A Semana do Cinema Galego: 9 filmes en seis días para celebrar a puxanza do audiovisual do país

Cartel da edición 2023 da Semana do Cinema Galego © Academia Galega do Audiovisual
https://api.praza.gal/storage/uploads/cintino-semana-cinema-galego-d9b1e0c.jpeg

O Teatro Colón da Coruña acolle entre o martes e o domingo a cuarta edición desta iniciativa da Academia Galega do Audiovisual que conta co apoio de Concello e Deputación

A gran noite do audiovisual galego é todos os anos a gala de entrega dos Premios Mestre Mateo, que tivo lugar este sábado 11 de marzo no Auditorio Municipal de Ourense, con O corpo aberto como gran triunfadora. Porén, dende o ano 2020 a Academia Galega do Audiovisual -co apoio do Concello da Coruña e a Deputación da Coruña- estende esta celebración aos días anteriores ou posteriores á entrega dos galardóns a través da Semana do Cinema Galego, unha cita dedicada a amosar algúns dos mellores traballos realizados nos meses anteriores polos profesionais e produtoras do país.

Nesta ocasión a cuarta edición da Semana celebrarase entre o martes 14 e o domingo 19 de marzo na Coruña. Seis días nos que se poderán ver nove filmes, con proxeccións no Teatro Colón que serán gratuítas con entrada libre por orde de chegada á sala ata completar o aforo. Os pases, ademais, contarán coa presenza dos equipos artísticos e técnicos das películas.

Na programación seleccionada haberá catro longametraxes de ficción (Código Emperador, Live is Life, O corpo aberto e O home e o can), catro documentais (A Foreign Song, María Casares. A muller que viviu mil vidas, No somos nada e Onde máis doe) e unha obra de animación (Valentina)

Na programación seleccionada haberá catro longametraxes de ficción (Código Emperador, Live is Life, O corpo aberto e O home e o can), catro documentais (A Foreign Song, María Casares. A muller que viviu mil vidas, No somos nada e Onde máis doe) e unha obra de animación (Valentina), filmes que en conxunto sumaban 40 candidaturas finalistas aos Mestre Mateo. Entre elas destacaban O corpo aberto e Código Emperador con 16 e 8, respectivamente. E, ademais, Valentina, que obtivo o Goya á mellor película de animación na edición 2022 dos premios.

A pasada edición da Semana do Cinema Galego reuniu a máis 3.000 espectadoras e espectadores nos dez pases programados os pasado ano, un éxito que anima á Academia Galega do Audiovisual a repetir a fórmula buscando "celebrar a puxanza do audiovisual galego na compaña dos seus profesionais".

O Café Copacabana, a carón da entrada ao Teatro Colón, operará como "Cantina da IV Semana do Cinema Galego”, un espazo de encontro oficioso entre artistas e público durante todo o evento para intercambio de impresións e conversas antes e despois dos pases. Alí, ademais, foi presentada a programación hai uns días, un acto no que Álvaro Pérez Becerra presidente da Academia Galega do Audiovisual salientou o carácter “selecto e diverso dunha programación que condensa o mellor do panorama galego actual”, destacando ademais a oportunidade de contar coa presenza dos equipos artísticos e técnicos das películas.

As proxeccións serán gratuítas con entrada libre por orde de chegada á sala ata completar o aforo. Os pases, ademais, contarán coa presenza dos equipos artísticos e técnicos das películas

Pola súa banda, súa banda Xosé Regueira, vicepresidente da Deputación da Coruña sinalou que para o ente provincial "é un orgullo colaborar coa Academia e reivindicar o papel do audiovisual galego un motor de emprego e talento que xera o 25% do PIB cultural". Finalmente, a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, lembrou que "A Coruña é a cidade galega do cinema porque aquí foi onde naceu da man de José Sellier, pioneiro do cinema e autor da primeira película galega" e engadiu que "dende o Concello seguiremos apostando por que a cidade siga na vangarda do audiovisual".

Programación

  • Martes 14 de marzo  
    19:30 Inauguración oficial 
    20:00 Código Emperador
  • Mércores 15 de marzo 
    20:00 María Casares. A muller que viviu mil vidas
  • Xoves 16 de marzo 
    20:00 Onde máis doe 
    22:00 O home e o can
  • Venres 17 de marzo 
    20:00 A Foreign Song 
    22:00 No somos nada
  • Sábado 18 de marzo 
    19:30 Live is Life. La gran aventura 
    22:00 O corpo aberto
  • Domingo 19 de marzo 
    11:30 Valentina

Código emperador

A primeira sesión estará protagonizada por Código Emperador, película dirixida por Jorge Coira que se exhibirá o martes 14 de marzo ás 20.00h, tras o acto oficial de inauguración

A primeira sesión estará protagonizada por Código Emperador, película dirixida por Jorge Coira que se exhibirá o martes 14 de marzo ás 20.00h, tras o acto oficial de inauguración. A película, estreada no último Festival de Málaga, é unha reflexión sobre as cloacas do Estado e nela Luís Tosar encarna a Juan, un home "afeito a lidar cos asuntos turbios dos poderosos". No filme, Juan realiza unha serie de traballos “non oficiais” para protexer os intereses das élites máis poderosas do país, que agora puxeron a vista en Ángel González, un político aparentemente anodino cuxos trapos sucios deberá buscar ou “inventar” coa axuda de Marta, a filla dun recoñecido actor.

