A nova vida do festival Cantos na Maré levas as artes atlánticas a Compostela

Presentación do festival Maré en Santiago con Ugia Pedreira CC-BY Festival Maré

O Maré contará cunha revisión do Zeca Afonso da man de Nacho Muñoz, Faia Díaz e LAR Legido, a entrega dos premios aRi[t]mar, e unha gala de encontro galaico-portugués dirixida por Uxía

Unha nova etapa do Cantos na Maré lévao a transformarse no Festival Maré en Santiago de Compostela tras 15 anos en Pontevedra. O certame de música e artes atlánticas inaugurouse este xoves coas actuacións do angoleño Toty Sa´Med e a galega Ugia Pedreira no Hotel NH Collection, onde se desenvolverán todas as actividades ata a noite do sábado, día no que o festival acollerá a gala dos Premios aRi[t]mar da música e a poesía galego-portuguesas. 

Na súa segunda xornada, este venres, o Maré contará coa brasileira LaBaq ás 19:30 horas e, a continuación, ás 21:00 horas, Nacho Muñoz, Faia Díaz e LAR Legido achegarán a súa revisión do repertorio do Zeca Afonso. As entradas pódense adquirir na web do festival.

O Festival Maré e a gala dos Premios aRi[t]mar presentáronse no Maus Hábitos do Porto CC-BY Festival Maré

A galega Uxía, directora artística da Gala cantosnamaré, asegura que o Maré chega a Compostela "coa ambición de ser un acontecemento global, transversal, profesional, un punto de encontro para que os músicos, os poetas, os letristas... todos os creadores implicados na fala galego-portuguesa intercambien experiencias e coñecementos, se enriquezan mutuamente e poidan trasladarlles ás nosas sociedades o perto que estamos os uns dos outros".

Na Gala cantosnamaré, que terá lugar este sábado a partir das 19:30 horas, o público poderá desfrutar dun concerto de António Zambujo e Sabela (gañadores dos premios aRi[t]mar ao mellor tema musical publicado en Portugal e Galiza), e das actuacións de Miguel Araújo, Faia e Toty Sa´Med.

Os Premios da música e a poesía galego-portuguesas aRi[t]mar, que se entregarán este sábado ás 12:30 horas, van distinguir aos músicos António Zambujo e Sabela, aos poetas Carlos da Aira (Galicia) e Raquel Lima (Portugal) e á ex directora xeral da Comunidade dos Países de Lingua Portuguesa (CPLP) e antiga Ministra de Comercio e Turismo de Cabo Verde, Georgina Benrós de Mello.

O director da Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela, Gonzalo Constenla, salientou na presentación do certame no Porto que "o proxecto aRi[t]mar Galiza e Portugal pretende celebrar a irmandade linguística luso-galaica a través da popularización da música e da poesía portuguesas en Galiza, así como destas artes galegas en Portugal, especialmente no norte do país, e en todos os países de lingua portuguesa". "E facémolo a través deste festival, aberto ao público, pero tamén coa utilización didáctico-pedagóxica da música e da poesía nas nosas aulas, cunha abordaxe innovadora e motivadora no ensino e na aprendizaxe de linguas", engadiu. 

Ugia Pedreira © Xulio Villarino

A cantautora Ugia Pedreira presentou este xoves un espectáculo inédito de creación propia, A Pedreira, sete anos despois da súa despedida dos inesquecibles Marful, que esgotou as entradas, composto por "un ramo de cancións, eu chámolles asilvestradas, algunhas compostas durante o confinamento e outras creadas durante estes sete anos". 

"Para min é moi importante todo o que ten que ver coa escénica, por iso a posta en escena desas cancións tamén xoga un papel moi importante. Eu vexo o escenario como a miña casa de bonecas de xogo, son moi feliz tratando todos os puntos cardinais que hai ao redor do palco", debullou.

O Maré, tamén na rede 

Unha novidade nestes tempos de pandemia é a sección 'marétv', que a través da plataforma de livestreaming Tolemias.tv permitirá seguir en directo todos os concertos do festiva, así como acceder de xeito gratuíto ata o día 26 a máis de 20 horas de actuacións de edicións anteriores do Cantos na Maré. 

Co mesmo espírito de sumar e compartir os valores e os talentos dos territorios da fala galego-portuguesa, o Maré emerxe convertido agora nun océano aínda máis amplo onde desembocan ríos e afluentes con novas correntes tan imprescindibles coma imparables.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.