O investigador constatou o aumento significativo na velocidade de propagación do lume por causa da redución da humidade dos combustibles asociada ao aumento da temperatura
As voces expertas levan anos advertindo de que os efectos do cambio climático e o quencemento global están a provocar que os incendios forestais sexan máis virulentos, con chamas que avanzan máis rápido e que ocupan máis terreo, o que unido ao proceso de abandono do rural en Galicia dá como resultado un escenario moi perigoso.
Agora a tese de doutoramento do físico Martín Senande Rivera, que vén de presentar na Universidade de Santiago, afonda nesta cuestión e analiza a relación entre os incendios forestais e a atmosfera nun contexto de cambio climático. Entre as conclusións do estudo, o investigador constatou o aumento significativo na velocidade de propagación do lume por causa da redución da humidade dos combustibles asociada ao aumento da temperatura.
O traballo analizou o impacto do cambio climático no comportamento dos incendios forestais da Península Ibérica nos últimos anos e detectou a influencia do cambio climático na orixe de procesos convectivos profundos na atmosfera orixinados polos fluxos de calor dos incendios, un proceso que se coñece como piroconvección e que pode derivar nunha propagación rápida e errática do lume.
A investigación detectou a influencia do cambio climático na orixe de procesos convectivos profundos na atmosfera orixinados polos fluxos de calor dos incendios, a piroconvección, que pode derivar nunha propagación rápida e errática do lume. Senande usou varias bases de datos, observacións de satélite, modelos climáticos e simulacións numéricas
A investigación foi desenvolvida no Centro Interdisciplinario de Investigación en Tecnoloxías Ambientais da USC (CRETUS) CRETUS, dentro do Grupo de Física Non Lineal da USC e baixo a dirección do catedrático Gonzalo Miguez Macho. A tese, que obtivo a mención cum laude, desenvolveuse no marco do proxecto RIESPIRO, que ten por finalidade a caracterización da interacción entre incendios forestais e atmosfera, e está financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación e a Unión Europea.
Martín Senande Rivera empregou diferentes bases de datos, observacións de satélite, resultados de modelos climáticos e tamén realizou simulacións numéricas de incendios forestais cun modelo de propagación de incendios acoplado a un modelo atmosférico. Parte dos resultados da tese publicáronse en revistas científicas de impacto como Nature Communications ou Environmental Research Letters.
A área global con condicións propensas a incendios frecuentes aumentaría, por mor do cambio climático, nun 29% a fins de século
Así, por exemplo, no artigo titulado ‘Spatial and temporal expansion of global wildland fire activity in response to climate change’, evidenciouse como o clima determina en grande medida as rexións propensas a incendios actuais e a súa tempada de incendios. Así, a área global con condicións propensas a incendios frecuentes aumentaría, por mor do cambio climático, nun 29% a fins de século, principalmente nas zonas boreal (+111%) e temperada (+25%), onde tamén pode haber un alongamento significativo da posible tempada de incendios.
O número de días con risco de piroconvección profunda podería aumentar significativamente no sur de Europa
Ademais, a partir das proxeccións de modelos climáticos para o século XXI, o número de días con risco de piroconvección profunda podería aumentar significativamente no sur de Europa, especialmente na rexión do Mediterráneo occidental, onde pasaría de entre 10 e 20 días ao ano, na actualidade, a entre 30 e 50 días por ano a finais de século, tal e como mostran os resultados publicados no artigo ‘Towards an atmosphere more favourable to firestorm development in Europe’.