"Ao teatro e á cultura nunca se lles regala nada, todo hai que conseguilo cun esforzo enorme"

Luma Gómez © AAAG

Luma Gómez recibirá o 8 de abril o Premio de Honra Marisa Soto, que entrega a Asociación de Actores e Actrices de Galicia no marco dos Premios María Casares. Fundadora de Teatro do Noroeste (1987) e da propia AAAG, comprometida sempre coa profesión, representou máis de medio cento de obras e a súa traxectoria é fundamental para entender o teatro galego do último medio século

A actriz ferrolá Luma Gómez recibirá o vindeiro 8 de abril o Premio de Honra Marisa Soto, que entrega a Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) no marco dos Premios María Casares, que chegan á súa trixésima edición. É un premio a toda a súa traxectoria artística, unha carreira de case 60 anos dende que, aínda no instituto, interpretara os seus primeiros papeis. Máis de medio cento de obras de teatro, intervención en películas de cine e series de televisión e unha actividade continuada na que a AAAG recoñece o seu "compromiso sostido co desenvolvemento do teatro galego".

Luma Gómez (Ferrol, 1951) non só fundou e cofundou compañías como Teatro Andrómena (1979) ou Teatro do Noroeste (1987), imprescindible para entender a escena galega das últimas décadas, e participou no impulso do Centro Dramático Galego, senón que sempre se implicou na organización e na defensa da profesión. Así foi dende os seus anos en Madrid, cando participou na creación da ATIP (Asociación de Teatro Independiente Profesional) e tamén no seu regreso a Galicia, sendo unha das persoas que contribuíron a conformar o teatro profesional no país e, xa en 1985, converténdse nunha das fundadoras da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), da que é a socia número 4.

Luma Gómez, en 'Gloria Nacional', de Teatro do Noroeste © Teatro do Noroeste

Eva Fórneas, presidenta da AAAG, destaca que Luma Gómez "é un referente en moitos aspectos" pois "sempre estivo concienciada coa profesión, cos dereitos e coas loitas sindicais. Comprometida co feminismo, coas compañeiras e compañeiros, nunca deixou de se dedicar ao teatro”

Neste senso, Eva Fórneas, presidenta da AAAG, destaca que Luma Gómez "é un referente en moitos aspectos" pois "sempre estivo concienciada coa profesión, cos dereitos e coas loitas sindicais. Comprometida co feminismo, coas compañeiras e compañeiros, nunca deixou de se dedicar ao teatro”. “Queremos que poida gozar e desfrutar deste recoñecemento cada día, tanto desde o escenario como detrás dos papeis. Luma destaca pola súa luz, obra propia e actos, é digno de xustiza recoñecer a súa predisposición e compromiso", destaca a presidenta.

Como recibiches a nova do premio? Un recoñecemento que che outorgan os teus compañeiros e compañeiros sabe aínda mellor?

É un premio que me entregan os meus compañeiros e compañeiras, e por iso é que me alegra máis. Entrégamo ademais a asociación, na que eu traballei tantos anos. Estou, de verdade, agradecida por este xesto, por un premio que merece moita máis xente, seguramente máis ca min. Por iso estou moi contenta de recibilo, moi contenta.

É un premio a toda a túa traxectoria, unha traxectoria longa, mesmo dende o instituto en Ferrol. Como foi?

Si comecei no teatro cando estaba no instituto, case rematándoo, no bacharelato. Empecei porque no Instituto Masculino había unha compañía moi coñecida, Teatro Estudio, que buscaba actrices para unha obra, Los suplicantes, na que actuaban moitas mulleres e que se estreou no ano 1969.

"Ao comezo os teatros grandes das cidades non querían acoller o teatro profesional galego. A xente disque non estaba afeita e o uso do galego foi unha unha cousa que custou bastante consolidar e trasladar ao público"

E de aí marchaches a Madrid...? Como foron eses anos, aínda en plena ditadura?

Si, fomos a Madrid porque en Ferrol era difícil todo no teatro, comezando pola formación, e estaba todo moi controlado. Fomos a Madrid por esa necesidade de contrastar opinións e ao chegar a Madrid integrámonos no movemento do teatro independente, que naquela época estaba en plena efervescencia. Era un movemento paralelo ao teatro comercial e claramente de esquerdas. Estabamos en plena ditadura, no ano 1971 ou 1972 e o Franquismo estaba moi forte aínda. Había que pasar, por exemplo, os textos pola censura. 

En Madrid implícaste na defensa da profesión e das condicións de traballo, que é unha constante que marcou toda a túa carreira, non si?

Sempre me comprometín co labor a prol da mellora das condicións de traballo profesionais, sempre estiven comprometida co asociacionismo e coas reivindicacións da nosa profesión. É posible que agora todo isto se vexa un pouco lonxe, pero eu en Madrid participei na Asociación del Teatro Independiente Profesional, e aí fixemos moitas cousas. Participei nun longo peche no Teatro María Guerrero e tamén na folga de teatro de 1975, sempre para dignificar o traballo dos actores e actrices. Tamén formei parte da comisión ministerial que creou a Seguridade Social do Réxime de Artistas.

Luma Gómez © AAAG

"Sempre me comprometín co labor a prol da mellora das condicións de traballo profesionais, sempre estiven comprometida co asociacionismo e coas reivindicacións da nosa profesión"

A finais da década dos 70 volvedes a Galicia, onde se pode dicir que estaba todo por facer. Practicamente pódese dicir que non había teatro galego nesa altura...

