Identifican os restos do bispo Teodomiro, quen descubriu a tumba do apóstolo Santiago hai 1.200 anos

Restos óseos atribuídos ao bispo Teodomiro, descubridor do sepulcro do apóstolo Santiago © Catedral De Santiago

Os resultados dunha investigación interdisciplinaria presentan "probas que concordan coa identidade do bispo Teodomiro" tras analizar de novo os restos óseos baixo a lápida descuberta nos anos cincuenta que sinalaba que alí descansaba o descubridor do sepulcro do apóstolo Santiago hai máis de mil anos

Entre os anos 820 e 830 d.C., o bispo Teodomiro de Iria Flavia (Padrón) pasou tres días meditando en xaxún despois de que un ermitán chamado Paio lle contara como presenciara unha choiva de estrelas sobre un campo, no que atopou un antigo mausoleo. Pasadas esas 72 dúas horas, Teodomiro tivo unha revelación: o mausoleo contiña os restos do apóstolo Santiago e de dous dos seus discípulos. Advertido o rei Alfonso II de Asturias, ordenou a construción dunha pequena igrexa ao redor da tumba. E así se conta o comezo da tradición do sepulcro do apóstolo Santiago, motivo de peregrinación a Compostela ata o día de hoxe polo Camiño de Santiago. 

A existencia do bispo Teodomiro púxose en dúbida ata a segunda metade do século XX, cando se descubriu unha lápida que marcaba a súa morte no ano 847 d.C. Baixo esta lápida atopáronse restos que, nun principio, identificáronse como pertencentes a un home de idade avanzada. Un novo exame a mediados da década dos 80 suxeriu que os restos eran dunha muller, o que xerou dúbidas sobre a súa conexión co bispo. Este 2024, os resultados dunha investigación interdisciplinaria presentan "probas que concordan coa identidade do bispo Teodomiro" tras analizar de novo os restos óseos, segundo adiantou El País e vén de comunicar a Catedral de Santiago. 

Descuberta da tumba do apóstolo Santiago O Maior polo bispo Teodomiro no Tombo A da Catedral de Santiago Dominio Público

Un equipo multidisciplinar liderado polo arqueólogo compostelán Patxi Pérez Ramallo, investigador da Universidade Norueguesa de Ciencia e Tecnoloxía (NTNU), en colaboración co Instituto Max Planck de Xeoantropología e a Universidade de Estocolmo, entre outras, levou a cabo unha análise exhaustiva dos restos, achegando novos datos que permiten atribuír a identidade ao bispo Teodomiro. 

Un equipo multidisciplinar liderado polo arqueólogo Patxi Pérez Ramallo levou a cabo unha análise exhaustiva dos restos, achegando novos datos que permiten atribuír a identidade ao bispo

"As innovacións nas análises bioarqueolóxicas enriqueceron dramaticamente a nosa capacidade de recrear historias de vida individuais, particularmente en combinación con contextos históricos ben estudados", explican nos resultados científicos, publicados este martes na revista especializada Antiquity, ligada a Universidade de Cambridge, desde a que se pode descargar o artigo completo

A investigación confirma que a tumba baixo a lápida cos sinais do bispo Teodomiro contiña os ósos dun só individuo, un home adulto de máis de 45 anos. Segundo traslada a Catedral de Santiago, a datación por radiocarbono sitúa a mostra entre 673 e 820 cal. CE, o que concorda cunha morte no ano 847 d.C. como indica a lápida de pedra que atopou o arqueólogo Manuel Chamoso Lamas nos anos 50 do século XX

Estela funeraria do bispo Teodomiro na Catedral de Santiago © Catedral de Santiago

"Os achados suxiren que estes restos poderían pertencerlle, o que os convertería no personaxe histórico identificado máis antigo de España e un dos máis antigos de Europa", engaden desde a Catedral de Santiago 

Ademais, outras análises de isótopos estables de osíxeno suxiren que o individuo viviu preto da costa, coincidindo coa localización de Iria Flavia. O estudo arqueoxenético, realizado na Universidade de Estocolmo, revelou que o perfil xenético do individuo desviábase lixeiramente do dos europeos modernos, mostrando afinidades máis estreitas cos íberos romanos, os visigodos do sur de Iberia e as poboacións islámicas ibéricas, o que concorda con alguén que viviu na Península Ibérica hai 1.200 anos. Estes resultados, argumentan os investigadores, tamén coinciden con estudos anteriores que mostran patróns migratorios en resposta á conquista da Península Ibérica polo Califato Omeya no século VIII. 

Nas conclusión do seu artigo, o equipo dirixido por Patxi Pérez Ramallo insiste en que os resultados deben tomarse con precaución, con todo, presentan todas as probas que concordan coa identidade do bispo, figura fundamental na épica da capital galega, e no seu devir ata os nosos días, coa catedral como epicentro. "Os achados suxiren que estes restos poderían pertencerlle, o que os convertería no personaxe histórico identificado máis antigo de España e un dos máis antigos de Europa", engaden desde a Catedral de Santiago no seu comunicado.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.