Os escritores Antón Tovar, Bergoña Caamaño, Enrique Labarta Pose e Miguel González Garcés conforman as candidaturas de entre as que a Real Academia Galega (RAG) deberá escoller o vindeiro 20 de xuño a figura que será homenaxeada polo Día das Letras Galegas en 2026.
Labarta Pose e González Garcés foron xa candidatos o ano pasado; Antón Tovar e Begoña Caamaño uníronse este ano entre as opcións
A RAG convocará este xoves de maneira oficial o plenario que terá lugar o venres da próxima semana, logo de que este pasado mércores rematase o prazo de presentación de candidaturas, e onde se elixirá a ou o elixido. Os nomes de Enrique Labarta Pose e Miguel González Garcés xa foron presentados o ano pasado, mentres que desta vez uníronse as candidaturas do poeta ourensán Antón Tovar e da xornalista viguesa Begoña Caamaño, tal e como confirmaron a Praza.gal fontes académicas.
A elección chegará cando aínda resoa o eco da que, posiblemente, foi a celebración máis popular e concorrida das Letras na súa historia: o "exemplo luminoso" das cantareiras entre reivindicacións dunha nova política de entusiasmo para o galego que se deu neste ano.

Pero no debate na RAG sobre as candidaturas para 2026 erguérase un nome a maiores dos catro finalmente elixidos: o de Xosé Neira Vilas. No entanto, a condición de que se cumpra unha década do falecemento para poder ser un dos homenaxeados impediuno por só uns meses. O autor faleceu o 27 de novembro de 2015 e o decenio desde o pasamento debe cumprirse na data na que o plenario decide o protagonista das Letras e non no ano no que sexa homenaxeado.
Neira Vilas era o máximo favorito pero, por uns meses, non se cumpre unha década desde a súa morte no momento da elección do homenaxeado
Malia as catro candidaturas, as quinielas internas na Academia apuntan, sobre todo, a Antón Tovar e a Begoña Caamaño como as preferidas. A opción de Miguel González Garcés perde opcións ao ser tamén da Coruña a homenaxeada hai dous anos (Luísa Villalta), mentres que a de Labarta semella tamén que terá que volver agardar outro ano, aínda que para o 2027 todo apunte xa a Neira Vilas. A opción da autora viguesa gaña enteiros, tamén, pola presión que adoita vir desde algunha administración local.
Antonio Domingo José Tovar Bobillo (Antón Tovar) (Rairiz de Veiga, 1921 - Ourense, 2004-), está entre as primeiras voces líricas de Galicia da segunda metade do século XX. Escribiu poesía en galego e en castelán e a súa obra está marcada por marcada polo pesimismo, un existencialismo íntimo e unha procura espiritual que reflicte unha visión crítica e sombría da vida. Foi membro correspondente e honorario da RAG.
A xornalista e escritora Begoña Caamaño (Vigo, 1964 - Santiago de Compostela, 2014), con dúas novelas publicadas Circe ou ou pracer do azul e Morgana en Esmelle, ocupa un importante lugar na literatura galega. Antes do seu falecemento preparaba unha terceira novela con outra muller como protagonista, Sherezade, ademais do proxecto de novelar a vida da súa bisavoa.
Enrique Labarta Pose (Zas, 1863 - Barcelona, 1925) foi un escritor, xornalista e fotógrafo que abrangueu os tres xéneros literarios: poesía, narrativa e teatro, que deixou unha profunda pegada na literatura de finais do século XIX e principios do XX.
Pola súa banda, Miguel González Garcés (A Coruña, 1916 - 1989) foi un escritor, xornalista, docente e poeta galego. Dedicouse a diversas tarefas, tanto na investigación histórica, como na literatura e o xornalismo. Ademais, destacou pola súa obra poética, tanto en galego como en castelán.