A Asociación Cultural Irmáns Suárez Picallo, que solicitou en tres ocasións acceso ao expediente da declaración BIC do Museo Carlos Maside, denuncia que non obtivo resposta por parte da Consellería de Cultura
O pasado 29 de xullo o D.O.G. publicou o decreto de declaración BIC do Museo Carlos Maside e a colección que custodia, un expediente que estaba a piques de caducar. Este decreto, en trámite de información pública, determinou un prazo de 30 días para presentar recurso de reposición, un prazo que remata este venres.
A Asociación Cultural Irmáns Suárez Picallo (ACISP) solicitou acceso ao expediente en tres ocasións para poder fundamentar este recurso de reposición na súa condición de parte interesada ao ter presentado no seu día alegacións que foron desestimadas. Porén, a entidade cultural con sede en Sada denuncia que en ningún momento obtivo resposta por parte da Consellería de Cultura.
A asociación denuncia que a Xunta está a vulnerar o procedemento administrativo común das Administracións Públicas, "impedindo á ACISP o acceso como entidade interesada e polo tanto, que poida presentar en tempo e forma un recurso fundamentado, ao non poder coñecer a documentación que obra nese expediente". A entidade sinala que "esta é unha manobra máis de oscurantismo da Xunta diante dun proceso de declaración BIC plagado de erros e desatinos".
A entidade critica o cambio de nome do museo, ao que se lle engade Sargadelos "sen a debida xustificación"
Entre as críticas que realiza a Asociación Cultural Irmáns Suárez Picallo está o cambio de nome do Museo "sen a debida xustificación". Mentres que na acta fundacional aparece Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside agora engádeselle “Sargadelos”.
A ACISP denuncia tamén que o inventario que aparece no Decreto "está incompleto" e recolle un número de obras "moi inferior ao que realmente tiña ou debería ter o museo, o que deixa en total desamparo a boa parte da obra alí recollida".
Denuncia tamén que o inventario que aparece no Decreto "está incompleto" e recolle un número de obras "moi inferior ao que realmente tiña ou debería ter o museo"
Ademais, alerta de que a declaración BIC "refírese exclusivamente ao edificio e obra artística do Museo, cando debería extenderse á totalidade do complexo de Cerámicas do Castro, porque foi aí onde naceron todos os proxectos posteriores: A fábrica de Magdalena, a de Cervo, edición do Castro e o propio Museo Carlos Maside".
A asociación afirma que "seguirá insistindo" en acceder a ese expediente co fin de estudar con fundamento "posibles actuacións xudiciais futuras tanto contra o silencio intencionado que xenera indefensión, coma contra ese Decreto da Xunta que non garante nin a preservación da totalidade das obras, nin o nome do museo nin tampoco se extende ao conxunto de Cerámicas do Castro".
Ademais, alertan de que a declaración BIC "refírese exclusivamente ao edificio e obra artística do Museo, cando debería extenderse á totalidade do complexo de Cerámicas do Castro
Un museo inaugurado en 1970 que recolle o mellor dos renovadores da arte galega
O Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside inaugurouse en 1970, pensaddo para conservar e exhibir, partindo de Castelao como xerme da renovación, as obras da arte galega da xeración de artistas dos anos trinta do pasado século, "a que rompeu coas normas tradicionais da plástica galega e que era descoñecida a causa da morte, do exilio exterior ou interior e do esquecemento que sufriron gran parte dos seus membros logo da Guerra Civil e da instauración da ditadura franquista", como destaca a web Isaac Díaz Pardo. Memoria Viva.
A asociación afirma que "seguirá insistindo" en acceder a ese expediente co fin de estudar con fundamento "posibles actuacións xudiciais futuras"
Nos seus primeiros anos ocupou un edificio provisional cedido por Cerámicas do Castro, aínda que xa en 1971 ampliouse o Museo cunha nova sala dedicada a exposicións temporais, inaugurada cunha mostra de gravados de Picasso e Miró, á que lle seguiron outras dedicadas a Grosz, Alberto, Clavé, Solana, Guinovart e Bertolt Brecht. En 1982, o Museo trasladou a súa sede definitiva ao edificio deseñado por Andrés Fernández-Albalat, unha construción de tres plantas, con doce salas de exposicións e un auditorio deseñado por Díaz Pardo.
A colección consta de 2.100 obras, 500 delas en exposición permanente. Entre elas destacan os fondos de Castelao, Seoane, Mallo, Colmeiro, Laxeiro, Lugrís, Llorens e o propio Maside, entre outros moitos.