A Bienal de Pintura do Eixo Atlántico amosa en Lugo as obras premiadas desde 1997 e abre inscricións da nova edición

Obras da última Bienal de Pintura do Eixo Atlántico, a de 2021, amosadas daquela nunha mostra virtual pola pandemia © Eixo Atlántico

O Museo Interactivo da Historia de Lugo acolle ata o 31 de agosto unha mostra dos mellores traballos da eurorrexión no último cuarto de século

O Eixo Atlántico, asociación das cidades da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, organiza desde 1997 unha Bienal de Pintura "co obxectivo de estimular a creación artística e posibilitar simultaneamente o intercambio cultural e o coñecemento de artistas". Estes días, e ata o 31 de agosto, as obras premiadas no certame durante o último cuarto de século poden contemplarse no Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL). Unha actividade enmarcada na programación da Capital da Cultura do Eixo Atlántico, que este ano recaeu en Lugo.

Primeiro premio da última Bienal de Pintura do Eixo Atlántico, a de 2021 © Eixo Atlántico

Ao tempo, o Eixo Atlántico vén de abrir o prazo de inscrición para unha nova edición da Bienal, a XIV. Os artistas interesados poderán concorrer ata o 5 de setembro cunha única obra de pintura orixinal e inédita que non fose exposta nin presentada antes a ningún outro certame, segundo as bases que o Eixo Atlántico dispón na súa web.

As obras da nova edición da Bienal serán tamén expostas en Lugo a finais deste ano

As obras desta nova edición serán tamén expostas en Lugo a finais deste ano, coincidindo co peche da súa capitalidade cultural, e despois formarán parte dunha mostra itinerante que recorrerá a eurorrexión. Será na inauguración desa mostra en Lugo cando o xurado fará públicos os galardóns, cun primeiro premio de 4.000 euros, un segundo de 2.000 euros e un premio para novos talentos de entre 16 e 25 anos de 1.500 euros.

Segundo premio da última Bienal de Pintura do Eixo Atlántico, a de 2021 © Eixo Atlántico

A mostra coas obras participantes na anterior Bienal, a de 2021, afectada pola pandemia da COVID, poden verse aínda nunha mostra virtual

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.