Nin mosteiros en 2021, nin paisaxe acuática en 2026: a Unesco segue sen ver valor universal na Ribeira Sacra

Un encoro na Ribeira Sacra e proposta do Icomos de que a Unesco non a recoñeza como Patrimonio da Humanidade CC-BY-SA Imaxe: Xunta de Galicia - Montaxe: Praza Pública

Aspirante desde 1996, hai 30 anos, a reformulación da candidatura pola Xunta co apoio do Estado non logra convencer aos expertos internacionais, cos encoros hidroeléctricos como principal elemento de distorsión

A decisión definitiva tomarase a finais de xullo, en Busan, Corea do Sur, na 48ª sesión do Comité do Patrimonio Mundial da Unesco. Pero os expertos internacionais que avalían as candidaturas veñen de propoñer que a Ribeira Sacra non sexa inscrita na lista do Patrimonio Mundial da Humanidade. Aspirante desde 1996 e proposta como candidata por España xa en 2021, se naquel ano non convenceu un proxecto máis centrado nos elementos monásticos, esta candidatura de 2026 máis focalizada na paisaxe acuática tampouco pasa o filtro dos técnicos, novamente cos encoros hidroeléctricos como principal elemento de distorsión.

Canóns do Sil na Ribeira Sacra CC-BY-SA Xunta de Galicia

Para ser declarado Patrimonio da Humanidade un ben ten que estar previamente inscrito na denominada Lista Indicativa na que cada estado mantén durante varios anos ás súas aspirantes ata que decide apostar por unha como candidata para a seguinte reunión anual do comité da Unesco. A lista española está formada actualmente por 35 aspirantes, das que a máis antiga é a Ribeira Sacra, desde 1996. De Galicia están tamén nesa Lista Indicativa o Ferrol da Ilustración e Ancares desde 2007, Illas Atlánticas desde 2018 e a capela de San Miguel de Celanova no marco dunha candidatura do mozárabe peninsular desde 2019.

No longo proceso para ser patrimonio da humanidade, recoñecemento que en Galicia xa teñen catro bens ou lugares (a cidade vella de Compostela, os camiños Francés e do Norte, a muralla romana de Lugo e a Torre de Hércules) cada ano o Estado elixe unha desas candidaturas para sometela ao exame final da Unesco cando considera que xa cumpre todos os requisitos. Iso foi o que fixo o Goberno de España, nunha elección consensuada coa Xunta, coa Ribeira Sacra en 2021 e de novo neste 2026, nos dous casos sen lograr convencer aos expertos do Icomos, o comité asesor técnico da Unesco.

Vista do Miño dende o Cabo do Mundo CC-BY-SA Praza Pública

Para ser patrimonio da humanidade hai que cumprir algún ou varios dos 10 criterios culturais ou naturais que emprega a Unesco e que teñen en común primar o “valor universal excepcional” do ben a protexer

Para obter a elección como Patrimonio da Humanidade o ben en cuestión ten que cumprir algún ou varios dos 10 criterios culturais ou naturais que emprega a Unesco e que teñen en común primar o "valor universal excepcional" do ben a protexer. 

No caso da primeira candidatura da Ribeira Sacra en 2021 elixíronse os criterios III, IV e V: "achegar un testemuño único ou polo menos excepcional dunha tradición cultural ou dunha civilización existente ou xa desaparecida", "ofrecer un exemplo eminente dun tipo de edificio, conxunto arquitectónico, tecnolóxico ou paisaxe, que ilustre unha etapa significativa da historia humana" e "ser un exemplo eminente dunha tradición de asentamento humano, utilización do mar ou da terra, que sexa representativa dunha cultura (ou culturas), ou da interacción humana co medio ambiente especialmente cando este se volva vulnerable fronte ao impacto de cambios irreversibles". 

Pero daquela tanto o Icomos no eido cultural como o comité que avalía os valores naturais, o UICN, consideraron que a candidatura non puidera probar o seu valor universal. 

Tras a valoración negativa dos encoros na candidatura de 2021 que puña o foco no monástico, a Xunta reformulouna presentándoa como paisaxe acuática, pero o Icomos non acepta o argumento de que as hidroeléctricas sexan "unha evolución" do uso tradicional da auga

Aquela candidatura puxera o foco na tradición monástica da Ribeira Sacra, pero os expertos dixeron que había outros exemplos similares no mundo que combinan comunidades relixiosas con paisaxes rechamantes de cultivos en socalcos. Tamén penalizara a candidatura a forte transformación da contorna rexistrada durante o século XX cos grandes encoros hidroeléctricos alí construídos. 

Así que tras aquel fracaso, e facendo da necesidade (ou da crítica) virtude, a Xunta reformulou a candidatura e mesmo a renomeou como Ribeira Sacra Waterscape, poñendo o foco na paisaxe acuática ou da auga. Os encoros pasaban de ser un problema a un exemplo da evolución dos distintos usos que a veciñanza da Ribeira Sacra vén dando á auga ao longo dos séculos. E dos tres criterios anteriores que se aspiraba a cumprir a candidatura pasou a considerar só un criterio, o V: "ser un exemplo eminente dunha tradición de asentamento humano, utilización do mar ou da terra, que sexa representativa dunha cultura (ou culturas), ou da interacción humana co medio ambiente especialmente cando este se volva vulnerable fronte ao impacto de cambios irreversibles".

O conselleiro de Cultura con alcaldes e alcaldesas da Ribeira Sacra ese martes en Sober CC-BY-SA Xunta de Galicia

O novo informe do Icomos eloxia os "esforzos", a mellora da candidatura e as medidas de xestión e protección implantadas, pero segue sen ver o "valor universal excepcional" da Ribeira Sacra. E os encoros seguen no foco, tamén no informe complementario da UICN. "Se ben estes elementos poden ter importancia local ou nacional polo seu deseño e/ou características industriais do século XX, o argumento de que representan unha evolución orgánica e unha continuidade da produción local de enerxía hidráulica a partir dos séculos de muíños de auga e outras obras hidráulicas non se acepta", di Icomos. Así que o comité de expertos considera que "non se demostra o criterio V" e que "non se cumpren as condicións de integridade e autenticidade" do ben proposto.

A Xunta quere "defender o proxecto ata o final" e salienta os "argumentos favorables" do informe e a "implicación e colaboración" do Goberno de España

"A análise comparativa carece de amplitude e fondura, e requírese maior traballo na documentación dos atributos propostos", engade o documento, que considera que as características da paisaxe cultural da Ribeira Sacra "non son infrecuentes" en Europa, co que decae a súa exepcionalidade universal. E conclúe recomendando á Unesco que a Paisaxe Acuática Ribeira Sacra "non sexa inscrita na lista do Patrimonio Mundial". 

Ante este informe, o conselleiro de Cultura, José López Campos, optou este martes por salientar que a decisión final será tomada polo Comité do Patrimonio Mundial dentro dun mes. E considerou que o ditame presenta "múltiples argumentos favorables", polo que aposta por "facer achegas e aclaracións precisas e defender o proxecto ata o final".

O conselleiro tamén salientou o "pleno compromiso" da Xunta e o Goberno de España, do que salientou a súa "implicación e colaboración", na "inquebrantable defensa" da candidatura da Ribeira Sacra.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.