"A Chanfaina Lab é unha modesta experiencia audiovisual que fomenta o encontro de cineastas e a creación libre nun espazo rural", destacan dende a organización, que fai fincapé na liberdade creativa e na convivencia e o encontro entre os e as distintas cineastas
Do venres 5 ao domingo 7 desenvólvese en San Sadurniño a décima edición do Chanfaina Lab, unha iniciativa de creación audiovisual no espazo rural que vén desenvolvéndose dende ano 2014. Un ano máis durante unha fin de semana un amplo conxunto de realizadores e realizadoras procedentes de toda Galicia reuniranse neste concello para gravar as imaxes que conformarán unha curtametraxe de menos de cinco minutos que será presentada no vindeiro mes de febreiro nunha gala nesta mesma localidade.
"A Chanfaina Lab é unha modesta experiencia audiovisual que fomenta o encontro de cineastas e a creación libre nun espazo rural. Todas e todos eles teñen por diante tres intensos días nos que deberán concibir unha historia, planificala, producila e gravala. O tema polo que poden tirar é totalmente libre no concepto, na forma e no fondo, xa que a única esixencia é que a filmación se faga dentro dos límites municipais", explican dende a organización. Dende o ano 2014, nas nove edicións realizadas producíronse 215 e o Chanfaina conformouse como un espazo de aprendizaxe para varias xeracións do audiovisual galego.
Entre o venres 5 e o domingo 7 os as realizadoras gravarán curtametraxes nas que este concello e a súa veciñanza serán protagonistas. O resultado final verase en febreiro coa estrea das pezas
A experiencia destaca pola liberdade creativa e pola convivencia e o encontro entre os e as distintas cineastas. O Chanfaina Lab é, ao igual que a chanfaina de onde toma o nome, un "revolto de cousas diversas"; e por este motivo procúrase a diversidade dos e das cineastas en termos de idade, sexo, formación ou experiencia "para que o encontro sexa un tempo fecundo, unha celebración da tolerancia, onde se intercambien ideas, experiencias e capacidades".
Este ano, por exemplo participan novas promesas do audiovisual galego da Facultade de Belas Artes como Rocío Campoy e Gala Rodríguez. Tamén profesionais de longa traxectoria como Carlos Amil, Milagros Bará, Quique Otero e Pablo Fontenla e novos cineastas chegados de toda Galicia con estilos narrativos propios como Area Erina, Brandán Cerviño, Irene Pin, Álvaro Núñez ou Gon Caride.
As nove edicións anteriores sumaron 212 curtas e confirmaron esta experiencia como un escola de aprendizaxe para o audiovisual do país
E, ao tempo, hai unha ampla participación de creadores e creadoras do propio concello de San Sadurniño, como os mozos e mozas Anxo Pena, Iago Lourido, Bieito Beceiro, Pablo Martínez, Ángela Arnosa, Kevin Lorenzo; o colectivo 'NaraíoMedia'; os veteranos veciños e veciñas de 'A Rigueira' e 'Teño unha horta'; e outros cineastas como Fran da Lobeira, Leandro Lamas, Roberto Grandal, Abel Vega e “The Sungirls” entre outros. As persoas interesadas poden descargar aquí o catálogo para consultar información actualizada de cada participante e actividades.
O cartel deste ano, deseñado polo artista gráfico Leandro Lamas, tomou como referencia o Pico de Ferreira e a súa relevancia como enclave emblemático patrimonial e paisaxístico da contorna de San Sadurniño
Todos os carteis do Chanfaina Lab desde a primeira edición inspíranse en motivos relacionados co patrimonio artístico ou natural de San Sadurniño. O cartel deste ano, deseñado polo artista gráfico Leandro Lamas, tomou como referencia o Pico de Ferreira e a súa relevancia como enclave emblemático patrimonial e paisaxístico da contorna de San Sadurniño.
O evento, organizado polo Concello de San Sadurniño e patrocinado pola Deputación da Coruña, inclúe nesta fin de semana outras actividades colectivas, como umnha visita guiada polo xeólogo Francisco Canosa ao Pico Ferreira, proxeccións, un concerto da banda Nebra, unha exposición fotográfica e a presentación do libro O cineísta andarengo. A propósito de Bernardino de Lamas, de Manolo González.