Os visitantes das Illas Atlánticas pagarían para mellorar a súa xestión ambiental

Vista das illas Cíes, as principais do Parque das Illas Atlánticas, desde o seu faro, cunha gaivota en primeiro termo CC-BY-SA Praza Pública

O estudo que en 2023 consultou a posibilidade de cobrar para recuperar flora e fauna vén de publicarse e conclúe que a cidadanía prefire accións "moderadas" e que as lagoas de coñecemento inflúen na súa escolla

No verán de 2023 o Parque Nacional das Illas Atlánticas, dependente da Xunta, fixo enquisas aos seus visitantes formulando a posibilidade de cobrar 5 ou 2,5 euros por persoa para financiar programas de diversa intensidade de recuperación de flora e fauna. Aquelas consultas formaban parte dun estudo do Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e do Parque Nacional que vén de publicarse hai uns días e que conclúe que os visitantes "apoian as intervencións de conservación moderadas fronte á inacción ou a xestión intensiva", que "as lagoas de coñecemento inflúen significativamente nas preferencias do público" e que hai "ampla marxe para conciliar as prioridades ecolóxicas e sociais".

Explicación da enquisa realizada en 2023 sobre o posible cobro a visitantes ao Parque Nacional das Illas Atlánticas CC-BY-SA Praza Pública

Coa enquisa formulada no verán de 2023 en nome da Xunta, segundo avanzou Praza.gal, o Goberno galego dicía que non estaba a estudar implantar ningún suplemento por acceder ao parque, para o que actualmente hai que obter un permiso gratuíto co único custo dos billetes das navieiras para quen non dispoña de embarcación propia. 

A investigación agora publicada a partir daquela enquisa polos investigadores Mario Soliño e Vicente Piorno pon o foco nas preferencias ambientais dos visitantes, tentando calcular a valoración económica da mellora do benestar que sentirían coas súas escollas. "Se só implantamos as medidas que ecoloxicamente serían máis adecuadas, a mellora do benestar que sentirían os visitantes sería menor que se implantamos as súas preferencias, aínda que as medidas custasen máis, pero o fundamental é que aínda así pagarían, hai marxe de conciliación", explica a Praza.gal Soliño, do Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC.

A enquisa combinaba "medidas moderadas" ou "intensas" de xestión ambiental cun "suplemento" de 2,5 ou 5 euros en función das preferencias dos visitantes

O estudo publicado a pasada semana na revista académica Conservation Science and Practice realizouse con 4.141 enquisas entre o 18 de xuño e o 14 de agosto de 2023. Preguntouse polo coñecemento que os visitantes tiñan de flora e fauna das illas e centrouse na gaivota patiamarela, o eucalipto e a acacia. Sobre as primeiras indicouse que o seu declive -en 20 anos pasaron de 30.000 a 6.000 parellas reprodutoras- pode ser enfrontado con "medidas moderadas" que o deteñan, "medidas máis intensas" que permitan aumentar a poboación ou sen facer nada, o que continuaría co declive. 

Canto ás árbores "non propias" de Galicia, formulouse a posibilidade de eliminalas todas, eliminar a metade ou non eliminalas. E á súa vez, onde se eliminen esas árbores, e tras lembrar que a mediados do século pasado as illas só presentaban unha vexetación de mato e monte baixo, preguntouse pola preferencia futura: "plantar árbores propias de Galiza, aínda que non existisen a mediados do século pasado", "promover o mato e vexetación baixa" que había antes ou manter "as árbores non propias de Galiza".

A parte final da enquisa consistiu en dar a elixir entre unha combinación das diversas posibilidades anteriores de xestión ambiental con "suplementos" de 5 ou 2,5 euros, ou sen ningún cobro adicional no caso de que non se desexase acometer ningún programa de recuperación de flora e fauna.

Enquisa sobre o posible cobro a visitantes ao Parque Nacional das Illas Atlánticas CC-BY-SA Praza Pública

Segundo o estudo agora publicado, que diferencia entre visitantes por primeira vez (62,27%) e visitantes "experimentados" que xa coñecían o parque (36,73%), "os visitantes experimentados amosan maior coñecemento sobre temas como a tendencia poboacional da gaivota patiamarela ou a identificación das especies presentes no parque". Tamén se observan "diferentes intensidades de preferencia polos programas de conservación" pero "en xeral, os resultados amosan que unha estratexia de non intervención implicaría unha perda de benestar" mentres que "existe unha demanda social observable de medidas de xestión moderadas" no parque. 

