Científicos europeos reclaman "gobernar" os océanos para mitigar os efectos do cambio climático e a contaminación

Observación in situ dos océanos: sistemas e sensores de observación dos océanos. Imaxe producida por e para o proxecto NeXOS do Centro Tecnológico Naval y del Mar CC-BY-SA Glynn Gorick, Eric Delory, Jay Pearlman, NexOS Project

"O océano non poderá proporcionar os servizos que a sociedade necesita sen unha gobernanza eficaz", salienta o informe Navigating the Future VI do European Marine Board, que representa a máis de dez mil persoas que investigan en ciencias mariñas en Europa

Os nosos sistemas de océanos e auga doce están a ser afectados por unha ampla gama de diferentes factores de estrés que se resumen nos efectos do cambio climático, a contaminación e a perda de biodiversidade. “Precisamos unha lexislación ambiental coordinada e sistemas de vixilancia e avaliación harmonizados e integrados”, salienta o informe Navigating the Future VI do European Marine Board, no que participa a Universidade de Santiago de Compostela a través do director do Instituto de Investigación do Medio Acuático para unha Saúde Global (iARCUS), Carlos Pereira Dopazo.

“Na actualidade, a auga doce, o clima, a biodiversidade, a saúde e o benestar humanos e o océano son xestionados por diferentes autoridades, que poden centrarse en diferentes cuestións e responder a diferentes lexislacións”, explican no informe, que conclúe que “o que se necesita é unha axenda e un marco multinivel e multipropósito, capaz de recoñecer, acomodar e integrar as diferentes prioridades e obxectivos das distintas autoridades nun sistema máis amplo e completo, que sexa de propiedade compartida e estea xestionado de forma conxunta”. 

Barcos descargando peixe nun porto galego © Santi Alvite

O European Marine Board é unha entidade independente e non gobernamental que representa a máis de dez mil persoas que investigan en ciencias mariñas en Europa. Considérase o principal grupo de reflexión europeo en política de ciencias mariñas, constitúe unha plataforma para avanzar na investigación mariña, servindo como asesor na toma de decisións políticas na Unión Europea neste eido. 

O informe que veñen de presentar respalda os obxectivos da Misión: Restaurar os nosos océanos e augas da UE, que aposta por “protexer e restaurar os ecosistemas mariños e de auga doce e a biodiversidade” e “previr e eliminar a contaminación dos nosos océanos, mares e augas” entre os diferentes retos e desafíos. 

"A descarbonización da nosa economía non debera crear problemas de sustentabilidade nin danar áreas, ecosistemas ou sectores vulnerables dentro ou fóra de Europa, e a extracción de materias primas fóra das augas europeas non debera prexudicar aos cidadáns do mundo nin provocar unha maior perda de biodiversidade no océano"

O océano non poderá proporcionar os servizos que a sociedade necesita sen unha gobernanza eficaz. Requírese unha gobernanza oceánica sólida, adaptativa e inclusiva para que a comunidade de investigación mariña poida proporcionar as observacións, os modelos e as previsións oceánicas necesarios para comprender o impacto do cambio climático, a contaminación e as crises da biodiversidade”, debutan neste traballo elaborado por 32 científicos europeos, no que inciden en que necesitan apoio institucional tanto da UE como dos Estados membros. “Sen este apoio, será difícil para Europa xestionar os impactos a gran escala que afectarán á súa poboación”. aseguran. 

No marco da presidencia española do Consello da Unión Europea, Vigo acolleu a conferencia EuroOcean2023, organizada polo European Marine Board en colaboración co Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR, o Instituto de Investigacións Mariñas dependente do CSIC, o Instituto Español de Oceanografía (IEO) e a Comisión Europea. Alí aprobouse a Declaración de Vigo, que baixo o lema Traballamos cunha soa voz para conseguir o océano que queremos, defende que a ciencia mariña e as comunidades marítimas vaian unidas á hora de tomar decisións sobre o seu futuro.

“A descarbonización da nosa economía non debera crear problemas de sustentabilidade nin danar áreas, ecosistemas ou sectores vulnerables dentro ou fóra de Europa, e a extracción de materias primas fóra das augas europeas non debera prexudicar aos cidadáns do mundo nin provocar unha maior perda de biodiversidade no océano. Traballaremos para crear solucións en colaboración con todas as partes interesadas”, detallan nesta declaración conxunta na que fan fincapé na importancia de “concienciar” a cidadanía e poñer toda a información dispoñible ao alcance da poboación para lograr que “empatice” cos retos que enfrontamos nos océanos.

Portada do informe ‘Navigating the Future VI’ elaborado por científicos europeos do European Marine Board © European Marine Board

Os científicos europeos que estudan os espazos mariños afirman que para resolver os problemas do océano será necesario un esforzo común dos responsables das políticas públicas, os grupos políticos, a industria, o público e o sector financeiro. Neste sentido, apuntan que será preciso mobilizar investimentos privados para proxectos sustentables e non só de ‘lavado de imaxe’, así como o financiamento de investigacións de forma sostida e a longo prazo.

Entre as recomendacións do informe apostan por realizar observacións continuas dos océanos que se transmitan a través de datos abertos, accesibles e en formato dixital e a súa integración en xemelgos dixitais dos océanos para poder realizar simulacións. Desta maneira, tamén sinalan que haberá que incorporar un aumento dos recursos técnicos e financeiros para cumprir cos requisitos de vixilancia. O proxecto NeXOS do Centro Tecnológico Naval y del Mar, que contou co apoio da UE, desenvolveu sistemas de sensores para monitorizar a actividade nos océanos.

"Se non abordamos a contaminación na terra, non lograremos o océano que necesitamos para axudar a mitigar as crises climáticas e de biodiversidade que creamos"

“A diferenza do financiamento climático, que inviste na mitigación ou adaptación climática, o financiamento oceánico inviste na xestión e conservación sostible do océano, o que inclúe o establecemento e a xestión das zonas mariñas protexidas, a pesca sostible, as iniciativas de carbono azul e o desenvolvemento de instalacións de enerxía renovable mariña. A comunidade científica mariña debera traballar co sector financeiro mundial e os responsables das políticas para destacar os lugares máis importantes nos que se necesita un financiamento oceánico sostible e equitativo. Na actualidade, a participación financeira nesta área é diversa e desigual, e vai desde pequenos proxectos locais con conciencia ambiental, como as iniciativas de limpeza costeira baseadas na comunidade, ata un financiamento máis substancial de empresas transnacionais en sectores importantes como a extracción de minerais, a enerxía e a pesca, que poderían non ser necesariamente sostibles”, razoan no informe Navigating the Future VI. 

Os científicos consideran imprescindible mellorar a gobernanza na intersección entre a terra e o océano para garantir que as actividades que se realizan na costa non afecten aos ecosistemas mariños nin á xente que vive nas áreas do litoral. Refírense a directivas europeas que xa existen para unha xestión integrada das zonas costeiras, mais piden maior ambición porque advirten de que “se non abordamos a contaminación na terra, por exemplo, a través da directiva sobre nitratos, non lograremos o océano que necesitamos para axudar a mitigar as crises climáticas e de biodiversidade que creamos, e non garantiremos augas limpas e seguras para a vida silvestre e os seres humanos por igual”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.