Había teatro afeccionado, iso sempre houbo. O que non se conseguira aínda era a profesionalización. Entre o grupo de persoas que volvemos de Madrid e as que estaban aquí traballamos conxuntamente para conseguir esta profesionalización e puxemos as bases da profesión teatral en Galicia. Tamén con outro grande obxectivo, o de levar a lingua galega como bandeira: o teatro galego sempre defendeu a lingua e traballou a prol do galego.

A base desa profesionalización, ademais das cuestións creativas, é tamén a estrutura de teatros, unha rede mínima de lugares nos que actuar: auditorios, teatros... Fíxate que ao comezo non había tantos como agora e os teatros grandes das cidades non querían acoller o teatro profesional galego. A xente disque non estaba afeita e o uso do galego foi unha unha cousa que custou bastante consolidar e trasladar ao público.

Como valoras a situación actual do teatro galego e os atrancos que atopa? Que se pode facer?

O primeiro que destacaría é o talento e a profesionalidade da xente do teatro galego e da cultura en xeral. Despois, eu destacaría o feito de traballar nas condicións nas que se fai. Ao teatro nunca se lle regala nada, todo hai que conseguilo cun esforzo enorme. Á cultura, en xeral. Aínda que sexa, xunto coa fala, o símbolo da nosa identidade, pero polo que sexa non interesa. En canto aos orzamentos dedicados ao teatro, estamos un pouco estancados dende hai uns anos. E iso hai que melloralo, porque parece que nunca é unha cuestión de cartos pero tamén é unha cuestión de cartos. 

"Ao teatro nunca se lle regala nada, todo hai que conseguilo cun esforzo enorme. Á cultura, en xeral. Aínda que sexa, xunto coa fala, o símbolo da nosa identidade, pero polo que sexa non interesa"

Representaches máis de medio cento de obras. Se tes que escoller dúas ou tres, cales destacarías?

Pois escollería Medea, que foi o espectáculo co que comezamos Teatro do Noroeste en 1987. Escollería tamén Feirantes, sobre Os outros feirantes de Álvaro Cunqueiro, que a fixemos no ano 1999. E tamén Guerra, que é a obra que estou representando actualmente.

Íache preguntar por ela, precisamente. Trátase dunha obra de máxima actualidade, por desgraza, verdade?

Si, de demasiada actualidade, e cada vez máis, por desgraza. Cando Eduardo [Alonso] escribiu o texto, partiu dunha idea que lle impresionara: o bombardeo sobre un teatro en Mariupol, en Ucraína. Esta é unha realidade que segue e que non para, porque os tolos que gobernan o mundo non teñen sentido común. Creo que é unha obra que ten un efecto importante no público polo seu contido crítico e porque é unha obra que fala dunha guerra en Europa. 

Luma Gómez, tras recoller o premio da Fundación AISGE á súa traxectoria, no OUFF 2021 © OUFF

"O teatro produce sensacións que non produce o audiovisual; estás diante do público e o propio público e as súas reaccións condiciónante, hai unha conexión e unha comunicación que non son iguais todos os días e que fan que a obra tamén cambie"

Na túa opinión, que papel xoga ou pode xogar o teatro na sociedade?

Dende o meu punto de vista o teatro ten un papel fundamental na sociedade, por suposto. O teatro adoita ser un espello da sociedade, é un lugar onde os actores e o público se encontran en vivo e aí prodúcese unha comunicación moi diferente ao resto das artes, agás quizais a música. A idea do encontro co público para min é fundamental, é algo que non se dá no cine ou na televisión, por exemplo. 

Ti fixeches tamén cine (Urxa, O bosque animado...) e televisión, pero sobre todo teatro. Con cal dos tres quedarías? Prefires o teatro?

O teatro produce sensacións que non produce o audiovisual. No cine ou na televisión fas a gravación, repites o plano... pero no teatro estás diante do público e o propio público e as súas reaccións condiciónante, o público exerce unha forza sobre ti; hai unha conexión e unha comunicación que non son iguais todos os días e que fan que a obra tamén cambie. 

"A tecnoloxía estanos tragando. E mentres a xente nova está enganchada a outras cousas non se engancha ao teatro. Eu empezaría fomentándoo na educación, cando están na escola, desde nenos, que se vaian afacendo ás artes e ao teatro"

Nunha obra de teatro moitas veces conviven actores e acrices de diferentes xeracións, nos últimos anos estás traballando con persoas moito máis novas. Que lles ensinas? Que te achegan elas?

Non sabería dicir canta xente pasou por Teatro do Noroeste, pero moitísima, moitísima xente. Algúns moi novos e novas, mesmo antes de rematar na Escola de Arte Dramática, por exemplo cando fixemos Romeo e Xulieta. E máis que que eles aprendan de nós, o importante é que aprendemos os uns dos outros, porque diso se trata: de comunicarse e de transmitir os coñecementos. Eu adoro traballar coa xente nova. E menos mal, porque agora xa son a máis vella do lugar.

Como animarías á xente, sobre todo á xente nova, a ir ao teatro?

Non hai que perder estas cousas que forman parte da nosa cultura e da nosa forma de vivir. A tecnoloxía estanos tragando. E mentres a xente nova está enganchada a outras cousas non se engancha ao teatro. Eu empezaría fomentándoo na educación, cando están na escola, desde nenos, que se vaian afacendo ás artes e ao teatro. O teatro podería ser unha materia obrigatoria na escola.

Luma Gómez, en distintos momentos e interpretacións da súa carreira ©

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.