"Os visitantes prefiren a eliminación parcial de árbores non autóctonas en lugar da completa, así como a estabilización da poboación da controvertida gaivota patiamarela en vez do seu aumento", di o artigo científico

A partir das respostas da cidadanía, o estudo tenta cuantificar en termos económicos a mellora de benestar que obtería cada visitante segundo as medidas ambientais preferidas. Así, "se só se tomasen as accións de xestión mellor valoradas polos visitantes, o aumento no benestar acadaría os 3,30 euros por visita, o que supón aproximadamente 1,65 millóns de euros anuais que poderían destinarse ás actividades de xestión máis demandadas polos visitantes enquisados", unha cifra que se obtén das arredor de medio millón de visitas que rexistra o parque cada ano. Esas medidas desexadas polos visitantes serían menos custosas que as medidas ecoloxicamente máis adecuadas, explica Soliño, pero con estas últimas "aínda así, a mellora de benestar ascendería a 400.000 euros" -0,80 céntimos por visitante- "que é unha contía que se fose destinada á xestión ambiental non é nada desdeñable".

"Pero o obxectivo do estudo non é establecer un pago, senón máis ben salientar os beneficios que unha xestión moderada tería para unha parte considerable da sociedade, que non son outros que os que directamente desfrutan dun patrimonio natural certamente único", matiza o artigo, para engadir que é "un xeito de atribuír un prezo aos intanxibles que doutro xeito entrarían nas funcións de toma de decisións públicas con custo cero, a pesar de ter un valor relevante para a sociedade". "O fundamental é que hai marxe de conciliación", salienta Soliño: que os visitantes pagarían mesmo para a adopción de medidas ambientais que non serían as que máis lles gustaría.

Illas de Ons e Onza, no parque das Illas Atlánticas CC-BY-SA Ángel Torres

Conclusións

O artigo ofrece tres conclusións. A primeira, que "os visitantes apoian as intervencións de conservación moderadas fronte á inacción ou a xestión intensiva". "A 'non xestión' non é a decisión correcta en ningún caso, dado que suporía unha perda considerable do benestar humano", di, e considera que "os visitantes prefiren a eliminación parcial en lugar de completa de árbores non autóctonas e estabilizar mellor que incrementar a poboación da controvertida gaivota patiamarela en vez do seu aumento". 

A segunda conclusión é que "as lagoas de coñecemento inflúen significativamente nas preferencias do público". "Identificamos que os visitantes descoñecen a diminución da poboación de gaivotas patiamarelas, e que preferían especies forestais máis típicas dos arredores do parque que das propias illas, o que suxire que campañas de información dirixidas poderían aumentar o apoio a accións de conservación máis intensivas". 

"As medidas de comunicación e xestión que teñan en conta as preferencias do público contribuirían á conservación con éxito das áreas protexidas", conclúe o estudo

A terceira conclusión é que "hai ampla marxe para reconciliar as prioridades ecolóxicas e sociais" e que "a grande afluencia de público a áreas protexidas representa unha oportunidade para os xestores e responsables da toma de decisións, que poderían atopar que os visitantes son máis receptivos a medidas de conservación que poderían ser controvertidas noutros lugares". "Poteriormente sería máis sinxelo estendelas progresivamente a outras áreas cando a súa aceptación aumente", engade.

O artigo remata sinalando que "as medidas de comunicación e xestión que teñan en conta as preferencias do público contribuirían á conservación con éxito das áreas protexidas" e que "o coñecemento da opinión pública baseado en evidencia científica é unha ferramenta moi útil na aplicación práctica da bioloxía de conservación". 

  • [Aquí pode consultarse o artigo completo: Soliño, M., & Piorno, V. (2026). Are the ecological and human dimensions of a national park reconcilable? Addressing visitors' preferences for conservation programs. Conservation Science and Practice, e70326. https://doi.org/10.1111/csp2.70326 ].

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.