A Unesco pide máis información antes de decidir se a Ribeira Sacra é Patrimonio da Humanidade

Canóns do Sil na Ribeira Sacra CC-BY-SA Xunta de Galicia

A reunión anual do comité da Unesco que decide que candidaturas se inscriben na lista do Patrimonio da Humanidade, que se celebra estes días en Corea do Sur, vén de pedir a España que achegue máis información sobre a Ribeira Sacra antes de tomar a súa decisión definitiva nunha seguinte reunión. A decisión, tras varias horas de debate máis político que técnico, permite evitar unha negativa aberta, como recomendaban os técnicos, e inclúe o envío dunha misión consultiva.

Vista do Miño dende o Cabo do Mundo na Ribeira Sacra CC-BY-SA Praza Pública

Tras o informe técnico negativo de hai un mes, a reunión anual do comité de estados da Unesco toma a decisión política de enviar unha misión consultiva e evita unha negativa aberta á candidatura defendida polo Goberno de España

Hai algo máis dun mes os técnicos do Icomos, o órgano asesor da Unesco, recomendaron non incluír a Ribeira Sacra na lista do Patrimonio da Humanidade por non quedar acreditado o seu valor universal. Porén, a decisión final é da reunión anual dos estados representados no comité da Unesco que se está a celebrar estes días en Busan, Corea do Sur. 

Esa reunión pode tomar catro tipos de decisións: inscribir a candidatura, non inscribila e polo tanto xa non se pode volver a presentar, e outras dúas opcións intermedias que supoñen reformular a proposta en profundidade e volvela presentar nuns anos (defer, na terminoloxía oficial en inglés) ou pedir ao estado que amplíe información para volver avaliar a proposta na seguinte reunión (refer). Esa última opción, refer, foi a adoptada este luns.

O embaixador de España na Unesco, o ex-ministro Miquel Iceta, amosa satisfacción porque o comité de estados rexeitase o veto técnico e dea "un ano á Ribeira Sacra para perfeccionar a candidatura"

A Unesco decidiu pedir a España máis información e enviar unha "misión consultiva" sobre o terreo, unha decisión tomada no medio dun intenso debate entre os estados membros do comité. Tras a decisión, o embaixador de España ante a Unesco e ex-ministro Miquel Iceta, ao que a Xunta vén agradecendo as súas xestións diplomáticas, amosou a súa satisfacción: "O Comité de Patrimonio Mundial da Unesco rexeitou o informe do órgano asesor e outorga un ano á Ribeira Sacra para perfeccionar a súa candidatura".

Rueda con Miquel Iceta na Ribeira Sacra en 2024 CC-BY-SA Xunta de Galicia

Rueda agradece ao Goberno de España a "convicción e énfase" con que defendeu a candidatura da Ribeira Sacra

Tras coñecerse a decisión da Unesco, o presidente da Xunta amosou a súa esperanza en "que o ano que vén teñamos éxito, moito peor sería que fose retirada a candidatura". Rueda tamén agradeceu expresamente a Iceta "a súa implicación, e neste caso a do Goberno de España nesta candidatura, creo que a defendeu con convicción e con énfase". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.