Á procura da décimo sétima novela do Premio Repsol de Narrativa Breve

Exemplares de novelas breves que gañaron o Premio Repsol © Fundación Repsol

Xa é un clásico das nosas letras e ten no seu palmarés nomes tan relevantes coma os de Berta Dávila, Alberto Ramos, Anxos Sumai, Marcos Calveiro ou Gonzalo Hermo. O Premio de Narrativa Breve Repsol vén de botar a andar a súa décimo sétima edición, outra volta da man da Secretaría Xeral de Política Lingüística, para procurar unha nova historia.

A biblioteca viguesa Juan Compañel acolleu hai poucos días a presentación da nova edición do certame, que serviu tamén para amosar a propia bagaxe de obras premiadas mediante a entrega dunha colección de todas elas. Porque a presentación foi tamén un paso máis do proxecto Bibliotecas Galegas coa Narrativa Breve Repsol, que achega unha destas coleccións a cada biblioteca pública do país.

Presentación do XVII Premio Narrativa Breve Repsol, na biblioteca Juan Compañel de Vigo © Fundación Repsol

Son xa arredor de 4.500 exemplares, editados por Galaxia, distribuídos para "reforzar e facer máis visible a creación e o talento literario" do país que, di a Fundación Repsol, son "os verdadeiros artífices do galardón". Neste sentido, a entidade pon o acento na importancia de levar "contando historias dende 2006" co "obxectivo de fomentar a cultura e a lingua galega".

O prazo de presentación de obras ao XVII Premio Narrativa Breve Repsol está aberto ata finais de xullo

Neste tempo, destacan, foron xa case 500 as obras presentadas. Dende 2010 é a Fundación Repsol e non a refinaría da Coruña a que impulsa o certame en colaboración con Política Lingüística. 

A última novela procedente deste certame que viu a luz foi, o pasado decembro, Os corpos dos Romanov, de Alberto Ramos. Nos anos previos lograron a distinción traballos como Eternity, de Xosé Monteagudo ou Illa Decepción, de Berta Dávila, que xa lograra o premio en 2023 c'O derradeiro libro de Emma Olsen.

Tal e como indican as bases do certame, o prazo de recepción de obras está aberto ata o 31 de xullo e a súa extensión non pode superar os 120 folios nin baixar dos 50. O galardón está dotado cun premio de 12.000 euros, ademais da publicación da novela pola editorial Galaxia.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.