María Casares en 1976 (La mante polaire) © Lurencine

María Casares. A muller que viviu mil vidas

O documental María Casares. A muller que viviu mil vidas, dirixido por Xavier Villaverde, é un traballo que propón no primeiro centenario do o seu nacemento unha aproximación íntima e profunda á vida desta muller extraordinaria, figura fundamental nas artes escénicas da Europa do século XX

O mércores 15 de marzo poderá verse o documental María Casares. A muller que viviu mil vidas, dirixido por Xavier Villaverde, o traballo premiado nesta edición dos Mestre Mateo que propón no primeiro centenario do o seu nacemento unha aproximación íntima e profunda á vida desta muller extraordinaria, figura fundamental nas artes escénicas da Europa do século XX. No documental -que se estreou na Seminci de Valladolid- vemos, por exemplo, como na representación en 1966 de Los Biombos de Jean Genet, que criticaba a violencia exercida polo exército francés en Alxeria, a actriz sufriu a irrupción no teatro dun grupo de cabezas rapadas de extrema dereita que en reivindicación dunha "Alxeria francesa" lle tiraron ratas vivas e mortas e tentaron parar a representación.

Onde máis doe

Onde máis doe analiza un caso de violencia vicaria que aconteceu en Oza

O xoves a sesión será dobre, primeiro coa proxección do documental Onde máis doe, un filme de Manane 
Rodríguez no que a cineasta uruguaia afincada en Galicia analiza un caso de violencia vicaria que aconteceu en Oza no que un pai asasinou o seu fillo para danar a nai.

O home e o can

O xoves poderá verse a longametraxe O home e o can, dirixida por Ángel de la Cruz e protagonizada por Manuel Manquiña e Paula Chaves.

Inmediatamente despois poderá verse a longametraxe O home e o can, dirixida por Ángel de la Cruz e protagonizada por Manuel Manquiña e Paula Chaves. O filme, que reflexiona sobre a soidade non elixida, a vellez e o abandono das aldeas, obtivo seis galardóns na 31 edición do Festival de Cine de Madrid, incluído o Premio da Crítica. Na película, Manuel (68), un home coas súas facultades intelectuais afectadas de nacemento, coñece a Paula (25) tamén fuxindo da súa vida. Buscando xuntos ao animal, descobren que Marta, a filla de Manuel, non morreu de nena como lle tiñan dito, senón que foi dada en adopción a outra familia.

A foreign song

A foreign song é un filme inspirado na obra e biografía do poeta modernista estadounidense Wallace Stevens

O venres, de novo con sesión dobre, poderemos ver dous documentais, comezando co pase de A foreign song, un filme de César Souto inspirado na obra e biografía do poeta modernista estadounidense Wallace Stevens, un home de vida ordinaria e aburrida, autor dunha das obras poéticas máis singulares do século XX, que traballou nunha compañía de seguros durante 40 anos e que todos os días se erguía ás 6 e se deitaba ás 9. A película estreouse no FICXixón, onde se fixo cos galardóns ao mellor filme español e ao mellor director.

 

No somos nada

O venres a gran cita é No somos nada, o documental de Javier Corcuera que repasa os corenta anos de La Polla Records

A gran cita da noite é No somos nada, o documental de Javier Corcuera que repasa os corenta anos de traxectoria de La Polla Records, a lexendaria banda vasca regresou aos escenarios por sorpresa despois de anos de silencio. O filme está protagonizado por Evaristo Páramos, o seu carismático vocalista, que fai memoria desde a súa pel de punk aldeán.

Live is life. La gran aventura

A sesión do sábado está composta por dúas longametraxes. Ábrese con Live is life, unha comedia de Dani de la Torre que retrata as aventuras de cinco adolescentes nun verán na Galicia de 1985

A sesión do sábado está composta por dúas longametraxes. Ábrese con Live is life, unha comedia de Dani de la Torre que retrata as aventuras de cinco adolescentes nun verán na Galicia de 1985. Os problemas do mundo real comezan aparecer nas súas vidas ameazando con separalos. Aferrándose á amizade que os une, os cinco amigos planean escapar a noite de San Xoan na procura dunha flor máxica que, según conta a lenda, crece no alto dunha montaña e pode facer os desexos realidade.

O corpo aberto

O corpo aberto é unha das películas do ano. Dirixida por Ángeles Huerta, estamos ante un filme gótico (tamén se dixo dela que era "terror folk") inspirado na obra Arraianos de Méndez Ferrín e que conta con Tamar Novas e María Vázquez como protagonistas

O corpo aberto é a película galega do ano, gran triunfadora dos Mestre Mateo, nos que se fixo con 12 galardóns. Dirixida por Ángeles Huerta, estamos ante un filme gótico (tamén se dixo dela que era "terror folk") inspirado na obra Arraianos de Méndez Ferrín e que conta con Tamar Novas e María Vázquez como protagonistas. "Ancorarse ao concreto é a maneira de facer universal calquera proposta artística", dicía nesta entrevista en Praza.gal, hai uns meses. No filme, Miguel, un mestre novo, é destinado a unha pequena vila de montaña na fronteira entre España e Portugal: Lobosandaus, unha aldea inhóspita e de tradicións ancestrais. É un home de razón, pero non pode controlar os seus desexos pasionais e, conforme se achega o inverno, sente como a escuridade se apodera de todo ao seu redor á vez que crece a súa fascinación pola enigmática Dorinda.

Valentina

A Semana do Cinema Galego péchase con Valentina, gañadora do Premio Goya á mellor longametraxe de animación o pasado ano e que se poderá ver o domingo pola mañá

A Semana do Cinema Galego péchase con Valentina, gañadora do Premio Goya á mellor longametraxe de animación o pasado ano e que se poderá ver no Teatro Colón o domingo pola mañá. O filme de Chelo Loureiro está protagonizado por Valentina, unha nena que soña con ser trapecista, pero cre que nunca poderá conseguilo por ter síndrome de Down. A súa avoa anímaa sempre a perseverar: se os vermes conseguen converterse en bolboretas, nada é imposible.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.