Hai sexo, drogas e rock and roll na última montaxe de Ibuprofeno Teatro, Smoke on the water. Mais tamén hai violencia, maltratos variados -nese grao que parece estar integrado e aceptado socialmente-, dependencias mutuas e, sobre todo, seres atrapados. Fracasados. Frustrados. Desgastados pola vida. Incapaces de axudarse. De quererse. Que chegan a resultar tenros na súa torpeza emocional. Santiago Cortegoso é o autor do texto e director desta obra, interpretada por Josito Porto, Belén Constenla, Adrián Rios e María Costas, con Mon Orencio como músico e director da banda en directo. Unha traxicomedia na que é difícil non rir. Mesmo cando parece inaxeitado. Falamos con Santiago Cortegoso.
Sexo, drogas, violencia, prostitución, enfermidade e morte. Por onde empezou o texto?
Sempre comezas con estímulos diversos e, ademais, eu teño tendencia a reunir sementes diversas. Se cadra o principio é a parella formada por Janis e Ritchie, que non son quen de separarse malia ser unha relación moi deteriorada, como pasaba en Hamster. É unha situación enquistada, un statu quo moi difícil de romper. Non se atreven a separarse, por medo ou polo que sexa… E despois está o rock, a mitomanía do rock… Ritchie é unha persoa que quedou ancorada nesa contracultura cando xa pasaron outras corenta contraculturas máis, pero el segue nesa. Sería a xeración un pouco maior á miña.
Hai tanta violencia e tal grao de maltrato entre os personaxes que, se non tivese ese ton cómico ás veces disparatado ou mesmo totalmente absurdo, podería resultar insoportable…
O de comedia é un concepto moi amplo. Os xéneros, ademais, xa non se entenden como manifestacións puras. Eu prefiro chamarlle traxicomedia sórdida. En realidade é unha traxedia protagonizada por seres que son moi desgraciados. Unha historia terrible, pero tratada, si, desde o humor, de xeito que ás veces o público pode estar rindo e ao mesmo tempo preguntándose, pero como me fai graza isto? Mais algo que nos comentan moito é que os personaxes inspiran tenrura. Porque son tan torpes, tan incapaces de axudarse e de quererse… A obra amosa esta miseria emocional, pero desde a comedia. E penso que ese enfoque pode favorecer a empatía do público.
“Eu prefiro chamarlle traxicomedia sórdida. En realidade é unha traxedia protagonizada por seres desgraciados”
Ritchie e Janis teñen unha relación complexa que inclúe o maltrato, sobre todo por parte del, que chega a ser moi cruel cunha persoa que está moi enferma. Como pensaches esa relación entre eles?
É unha relación, en realidade, moi viciada. Levan 25 anos nesa situación. Janis, que di varias veces na obra que non quere discutir, é moito máis intelixente e sensible ca el. E non sei se segue con el pola súa enfermidade ou porque está desquiciada, pero non é quen de parar a situación. Pero eu non sabería dicir cal está máis enfermo dos dous. El está enganchado ás drogas, totalmente descontrolado. Nos momentos de tensión maltrátaa, pero eu creo que por torpeza e descontrol.
É un espectáculo duro, unha relación complexa. E se cadra ambos a manteñen porque non teñen alternativa: os dous dependen un do outro e ao mesmo tempo Amparo, a nai tamén enferma de Ritchie, depende deles e eles dependen de Amparo. Isto é algo que falamos moito nos ensaios: pensamos que un dos grandes temas da obra é a dependencia. Unha traballadora social que coñecemos díxonos que ela ve situacións así todos os días. Con frases do tipo: onde vas ir ti se non sabes desenvolverte por ti soa? Son situacións que se dan no mundo real. Tamén as persoas que podemos ter maior estabilidade emocional e vital podemos vernos ás veces en dinámicas das que non sabemos saír…
“Un dos grandes temas da obra é a dependencia”
O tema da prostitución está tratado desde o punto de vista dunha muller maior e un gigiló novo. Prostitución de luxo, porque el, como di, está a forrarse. Ela, que é quen demanda, é quen lle di a el que podería adicarse a outra cousa. O mesmo que se di tantas veces das mulleres prostituídas, aínda que a situación da enorme maioría nada teña que ver coa de Alex. É curioso iso…
O tema da prostitución está tratado desde o punto de vista masculino e ademais Alex e Janis namoran, formando unha parella moi estraña. Pero el namora dela e ela del. Ela non entende por que el leva ese xeito de vida tendo a oportunidade de ser “normal”, que é algo que ela non pode ser. Despois, a obra non deixa de ter unha estrutura de comedia romántica. Unha parella que loita polo seu amor, aínda que non haxa final feliz. Álex, ademais, é un personaxe moi contraditorio metido nun amor imposible.
Quizais é, efectivamente, difícil entender por que namoran.
