Ceos despexados na maior parte de Galicia: a previsión a dous días da eclipse

Mapas de MeteoGalicia e a AEMET coas súas previsións para a eclipse CC-BY-SA Praza Pública

MeteoGalicia e AEMET coinciden en prognosticar algunhas nubes na Mariña e a Costa da Morte

A dous días da eclipse total de sol MeteoGalicia e a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) coinciden este luns en prognosticar ceos despexados na maior parte de Galicia e algunhas nubes na Mariña e o norte da Costa da Morte. Un prognóstico que se irá facendo máis preciso nas próximas horas. 

Mapas da AEMT co tipo de nubes previstas e a nubosidade total © AEMET

Segundo a previsión de MeteoGalicia, o mércores Galicia quedará nunha situación intermedia entre o anticiclón situado sobre o centro de Europa e as baixas presións do Atlántico, co que o día comezará con nubes e néboas pero "co avance da mañá quedaremos cos ceos despexados en toda Galicia". Porén, "a partir de media tarde volverán entrar as nubes baixas polo norte, polo que cara á noite os concellos das comarcas de Terra de Soneira, Bergantiños, A Coruña, Ortegal e a Mariña de Lugo son as máis probables nas que o ceo se vaia cubrindo de norte a sur".

Pola súa banda, a previsión da AEMET sinala este luns que prevé "nubosidade baixa en rexións da área cantábrica e do norte de Galicia e con maior incerteza nos litorais de Galicia". A AEMET ofrece gráficos de tipo de nubes previstas, con predominancia nesas zonas das nubes baixas fronte ás altas. Canto á nubosidade total, os seus gráficos sitúan a peor situación, cunha alta probabilidade de ceo cuberto, na Mariña máis oriental, entre Foz e Ribadeo.

Alerta amarela por calor

A Xunta activa unha alerta amarela por altas temperaturas no interior de Pontevedra e a montaña de Ourense

Por outra banda, o tempo solleiro dos próximos días trae consigo unha alerta amarela por altas temperaturas activada pola Xunta para o interior de Pontevedra e a montaña de Ourense. Segundo a Xunta, o incremento producirase entre o luns e o martes e "a situación de calor continuará previsiblemente ata o venres, especialmente no interior da comunidade". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.