Virxinia Pereira Renda naceu na Estrada en 1884 e dende 1912 foi a esposa de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, a quen acompañou ao longo de catro décadas, ata o falecemento do rianxeiro en 1950. Pero foi moito máis que a dona de Castelao, destacando nela os "valores galeguistas, republicanos e antifascistas" que Virxinia Pereira "defendeu ata o final da súa vida”, como destaca Montse Fajardo na biografía A vida incerta.
O alcalde da localidade destaca que a estradense "non foi só a dona de Castelao", senón que "asumiu unha participación activa na loita e defensa das liberdades e tamén do ideario galeguista"
O Concello da Estrada decidiu que o 2026 será o Ano Cultural Virxinia Pereira en recoñecemento a unha das súas veciñas máis ilustres. Na presentación da programación de actividades, o alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, e a concelleira de Cultura, Lucía Seoane, destacaron que aínda que Pereira non ten obra de seu, "ten un inmenso valor". "Non foi só a dona de Castelao, non foi só a súa abnegada compañeira. Sen Virxinia Pereira o legado intelectual e artístico de Castelao non estaría hoxe a disposición do pobo galego", sinalaron.
Ademais, lembraron que pelexou por cumprir a vontade de Castelao de que a súa obra fiase no Museo de Pontevedra. "Ela asumiu unha participación activa na loita e defensa das liberdades e tamén do ideario galeguista". "Estaba ao seu carón, á par. Ela é a compañeira de vida e loita", remarcaron.
Ademais de levarse a cabo un acto de irmanamento entre os concellos natais de Virxinia Pereira e Daniel Castelao, A Estrada e Rianxo, instalarase na Praza de Galicia da vila estradense unha escultura da familia Castelao-Pereira
Hai uns días o pleno municipal estradense aprobou a declaración do Ano Cultural dedicado a Virxinia Pereira e o Concello presentou o logo institucional realizado pola artista estradense Rosa Cabanas. Ao longo deste ano está prevista a realización dunha exposición exterior sobre a súa figura e dun roteiro teatralizado organizado pola Escola Municipal de Artes Escénicas con dramaturxia de Paula Carballeira.
Ademais, darase a coñecer unha obra de teatro dirixida aos institutos de ensino secundario estradenses en torno ás figuras de Virxinia e Castelao. E a Escola Municipal de Artes Escénicas dedicará a súa xornada de fin de curso á parella.
Haberá tamén unha exposición, un roteiro teatralizado, unha xornada de divulgación, unha obra de teatro sobre a súa figura e publicarase unha nova biografía da estradense
Tamén se porá en valor a "Carta aos estradenses” escrita por Castelao dende o seu exilio en Bos Aires, un texto no que expresaba o seu cariño cara a vila na que nacera Virxinia Pereira e lembraba algunhas das ocasións nas que aquí estivera. Igualmente, a Editorial Galaxia publicará unha nova biografía de Virxinia Pereira, realizada por Montse Fajardo. E, así mesmo, organizarase unha xornada de divulgación en colaboración coa Cátedra Castelao da USC sobre a figura de Virxinia Pereira.
Finalmente, ademais de levarse a cabo un acto de irmanamento entre os concellos natais de Virxinia Pereira e Daniel Castelao, A Estrada e Rianxo, instalarase na Praza de Galicia da vila estradense unha escultura da familia Castelao-Pereira. E, igualmente, colocarase nas tumbas de Virxinia Pereira e do seu fillo Afonso Xesús unha nova lápida serigrafada coa tipografía deseñada por Castelao