campaña de escavación de agosto de 2025 © Tania Mosquera Castro

Un estudo liderado polo investigador do GEPN-AAT da Universidade de Santiago de Compostela e do CISPAC Hugo Bal García no xacemento de Cova Eirós afonda no coñecemento sobre o clima entre hai 41.000 e 17.000 anos

Un estudo liderado por Hugo Bal García, do Grupo de Estudos para a Prehistoria do Noroeste - Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEPN-AAT) da Universidade de Santiago de Compostela e do Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas e Culturais (CISPAC) realizado no xacemento de Cova Eirós (Cancelo, Triacastela, Lugo) afonda no coñecemento sobre o clima e o ambiente nos que viviron os derradeiros neandertais e os primeiros Homo sapiens de Galicia, e identifica as serras orientais galegas como un área de refuxio climático estable no tempo.

A investigación consistiu na análise zooarqueolóxica dos niveis 3, 2 e 1 do xacemento, os cales representan unha cronoloxía de entre 41.000 e 17.000 anos. Durante este amplo período, déronse ocupacións tanto dos últimos neandertais (no nivel 3, concretamente) como distintas fases de ocupación dos primeiros Homo sapiens que chegaron ao noroeste peninsular (nos niveis 2 e 1), polo que permitiu comparar como evolucionou o medio ao que se enfrontaron as nosas e os nosos antepasados.

Algúns dos restos óseos e dentais de grandes mamíferos identificados no xacemento de Cova Eirós © Hugo Bal García

Mediante a identificación taxonómica de máis de 400 animais de polo menos 36 especies distintas, e a aplicación de modelos paleoecolóxicos, foi posible inferir o tipo de vexetación presente no entorno inmediato de Cova Eirós e estimar a temperatura e as precipitacións aproximadas para cada un dos tres niveis analizados. 

Entre os resultados deste estudo, publicado na revista Palaeogeography, Palaeoclimatology, Palaeoecology, destaca a identificación dunha Galicia moito máis fría que na actualidade, cun descenso de ata 3,6 graos na temperatura media anual. Non obstante, a pesar das baixas temperaturas, o réxime de precipitacións mantívose relativamente elevado, con estimacións por riba dos 1.000 milímetros anuais nos tres niveis da cavidade.

Coa identificación taxonómica de máis de 400 animais de polo menos 36 especies distintas foi posible estimar a temperatura e as precipitacións aproximadas no entorno de Cova Eirós no período estudado

Porén, a tendencia mostra que ao longo da Idade do Xeo o territorio foise atemperando progresivamente e recibindo maiores precipitacións, sempre nun marco dun entorno relativamente arborado intercalado con extensas pradarías húmidas. 

Estes elementos son os que permiten situar as serras orientais de Galicia como unha potencial área de refuxio climático, un entorno cunhas condicións de temperatura, humidade e vexetación propicias para o mantemento de comunidades de cazadores-recolectores na zona. 

Interior da Cova Eirós Dominio Público Praza Pública

O artigo Palaeoecological dynamics during the Middle and Upper Palaeolithic in Northwest Iberia: The Cova Eirós archaeological site enmárcase no proxecto 'Dinámicas poblacionales y tecnológicas durante el Pleistoceno final-Holoceno de las Sierras Orientales del Noroeste ibérico 2' financiado polo Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades (MICIU) e a Agencia Estatal de Investigación (AEI), así como polos fondos FEDER da Unión Europea. 

As intervencións arqueolóxicas en Cova Eirós contan con financiación da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta. Nesta investigación colaboraron Iván Rey Rodríguez (UVIGO), Carlos Fernández Rodríguez (ULE), Mikel Díaz Rodríguez (UVIGO/CISPAC), Álvaro Ibáñez Encinas (USC/CISPAC), Tania Mosquera Castro (USC/CISPAC), Arturo de Lombera Hermida (UNIOVI), Xosé Pedro Rodríguez Álvarez (URV/IPHES) e Ramón Fábregas Valcarce (USC/CISPAC).

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.