A mostra 'Paisaxe_0', impulsada polo colectivo Poligonal de Lúa Gándara e Olmo Blanco, funciona como unha radiografía para comprobar cun golpe de vista como se está a representar a paisaxe galega
Os artistas Lúa Gándara e Olmo Blanco crearon o colectivo Poligonal hai aproximadamente un ano, centrando na paisaxe galega o seu obxecto de estudo. "Xuntámonos un pouco por aunar forzas", di Olmo Blanco, ao que Lúa Gándara engade: "E por supervivencia". Para o seu primeiro proxecto "físico" contan cunha vintena de artistas que suman as súas olladas para interpretar a paisaxe do país.
"Convidamos a artistas a expoñer e difundir a súa obra, tanto en redes como agora nunha mostra física na galería Metro de Santiago de Compostela", explica Gándara. A representación artística do territorio é o que une aos 25 artistas que expoñen en Paisaxe_0, que se pode visitar ata o 18 de abril en horario de luns a venres de 17:00 a 20:00 horas, ou con cita previa.
Tono Arias, Haya Blanco, M. Blanco, Mariano Casas Gil, Andrés Dearca, Kathleen Day, Luís Díaz Díaz, Xurxo Durán, Yasmina Farhani Luaces, Yoseba M.P., Maz, María Meijide, Joan Morera, Doa Oa, Pablo Orza, Mateo Pérez, David Quinteiro, Catara Rego, Yolanda Ríos Coello, Andrés Rivas, Fran Rodríguez Casal, J.L. Seara, Edu Valiña, Diego Vites e Sabela Zamudio asinan as pezas da mostra Paisaxe_0.
Con obras de 25 artistas de disciplinas diversas, pódese visitar ata o 18 de abril na galería Metro de Santiago
"Son artistas moi diferentes, a maioría son de Galicia pero tamén nos pareceu interesante incluír a ollada de creadores de fóra, hai quen xa ten unha carreira consagrada e quen está a comezar. Gústanos que haxa diversidade, xuntar a diferentes xeracións garante que se xera un debate entre as pezas", destaca Lúa Gándara, que xa pensa noutras colaboracións con máis artistas que están a traballar a paisaxe para os proxectos do colectivo Poligonal.
Fotografía, escultura, pintura... A mostra funciona como unha radiografía para comprobar cun golpe de vista como se está a representar a paisaxe galega no momento actual. "Estamos facendo un pequeno mapeado da xente que se dedica a isto para poñer en valor a propia paisaxe e o traballo destes artistas", sinala Olmo Blanco, para incidir en que a exposición tamén obedece a unha preocupación polo que está a suceder co territorio.
"Entendemos a paisaxe como un espello que reflicte o que somos", sinala Lúa Gándara
"Entendemos a paisaxe como un espello que reflicte o que somos, é dicir, que os cambios económicos e sociais trasnforman a paisaxe, mais tamén a nosa mirada e a nosa forma de representala. Estamos nun momento crítico no que se está a atacar a paisaxe pola gran explotación dos recursos e cremos que debemos axudar a que a xente valore a paisaxe e sexa máis sensible aos cambios", debulla Lúa Gándara.
Non se trata só de expoñer unha serie de obras, pois desde Poligonal tamén buscan crear puntos de encontro para artistas e facilitar o seu achegamento ao público xeral. "O bo de facer cousas en grupo é que é mellor para todos, ademais de que resulta máis divertido, multiplícanse as posibilidades", apunta Gándara.