Se cadra porque os dous necesitan a alguén. Ela atopa a alguén neste rapaz. E el igual tamén é un solitario. Está con mulleres ricas por diñeiro e de repente encontra o amor. Os dous atopan algo, teñen curiosidade un polo outro. É unha relación estraña pero o texto tampouco trata de dar unha resposta a esa pregunta. O público entra nesa convención, sen máis…
Outra convención na que entrar é o que acontece desde a aparición de Joan Baez. Todo se torna tan comicamente absurdo que, ou entras, ou saes da obra, o cal é un risco que pareces asumir.
“A obra non deixa de ter unha estrutura de comedia romántica”
Claro, é que chega un momento en que entras na convención de que, a partir de aquí, todo pode ser posible. O texto asume un risco e é algo consciente. É unha obra de autor, unha historia peculiar. Un tipo de humor que sae do máis corrente, dos xéneros estandarizados. Ademais, a obra vai saltando do tráxico ao cómico. Hai unha morte, sae o tema da eutanasia e todo o mundo queda en silencio e despois volve o humor, a comedia disparatada… Tamén o final pode ser arriscado pero eu tíñao moi claro. É unha obra na que de fondo está o rock. É loucura, é desenfreo…
Nese sentido é moi importante o personaxe de Josito Porto: Ritchie. Un home que quedou noutro tempo, pero no que tamén hai ás veces lucidez…
É un personaxe moi pasado de voltas, con momentos paródicos. A pija de repente métese tamén na súa filosofía do rock… Que é tamén un xeito de falar da hipocrisía da xente aparentemente seria e ben pensante. Josito sempre di do seu personaxe que ten razón no que di… Ademais, esa filosofía do rock que defende o personaxe é algo co que é fácil identificarse. A defensa da liberdade, a crítica da sociedade benpensante, o sexo, as drogas… Era un discurso co que a xente no contexto dos 60 e 70 flipaba e que hoxe tamén pode seguir resultando atractivo. O público pode empatizar con Ritchie por iso. Mais ao mesmo tempo é unha persoa capaz de maltratar a súa parella e totalmente incapaz de axudala. Non é unha historia de bos e malos. Todos sofren.
“Non é unha historia de bos e malos. Todos sofren”
Josito interpreta un Ritchie inmellorable. Como escolliches os actores?
Penso que si, que non puiden atopar un Ritchie máis auténtico. Nesta obra había un handicap, que é que tiñan que ser músicos porque é unha montaxe con música en directo. Excepto Belén (Janis), os demais tiñan que tocar. Josito é músico ademais de actor. María (Costas) tamén é actriz e música, e cantante. De Adri (Ríos) tamén sabía que tocaba a batería, así que todos encaixaban moi ben. Nós non facemos casting pero curramos moito o elenco, pensámolo moito. E ademais sempre temos elencos diferentes: os que nos parecen os máis axeitados en cada caso. E Mon (Ramón Orencio), é quen dirixe a banda, quen coordina a música en directo. Un excelente guitarrista que controla moito de rock. Con Belén tampouco tivemos dúbidas: ademais parécese a Janis… Era o elenco perfecto.
O personaxe máis contraditorio de todos quizais sexa o de Adrián Ríos. Álex vive das mulleres ricas pero é un anticapitalista que incendia contedores. En realidade todos son personaxes atrapados. Cada un coa súa.
Todos son contraditorios e Álex éo moito, desde logo. Álex ten a súa contradición interna porque está forrado por deitarse con mulleres ricas. E tamén quizais por iso comete actos vandálicos… É un personaxe excéntrico construído desde o humor. E si, todos están atrapados…
O feito de chamarlles aos personaxes Janis Joplin e Ritchie Blackmore non ten que ver con algo así como imaxinar a vida dos Janis e Ritchie reais…
Non, non. Son só referentes. Chiscadelas. Iso aparece ademais porque Ritchie vaille poñendo a todo o mundo o nome de alguén da historia do rock. E el quen bautiza a Joan Baez, por exemplo.
“Trato os feitos desde o cómico e desde o absurdo pero eu creo que tamén hai certa profundidade”
Alguén podería interpretar que estás a frivolizar coa prostitución.
Sempre que te metes en temas que poden ser algo espiñentos… Non sei, tamén se podería dicir que frivolizo coas drogas ou co maltrato. Trato todo desde o cómico e desde o absurdo pero eu creo que tamén hai certa profundidade. Penso que hai verdade no que pasa. Todo ten un ton de comedia desde o que se pode reflexionar sobre cousas.
O vestiario é moi axeitado. E a escenografía. Que quería representar?
O vestiario é de Marián Bañobre e o espazo escénico de Pablo Giráldez. Queriamos que todo estivese ambientado nos anos 70-primeiros dos 80. Un lugar atrapado no tempo. Como Ritchie, que non escoita música de máis alá daquela época. É un espazo ancorado no tempo ao que chega Alex, coa súa roupa moderna… Tamén a música é dese tempo, e as luces, que son como dunha sala antiga, gastada polo tempo.
Do que non hai dúbida é de que é unha obra divertida. Que fai rir mesmo cando pensas que non deberas estar rindo.
É parte do obxectivo. Que o público ría e que logo quede en silencio, como cando se fala da morte… Que a xente sinta emocións contraditorias e, si, que dubide.