No ano 2019 a Xunta sacou a concurso e adxudicou un amplo contrato de "subministración e actualización tecnolóxica de software de servidor, backoffice e escritorio", exclusivamente con programas con licenza de Microsoft e cun custo final para o orzamento público de algo máis de 13,5 millóns de euros. Pouco despois, o Goberno galego asinou un acordo con Microsoft para fomentar o software privativo en todos os centros de ensino, un convenio cuxo contido exacto só puido ser coñecido tras unha reclamación de Praza.gal á Comisión da Transparencia de Galicia.
En 2019 o Goberno galego asinou un acordo con Microsoft para fomentar o software privativo en todos os centros de ensino e pagou 13,5 millóns de euros en licenzas de programas da multinacional
O acordo foi criticado polo sector galego do software libre como prexudicial para o propio alumnado ao considerar que será enfocado cara ao software privativo aumentando a súa dependencia tecnolóxica e dificultando a súa adaptación a outro tipo de ferramentas.
Nese momento a Asociación Xeopesca, que entre os seus obxectivos ten o fomento do software libre, solicitou información á Xunta sobre o convenio subscrito con Microsoft no ámbito educativo e, ademais, realizou peticións ás diferentes comunidades autónomas para coñecer e comparar o contexto tecnolóxico e a implantación das tecnoloxías privativas e libres en cada lugar.
Xeopesca compara os 13,5 millóns pagados por Galicia en licenzas Microsoft no ano 2019 cos 17,76 abonados pola Comunidade de Madrid nun período de catro anos
A entidade destaca que o Goberno galego aínda non respondeu á súa solicitude de información, pero si o fixo a Comunidade de Madrid, que detalla que no período 2015-2019 realizou un gasto de produtos con licenza de Microsoft de 17.758.037,62 euros, incluíndo aquí tanto as partidas abonadas directamente á multinacional estadounidense, como a outras empresas partner que funcionan como distribuidoras de servizos da compañía, como Seidor, Seringe, BT España ou Specialist Computer Centres. Para estas empresas partner o concepto de facturación resúmese en tres alternativas: actualización dun sistema, suscripción de licenzas e mantemento de programas de Microsoft.
Xeopesca compara os 13,5 millóns pagados por Galicia en licenzas Microsoft no ano 2019 cos 17,76 abonados pola Comunidade de Madrid nun período de catro anos, un dato que contribúe a "incrementar a nosa preocupación no gasto de solucións privativas e a ausencia de políticas reais na implantación de tecnoloxías libres".
A entidade destaca que a información da Comunidade de Madrid "incrementa a nosa preocupación no gasto de solucións privativas e a ausencia de políticas reais na implantación de tecnoloxías libres"
A entidade afirma que a propia Comunidade de Madrid destaca a importancia da "nula interoperabilidade de aplicativos propios que foron deseñados en exclusiva para o ecosistema das aplicacións Microsoft", sinalando a "imposibilidade de integración doutras ferramentas ofimáticas independentes da suite de Microsoft en distintas aplicacións da Comunidade de Madrid, tales como Gestión Procesal ou Historia Médica”. Para Xeopesca, "isto indícanos da forte dependencia tecnolóxica da administración cun modelo de negocio e de ecosistema de aplicativos pechado e pouco interoperable".
"Indícanos a forte dependencia tecnolóxica da administración cun modelo de negocio e de ecosistema de aplicativos pechado e pouco interoperable"
Ademais, en relación aos detalles da información achegada pola Comunidade de Madrid, Xeopesca salienta que o Goberno rexional madrileño afirma que, en referencia ao estudo de alternativas aos produtos de Office365, houbo "probas de concepto con alternativas libres con resultados negativos polos usuarios". "Sobre estes estudos de concepto non se achega información sobre criterios, obxectivos, plan de seguimento e mellora e tamén da formación correspondente aos usuarios", critica Xeopesca.