O antropólogo forense Fernando Serrulla revela nunha publicación científica as súas conclusións do estudo dos supostos restos do Apóstolo Santiago O Menor, que coincidirían máis ben cos do Apóstolo Santiago
En novembro de 1991 a Catedral de Santiago de Compostela albergou no seu interior a análise forense duns restos óseos custodiados dentro dun relicario. Non se tratou do estudo dos supostos restos do Apóstolo Santiago, protexidos na cripta baixo o Altar Maior, que constitúen o maior tesouro do templo compostelán. Mais foron os supostos restos doutro apóstolo, tamén de nome Santiago, os que analizou minuciosamente o antropólogo forense Fernando Serrulla, que daquela aínda tiña poucos anos de experiencia coa arqueoloxía enfocada á morte violenta, e estudaba criminoloxía mentres tamén preparaba unha oposición.
A dirección xeral de Patrimonio, a través da Consellería de Cultura, foi a que lle encargou a análise forense dos restos de Santiago O Menor –tamén coñecido como Santiago Alfeo, polo seu pai– a Fernando Serrulla, hoxe responsable da Unidade de Antropoloxía Forense do Instituto de Medicina Legal de Galicia, que vén de publicar na revista Forensic Anthropology da universidade de Florida, nos Estados Unidos, o artigo A Forensic Anthropological Study of Human Remains Attributed to the Apostle James Alphaeus [O estudo antropolóxico forense dos restos humanos atribuídos ao Apóstolo Santiago Alfeo] coas súas conclusións daquel estudo, trinta anos despois.
"Estes restos poden tamén pertencer a Santiago o Maior", afirma Serrulla no artigo publicado en Forensic Anthropology
″Os resultados deste estudo mostran que os restos óseos descubertos no relicario de Santiago Alfeo quizais non pertenceron a este santo, se aceptamos como válida a información histórica sobre a maneira na que morreu (martirio). Estes restos poden tamén pertencer a Santiago o Maior″. Así resume Serrulla no seu artigo as conclusións despois de comparar a investigación que levou a cabo en 1991, coas circunstancias de ambas mortes e o coñecemento científico sobre as lesións que viu en primeira persoa nos restos que garda a Catedral.
O forense establece unha hipótese que non pode confirmar ao non ter a posibilidade de analizar máis restos do esqueleto do suposto Santiago Alfeo, que segundo o seu traballo podería tratarse en realidade do de Santiago Apóstolo, é dicir, Santiago O Maior. ″A interpretación dos restos é o máis complicado porque é o máis arriscado, no sentido de que non son datos obxectivos, é unha valoración que fai un e que outro podería facer outra. Pero no tema científico e puramente antropolóxico eu creo que non hai ningunha dúbida. Calquera antropólogo que volvera ver os mesmos ósos que vin eu, sacaría conclusións moi semellantes″, asegura Fernando Serrulla a Praza.gal.
"Afortunadamente para a investigación, o cranio conservaba as lesións", salienta o antropólogo
O deán da Catedral no momento do estudo dos ósos era Alejandro Barral, quen a pesar de nunca chegar a recoñecer as súas dúbidas a respecto da identidade dos restos gardados no relicario co busto de Santiago O Menor, manifestara o seu interese na análise dos mesmos ao Goberno galego, que presidía Manuel Fraga dende había apenas un ano. Con todo, Barral non permitiu que os restos saísen da Catedral, polo que Serrulla tivo que facer todo o traballo sen saír do templo, acompañado dun fotógrafo profesional que enfrontou numerosas dificultades para retratar as lesións naqueles ósos carbonizados.
A apertura do relicario
″Enclaustreime na capela das Reliquias e o primeiro foi ir vendo todo o material que había. Non tiñamos un esqueleto completo, estaba vendo unha parte dun cranio. O que pasa é que, afortunadamente para a investigación, conservaba unha das partes máis importantes: as lesións. Non sabemos se había máis lesións, ou non, porque non puidemos estudar as costelas ou os brazos. Pero co cranio proporcionouse moitísima información″, lembra o antropólogo forense.
