Manuel Rivas, Xavier Madriñán, A cova de Eirós, Ugía Pedreira, Mónica Alonso, Chévere, Atalante e María Varela son galardoados cos Premios da Crítica de Galicia
Manuel Rivas, Xavier Madriñán, A cova de Eirós, Ugía Pedreira, Mónica Alonso, Chévere, Atalante e María Varela son galardoados cos Premios da Crítica de Galicia nunha celebración no Auditorio da sede de Afundación de Vigo. Baixo o lema Galicia é infinda, verso do poeta Florencio Delgado Gurriarán, homenaxeado no Día das Letras, trescentas persoas representativas dos diversos ámbitos da política, da sociedade e da actividade cultural do país xuntáronse para celebrar esta "iniciativa pioneira".
Hai corenta e cinco anos que existen estes premios ligados á cidade olívica desde o seu nacemento. Entre os asistentes figuran Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra; Elena Espinosa, terceira tenente de alcalde do Concello de Vigo; Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística da Xunta; e Valentín González Formoso, presidente da Deputación da Coruña; así como representantes de once alcaldías do país.
O xurado destacou que o poemario premiado de Rivas pregúntase "que ficará fóra cando desaparezan as palabras"
O escritor, xornalista e poeta Manuel Rivas recibiu o galardón na modalidade de Creación Literaria polo poemario O que fica fóra, publicado pola editorial Apiario. O xurado salientou que se trata dunha obra "que lle dá a volta á lingua e á realidade para se preguntar e preguntarnos, despois de roubarnos a liña do horizonte, que ficará fóra cando desaparezan as palabras. Un libro alfaia con elementos gráficos que enriquecen tanto a súa estética como a mensaxe que intenta transmitir".
O Premio da Crítica na modalidade de Investigación distinguiu o traballo A figuración galega en Irlanda (1840-1936): De Imaxe especular a modelo frustrado (Laiovento, 2021) de Xavier R. Madriñán por constituír "unha análise detallada e imprescindible de como Irlanda pasou de ser un referente na construción nacional para o galeguismo a un modelo de inspiración cunha función meramente retórica na Xeración do 16". "É unha investigación exhaustiva e delongada na súa ampla temática, ademais de ser unha obra de alento, rigorosa, cobizosa, de sólida continuación discursiva e de fascinante lectura", afirma o xurado.
A investigación na Cova de Eirós "abre as portas ao coñecemento do Paleolítico no territorio galego", estimou o xurado
A Cova de Eirós, premio de Iniciativas Culturais e Científicas pola "importante dimensión espacial e temporal dunha iniciativa cultural e científica de longo alento, que abre as portas ao coñecemento do Paleolítico no territorio galego". Unha tarefa desenvolvida polo Grupo de Estudos para a Prehistoria do Noroeste. Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio do departamento de Historia da Universidade de Santiago de Compostela. O xurado salientou "o potencial desta investigación para a dinamización dun espazo rural de menos de mil habitantes e as sinerxías coa veciñanza propiciadoras da declaración de Ben de Interese Cultural (BIC) en 2017".
O premio na cateogría de Música foi para Ugía Pedreira pola "a súa traxectoria creativa, interpretativa e formativa como cantora de raíz mariñán que desenvolveu un proxecto artístico alternativo vencellado coa propia terra".
A compañía Chévere "traballa dende a autorreferencialidade, elevando as táboas as historias propias, as de veciños e veciñas", salientou o xurado
Mónica Alonso fíxose co galardón de Artes Plásticas polo "excelente traballo de toda a súa careira, a reflexión dobre a cor como forma de comunicación entre seres humanos". O xurado fixouse traballos do ano pasado como a súa exposición A maxia do colibrí, 6 casos desesperados no Marco de Vigo, o comisariado da mostra Cor e sentimentos sobre Manuel Colmeiro na Fundación Luís Seoane na Coruña e a súa participación na exposición colectiva Galicia Futura no Museo da Cidade da Cultura de Galicia no Gaiás, en Compostela.
O recoñecemento de Artes Escénicas foi para N.E.V.E.R.M.O.R.E de Chévere. O xurado fixo fincapé na "honestidade e sinestésica maneira de recuperar un dos episodios máis negros da nosa historia recente". "Chévere traballa dende a autorreferencialidade, elevando as táboas as historias propias, as de veciños e veciñas. A iconografía e mesmo os elementos gardados nas propias caixas negras dos fogares, idea coa que se xoga na proia caixa negra do teatro. A Compañía reforza en N.E.V.E.R.M.O.R.E a súa liña pioneira de teatro documento, do teatro sociopolítico con grande impacto social, causando sempre a plena comuñón co público. Memoria de Nunca Máis!", defendeu o xurado.
O xurado sinalou o papel da produtora Atalante na existencia dunha versión orixinal subtitulada ao galego de diversos filmes e a súa "defensa dos dereitos lingüísticos e culturais"
A produtora Atalante recibiu o premio na modalidade de Cine e Artes Audiovisuais polo seu "labor de distribución de traballos fílmicos con carácter independente, un repertorio de pezas laboriosas e esixentes asinadas por grandes cineastas como Hong Sangsoo, Meritxell Colell, Oliver Laxe, Paulo Rocha, Milagros Mumenthaler, Nobuhiro Suwa, Rita Azevedo ou Manoel de Oliveira, que van servir deste modo a procesos de difusión e internacionalización ao tempo que de reforzo do vínculo coas salas de cine nun momento histórico sensible".
Á parte, o xurado considerou "esencial" o papel de Atalante "na existencia mesma dunha versión orixinal subtitulada ao galego nas copias distribuídas, de acordo coas políticas de diversidade europea, sendo neste ámbito unha das promotoras asociativamente destacada na defensa dos dereitos lingüísticos e culturais".
O galardón na categoría de Cultura Gastronómica distinguiu a María Varela "polo seu facer como cociñeira en A parada das bestas, por ter loitado desde 1992 polo proxecto co seu home Suso, con só 24 anos de idade, por apostar por un proxecto de vida común, no que a prioridade foi a excelencia baseada en dous piares fundamentais: a honestidade do traballo, e a difusión e o fomento do patrimonio cultural e gastronómico da zona da Ulloa". No xurado destacan que "María recuperou receitas da cociña tradicional con toques de modernidade apostando sempre polos produtores e gandeiros locais".