'Florespiña', a homenaxe a Ana Kiro, terceira na Eurovisión da intelixencia artificial malia gañar o voto do público

Unha das imaxes xeradas pola intelixencia artificial para o vídeo de Florespiña © Pamp!

O grupo neerlandés Synthetic Beat Brigade, coa canción How Would You Touch Me?, foi o gañador do AI Song Contest, nunha nova edición da Eurovisión das cancións compostas con intelixencia artificial (IA) que se celebrou este sábado na Coruña

Galicia, representada coa canción Florespiña, un tema do colectivo PAMP! que revive a voz de Ana Kiro e serve de homenaxe á artista arzuá, obtivo a terceira posición, malia ter gañado o voto do público, que considerou esta peza o mellor de todo o certame. 

'Florespiña' foi o tema máis votado polo público e acabou na terceira posición global

A peza galega foi o tema máis apoiado no televoto —obtendo 18,9 puntos fronte aos 11,2 da segunda opción— ao igual que sucedera o pasado ano con AI-LALELO, o tema creado polo equipo posto en marcha pola empresa compostelá CECUBO Group , que ficara ademais na segunda posición na clasificación global. Desta vez, Galicia mantívose no podio, quedou terceira e volveu vencer na votación popular. 

Así, na táboa xeral, o tema de homenaxe a Ana Kiro empatou no terceiro posto coa proposta do Reino Unido (con 18,9 puntos) e ambas as dúas cancións quedaron por tras de Alemaña, que obtivo a segunda posición ao sumar 19,3. O tema de Synthetic Beat Brigade, dos Países Baixos, alcanzou os 20,5 e acabou por ser o gañador desta nova edición da Eurovisión da IA. 

Foron dez en total as propostas que competiron na Gran Final da AI Song Contest 2023 (Países Baixos, España, Alemaña, Suecia, India, Canadá, Galicia, Estados Unidos, Portugal e Reino Unido) e 35 as candidaturas preseleccionadas entre temas de máis de 20 países. "Un tema da nosa diva", explicou o colectivo PAMP! ao presentar o seu tema na gala. 

Diferentes estilos, sonoridades e formas de co-creación entre artistas e algoritmos participaron nesta edición dun concurso internacional que amosa o potencial creativo da música xerada por intelixencia artificial. Está organizado por Stichting AISC desde a súa creación en 2020 e neste ano o programa foi retransmitido para todo o mundo desde A Coruña, con público asistente no recinto.

Resultado final da votación do AI Song Contest 2023, nunha imaxe de RTVE © RTVE

O gañador desta cuarta edición do AI Song Contest elixiuse a través dunha votación mixta entre xurado e público, que puido votar ata o pasado 30 de outubro. O voto popular equivale ao 50% da puntuación total, mentres que a opinión dun xurado de especialistas da industria musical e a intelixencia artificial encargouse do outro 50%. 

Foi a consultora galega Cecubo Group a impulsora da Gran Final do AI Song Contest 2023 e quen, a través dun xurado de especialistas, seleccionou a decena de equipos que participaron na gala. 

Sensibilizada polas incertezas que xiran arredor da IA e co obxectivo de "concienciar os participantes e a xente sobre a importancia de poñer esta tecnoloxía ao servizo das persoas de maneira ética, responsable e transparente", a organización do concurso desenvolveu un novo sistema de avaliación baseado nestes valores, ademais do procedemento habitual, na que analizaron o proceso, a creatividade, a canción e o método seguido por cada equipo.

A gala final, que foi emitida en directo por RTVE Play, ía ser presentada polos galegos Neves Rodríguez, Belén Rivero e Ricardo Saavedra, pero o equipo de dirección e os presentadores decidiron "desvincularse" do proxecto a última hora pola "falta de dereitos laborais básicos, como a negativa expresa a asinar  un contrato de traballo por parte da organización" e por "non reunir as mínimos condicións preparatorias para realizar un programa que cumprir coas expectativas" que se lles presentaran ao inicio do proxecto. 

Así o aclarou a propia Neves Rodríguez nun comunicado nas súas redes sociais

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.