A campaña AgasallaNós do Proxecto Nós recompila voces en Ribeira este 3 de outubro dentro das recolleitas presenciais previstas en ata 16 concellos en combinación coas doazóns en liña, que seguen abertas
Dende finais do pasado ano, o Proxecto Nós para incorporar o galego a todos os usos vinculados á intelixencia artificial tren en marcha a campaña AgasallaNós. Con esta iniciativa, o equipo froito da alianza entre a Universidade de Santiago a través do Instituto da Lingua Galega e o Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS), o Centro Ramón Piñeiro e a Xunta fixouse o obxectivo de lograr ata 1.000 horas de gravacións para avanzar na mellora do sistema que permitirá que os asistentes de voz entendan de vez a nosa lingua con normalidade.
AgasallaNós naceu en liña, cun sitio web no que captar voluntariado que lese diversas frases e as incorporase á plataforma Common Voice. Dende o inicio, o proxecto preveu combinar estas recolleitas online con accións presenciais para, entre outras finalidades, "recoller voces de xente maior" que non accedan con tanta facilidade ou frecuencia a internet. A vindeira cita é este 3 de outubro en Ribeira.
Cun total de dezaseis concellos na programación desta segunda fase, que xa pasou o pasado xullo por Xinzo, o Proxecto Nós procurará voces do Barbanza en Ribeira o xoves desta semana de 10:00 a 14:00 na aula CEMIT (Cubeliño, 20). "Só precisan de 15 minutiños de cadaquén", resaltan dende o consistorio, que presentou este luns a iniciativa aos medios.
"Ao longo de todo o día -abonda o Concello ribeirense- un grupo de persoas expertas da USC estarán agardando por nós para amosarnos como gravar a nosa voz de xeito que contribuamos a que o galego siga o tren da contemporaneidade. Trátase, resumen dende o goberno local que encabeza Luís Pérez Barral (BNG), de colaborar "nun proxecto moi importante para o futuro da nosa lingua" para poder empregala con normalidade en "asistentes intelixentes, ordenadores ou teléfonos móbiles" como calquera outra.
O Concello de Ribeira tamén abre a participación nas doazóns de voz a grupos como asociacións ou centros de ensino. Os que o desexen, agregan, poden contactar co Servizo de Normalización Lingüística (normalizacion@ribeira.gal) para " indicar o número de persoas e o horario previsto" para así evitar demoras.
“Todos os falantes de galego temos a responsabilidade de colaborar para gañar o ámbito tecnolóxico para o galego"
Mentres continúa a recolleita, o Proxecto Nós xa conta cun prototipo de recoñecemento automático da fala. O obxectivo das 1.000 horas en Common Voice é melloralo e avanzar cara á súa incorporación ao mercado, destacaban membros do equipo o pasado xaneiro en conversa con Praza.gal.
“Todos os falantes de galego temos a responsabilidade de colaborar para gañar o ámbito tecnolóxico para o galego. Temos que reclamar pero tamén temos que participar e doar a nosa voz e o noso tempo porque ao final é un proxecto de país”, animaba nesa reportaxe a directora do ILG, Elisa Fernández.