A un día da eclipse total de sol MeteoGalicia e a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) coinciden este martes en advertir da posibilidade de nubes no norte de Galicia, especialmente no seu litoral, que poderían dificultar a observación óptima do fenómeno, á espera dun prognóstico máis preciso nas vindeiras horas.
MeteoGalicia e AEMET coinciden en prognosticar nebulosidade no norte, sobre todo no litoral
Desde Meteogalicia, na súa predición da mañá deste martes prevían que Galicia esperte este mércores con nubes baixas no terzo norte, néboas no interior e brétemas nas Rías Baixas e que co avance da mañá os ceos queden despexados en todo o país. No entanto, a partir de media tarde volverán entrar as nubes baixas polo norte, polo que cara á noite os concellos das comarcas de Terra de Soneira, Bergantiños, A Coruña, Ortegal e a Mariña de Lugo serán as zonas "máis probables nas que o ceo se vaia cubrindo de norte a sur". Porén, a primeira hora da tarde deste martes MeteoGalicia melloraba algo as súas previsións e apuntaba "unha mellora das condicións, cunha situación desfavorable nalgún punto da Costa da Morte e na parte máis ao leste da Mariña, pero moito mellor no resto do litoral e do interior".
A AEMET, pola súa banda, prevé que ao final da tarde do 12 de agosto, e contra a hora da eclipse, haxa ceos "nubrados ou cubertos con nebulosidade baixa" en rexións da área cantábrica e do norte de Galicia, "sobre todo no litoral, e con maior incerteza, nos litorais de Galicia e Alborán".
Incerteza ata última hora
Todas as predicións coinciden, así e todo, que a incerteza sobre como estarán os ceos manterase ata última hora, sobre todo nas áreas onde hai mellores opcións para observar a eclipse e onde, polo tanto, se prevé máis cantidade de xente.
O maior risco está nas nubes de estancamento que se poidan formar na Mariña e nas tormentas que poderían caer no sur da provincia de Lugo, territorio onde máis concellos poderán observar en plenitude o fenómeno astronómico.
Tampouco a costa da provincia da Coruña se libra do risco de que a nebulosidade que entre pola tarde poida dificultar algo a observación da eclipse, nas zonas onde se prevé unha maior afluencia de xente.
Malia todo, non será ata horas antes do fenómeno cando se poida calcular con exactitude onde se situarán as nubes contra as 20:20 da noite deste mércores.