"Moitos dos restos eran inferiores a un ou dous milímetros", conta Fernando Serrulla
″Os fragmentos que se conservaban ben estaban sólidos, o que pasa é que moitos dos restos eran inferiores a un ou dous milímetros", detalla Serrulla. "O feito de que estiveran carbonizados non foi precisamente unha dificultade. Chamoume moito a atención porque a carbonización actuara como consolidando os ósos, fixéraos máis duros. E isto foi, posiblemente, pola hipótese que me comentara Alejandro Barral sobre que no incendio da capela das Reliquias o relicario actuara como un forno para o cranio. Este tipo de carbonización lenta favorece a deshidratación e que algunhas partes do óso non cheguen a fragmentarse, pero as que teñen menos estrutura si que se poden facelo″.
O estudo in situ dos restos non permitiu empregar técnicas radiolóxicas. ″Nunca sabes o que podería ter aportado a radiografía porque non a fixeches, e ás veces te sorprende o feito de facer placas e ver cousas que non sospeitabas que ías ver. Pero os resultados fundamentais, o que son as lesións, non creo que mudaran moito por ver unha radiografía neste caso″, apunta o forense.
"Isto só pode ser unha espada, calquera antropólogo forense que analizase as lesións estaría de acordo comigo″, di Serrulla
″Nos restos víanse as lesións previas á decapitación. É como cando rompes unha vasilla de barro, os bordes da fractura acostuman a ser máis ou menos perpendiculares á superficie da vasilla. Porén, e isto pasa tamén nos cranios que sofren efectos da calor, se miras ben a lesión o que hai é un bisel, un plano de sección de todo o espesor do óso. Ao contrario, non é nada perpendicular, hai dúas lesións de corte cun instrumento que ten que ter o suficiente fío e a suficiente masa como para facer iso. Isto só pode ser unha espada, é moi característico e está moi estudado. Non creo que haxa ningunha dúbida, calquera antropólogo forense que analizase as lesións estaría de acordo comigo″, explica Serrulla.
Ademais, na contextualización histórica que leva a cabo Serrulla no seu artigo científico, lembra que diversas fontes sinalan que o arzebispo Xelmírez non tiña dúbidas de que a cabeza que chegara a Compostela a través da raíña dona Urraca no ano 1116 pertencía realmente ao Apóstolo Santiago, e non a Santiago o Menor. A idea de Xelmírez viña de que o cranio viaxou desde Xerusalén ata Braga no ano 1108 da man do bispo Mauricio Burdino, que aseguraba que tiña a cabeza de Santiago o Maior. Unha afirmación que en Compostela non podían aceptar porque aseguraban ter o corpo enteiro do Apóstolo. No fondo, o que había aquí era unha loita de poder entre as igrexas de Braga e Santiago por captar as peregrinacións.
"Non quero entrar en conflito co mundo relixioso porque son cousas distintas", defende o forense
"O Apóstolo Santiago é un mito e hai que ser moi escrupuloso. Eu unicamente apunto unha hipótese nun artigo científico revisado e criticado por outros profesionais. Non quero entrar en conflito co mundo relixioso porque son cousas distintas", asevera o forense, membro da Sociedad de Ciencias Aranzadi, desde o Hospital de Verín, onde ten o seu posto de traballo.
No entanto, aínda que este foi un episodio illado na súa carreira, como tantos outros, Serrulla non desbotaría a oportunidade de participar da análise dos restos que descansan na cripta da Catedral, xa que no seu artigo deixa claro que as conclusións do estudo encargado polo cardenal Payá a finais do século de XIX non teñen validez científica hoxe. Dito estudo, realizado por tres profesores da Universidade de Santiago en 1879, serviu para pechar o debate sobre a identidade dos restos atribuídos ao Apóstolo Santiago e os seus dous discípulos.