A Asociación para a Defensa do Patrimonio Cultural Galego (Apatrigal) vén de advertir ao Concello de Ortigueira, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta e á Policía Autonómica da derruba de parte dos históricos pendellos da Feira, na parroquia ortegana de San Claudio.
A situación destas casetas, que se remontan ao século XIX, leva xa tempo sendo denunciada por Apatrigal, que destaca o valor patrimonial, arquitectórico, histórico e cultural duns pendellos que lembran tamén a importancia da feira que ata hai poucas décadas se celebraba nese lugar de San Claudio.
As casetas do século XIX, degradadas e parte delas derruídas, dan conta da relevancia da feira da parroquia, celebrada desde 1405 e ata hai poucas décadas
Foi nese mesmo espazo, agora degradado, onde se celebrou "a primeira e máis destacada feira de toda a redonda creada pola Real Cédula de Henrique de Trastámara en 1405". Unha feira mensual cada terceiro domingo de mes nun campón, ata 1989, e onde se comerciaba fundamentalmente con gando: vacas, becerros, cabalos, burros e algún porco.
Mostra da relevancia da Feira -nome co que se coñece tamén o núcleo de poboación que xunta varias casas na zona- é que alí aínda se conserva unha hospedaxe onde durmían algúns dos feirantes, coa corte destinada para os seus animais, así como un cine. Tamén estes pendellos do século XIX, de propiedade privada e que levan anos degradándose e con cada vez maior deterioración.
Apatrigal leva anos denunciando a deterioración dos pendellos e reclamando a actuación da Xunta e do Concello de Ortigueira
"Tentaremos dar traslado á Xunta e ao Concello para a súa protección e posta en valor, antes que se veñan abaixo", dicía Apatrigal en 2019 ante o desleixo das administracións e a evidente deterioración dun espazo onde tamén se pode ver a caseta onde se instalou a primeira báscula de pesar gando do norte da provincia da Coruña.
Pasados pouco máis de tres anos, parte dos históricos pendellos apareceron derruídos hai algúns días, logo de que levasen xa ben tempo a medio caer, aínda que se descoñece se o colapso foi debido unicamente á degradación sufrida durante anos.
Estas casetas, de propiedade privada pero coas actuacións sobre elas limitadas pola protección á que están suxeitas, teñen unha estrutura de madeira, "con cuberta de lousa, columnas perfectamente talladas, de base cadrada e biseladas en prismas octogonais na metade do fuste", destaca Apatrigal, que sinala tamén as tapas dos mostradores e contra mostradores "perfectamente rectangulares e a parede traseira recebada e caleada".
Precisamente, no mesmo lugar onde veñen de caer parte das casetas, celébrase a partir do vindeiro venres 9 de setembro o Serán Careco Solidario, un festival de música tradicional organizado por unha asociación local que recolle fondos para A Asociación de Axuda a Nenos Oncolóxicos de Galicia e que contará coa actuación de máis de vinte grupos durante dous días.