García Mateo, reitora da Uvigo, reclama a Rueda "unha aposta decidida polo sistema universitario galego"

Carmen García Mateo toma posesión como reitora da Universidade de Vigo © Uvigo

Na súa toma de posesión como reitora da Uvigo, Carmen García Mateo sinalou “o financiamento, as novas demandas sociais, a gobernanza e a adaptación ás tecnoloxías emerxentes”, como os retos que cómpre poñer na mesa de traballo

Carmen García Mateo tomou posesión este xoves como reitora da Universidade de Vigo, a primeira da historia da institución e a segunda na historia galega, seguindo o ronsel aberto por Rosa Crujeiras na USC hai dous meses. Enxeñeira de telecomunicacións e catedrática de Teoría do Sinal e Comunicacións comprometeu “un liderado firme pero dialogante, baseado no respecto e na participación” e dixo asumir o cargo “coa determinación de facer da Universidade de Vigo unha institución excelente, moderna, igualitaria e de alta calidade da que todas e todos nos sintamos orgullosos”.

García Mateo sinalou “o financiamento, as novas demandas sociais, a gobernanza e a adaptación ás tecnoloxías emerxentes”, como os retos que cómpre poñer na mesa de traballo, e aos que engadiu a necesidade de “non só adaptarnos ao cambio, senón de anticipalo e lideralo”.

Carmen García Mateo toma posesión como reitora da Universidade de Vigo © Uvigo

Nun salón de actos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais do campus de Vigo cheo, a cantante Su Garrido, interpretando dúas das súas composicións, e o Coro da Universidade de Vigo, coa do Gaudeamus, foron os encargados de poñer a música no acto. Alí estaban os antecesores de Carmen García Mateo á fronte da UVigo, ademais de representantes dos ámbitos político, económico, académico e social, encabezados polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda; o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez; os alcaldes de Vigo e Pontevedra, Abel Caballero e Miguel Anxo Fernández Lores; e a reitora da USC e o reitor da UDC, Rosa Crujeiras e Ricardo Cao.

García Mateo reclamou a Rueda "financiamento" e "confianza": “Señor presidente, confíe en nós e faga unha aposta decidida polo sistema universitario galego. O retorno será superior ao investimento”, dixo

Precisamente para Alfonso Rueda e o Goberno galego foron dirixidas algunhas das mensaxes lanzadas pola nova reitora no seu discurso de toma de posesión, centradas sobre todo no "financiamento" e na "confianza" co obxectivo de "captar talento, estabilizar, consolidar grupos de investigación de altas capacidades e potenciar unha ambiciosa interacción internacional". “Señor presidente, confíe en nós e faga unha aposta decidida polo sistema universitario galego. O retorno será superior ao investimento”, dixo García Mateo.

Pola súa banda Alfonso Rueda, brindou a súa colaboración á UVigo e dixo recoller "a luva da petición de confianza para seguir chegando a acordos frutíferos para a Universidade de Vigo e para Galicia”. O presidente da Xunta `resumiu dun “plan de financiamento sólido e previsible, que permite planificar o traballo de cada universidade” e que supuxo un investimento de 3260 millóns de euros nos últimos catro anos.

Carmen García Mateo, co novo equipo reitoral © Uvigo

García Mateo estableceu un paralelismo entre a súa traxectoria persoal, “de innovación, compromiso e lingua”, coa evolución experimentada polo país nas catro últimas décadas

Na súa intervención, García Mateo estableceu un paralelismo entre a súa traxectoria persoal, “de innovación, compromiso e lingua”, coa evolución experimentada polo país nas catro últimas décadas, ata chegar ao día de hoxe con “unha enxeñeira de telecomunicación, especializada en procesamento de voz e intelixencia artificial, dirixindo unha universidade pública galega”. 

No seu discurso tamén reivindicou unha educación superior que sexa “o maior antídoto conta a barbarie; onde se constrúa a cultura da paz, baseada na xustiza social, os dereitos humanos e a solidariedade internacional”.

No seu discurso tamén reivindicou unha educación superior que sexa “o maior antídoto conta a barbarie; onde se constrúa a cultura da paz, baseada na xustiza social, os dereitos humanos e a solidariedade internacional”

“Síntome profundamente honrada de ser a primeira reitora desta universidade. Asumo esta responsabilidade cun compromiso claro co sistema universitario galego e co país ao que servimos e co compromiso de facer da UVigo unha institución excelente, moderna, igualitaria e de alta calidade da que todas e todos nos sintamos orgullosos”, finalizou. 

No acto tamén tomaron posesión os e as restantes integrantes do equipo de goberno, composto por unha decena de vicerreitorías, secretaria xeral (Enma Rodríguez) e xerenta (Ana María Comesaña Álvarez).

Vista xeral do salón de actos na toma de posesión de Carmen García Mateo como reitora da Uvigo © Uvigo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.