Do 21 de abril o 4 de xuño o festival Resis achega as últimas creacións de prestixiosos artistas á cidadanía a través do espazo público e con acceso gratuíto
O festival Resis da Coruña pon en valor as últimas creacións no eido da música contemporánea en lugares alternativos de representación e achega as últimas creacións de prestixiosos artistas á cidadanía a través do espazo público e con acceso gratuíto [reservando desde o seu sitio web ou no quiosco da Praza de Ourense]. A Asociación Cultural Aïs promove esta iniciativa que conta co apoio da Xunta, a Deputación da Coruña e mais o Concello da Coruña.
Cunha programación que vai desde o 21 de abril ata o 4 de xuño, a quinta edición do Resis "supón a estrea en España de case a totalidade da programación" segundo o seu director artístico, Hugo Gómez-Chao, quen destaca a estrea no Estado dunha peza de Beat Furrer e a conmemoración do centenario dun dos grandes compositores do século XX, Iannis Xenakis, que tamén servirá de presentación para unha nova formación de música contemporánea coruñesa: Arxis Ensemble.
Con numerosas estreas de compositores internacionais, destaca a homenaxe ao grego Xenakis a través da interpretación da formación coruñesa Arxis Ensemble
O primeiro concerto Gran Torso IV, do Cuarteto Gerhard, terá lugar o 23 de abril na Igrexa das Capuchinas pero un día antes comezará na Fundación Luis Seoane a mostra da instalación inmersiva froito da residencia artística co Gaiás – Cidade da Cultura, con Igor C. Silva e Arxis Ensemble, titulada You erase yourself [the selector].
O 14 de maio no Castelo de San Antón estrearáse en Galicia a obra Pleïades, coa que o Arxis Ensemble debuta no festival. Unha homenaxe ao seu autor, Iannis Xenakis, un dos compositores máis rompedores e radicais dos anos 60 e 70, no centenario do seu nacemento. Este concerto suporá un irmandamento coa Filarmónica de París, que lle adica este ano unha exposición ao compositor grego. O Arxis Ensemble estará baixo a dirección de Aitor Vázquez Torres e contará na percusión con Noè Rodrigo, Sergio Sande, Lucía Carro, Manuel Alcaraz, Joao Miguel Braga e Pablo Paz.
O Concerto Cold Trip de Lab. 51 no Museo de Belas Artes, o 8 de maio, suporá a estrea en España de varias pezas musicais pertencentes a Georges Aperghis e Yoko Ono, entre outros artistas. As Lab.51 son un dúo interdisciplinar formado por Johanna Vargas e Magdalena Cerezo. O seu obxectivo principal é transformar o concepto tradicional de “Liedduo”, axuntando a voz e o piano coa arte performativo e os recursos multimedia.
O Concerto Sigma, de Sigma Project, levará á DOMUS da Coruña o 21 de maio pezas de Alberto Posadas, José María Sánchez Verdú e Helga Arias –todas elas estreas en Galicia–; a estrea no Estado dunha obra do compositor Víctor Ibarra e a estrea europea dunha peza de Raphael Cendö.
Baixo o título Akusmata, a formación Cantando Admont estreará en España varias pezas do compositor suízo Beat Furrer, destacado compositor de ópera e obras de teatro musical. Será o 28 de maio na Igrexa de Santiago.
O Teatro Colón acollerá o 2 de xuño o concerto Akrata, no que a Banda Municipal da Coruña estreará pezas de Miguel Matamoro, Xenakis, Xavier Gelabert e Voro García.
Como concerto de clausura, o Natura Renovatur da Camerata da Orquestra Sinfónica de Galicia contará coa estrea de pezas nunca antes interpretadas no Estado dos compositores Giacinto Scelsi, Waldimir Rosinskij –que escribiu unha obra en exclusiva para o festival–, Iannis Xenakis e Wolfgang Rihm.
A programación complétase con mesas redondas, máster class e un proxecto didáctico inclusivo para persoas con discapacidade visual, entre outras actividades. A maioría das entradas son de balde e poden conseguirse online seguindo as indicacións no sitio web do festival e no quiosco da Praza de Ourense, na Coruña.