Tras o éxito do seu debut en 2023, Chantada prepárase para acoller os vindeiros 24 e 25 de maio a segunda edición de Polas Bravas. Co obxectivo fundamental de achegar á veciñanza da vila e da contorna "propostas culturais vangardistas feitas por mulleres bravas galegas", o "primeiro festival feminista da provincia de Lugo" ultima unha programación que vai da música á poesía ou o teatro.
O festival, que impulsa a asociación feminista Polamiúda coa colaboración do Concello, a Deputación, Caixa Rural Galega e varias empresas locais , bota a andar o venres 24 (22h) coa música do grupo chantadino As Blas Femias. Ás 23h, no mesmo espazo (AdaRosa), Diana Sieira achega o seu monólogo ‘Conexións Có(s)micas’ e, para rematar, contra a medianoite a DJ pontevedresa Beti de la Church ofrecerá unha sesión de creacións musicais femininas.
O sábado o Polas Bravas bota a andar no parque Eloísa Rivadulla, o parque dos Pendellos, coa representación ‘A vida tola de Pajarito', "unha das pallasas con máis traxectoria e máis recoñecidas do Estado", destacan na organización, e que chega a Galicia da man de Pistacatro. Ás 13h30, soarán as voces do Coro de veciñas bravas, unha "das propostas máis emocionantes" baixo a dirección de María Montenegro.
Tras o éxito no seu nacemento en 2023, o "primeiro festival feminista da provincia de Lugo" volve os días 24 e 25 de maio cun cartel diverso no que músicas como as de Caamaño e Ameixeiras ou EME DJ se combinan con poesía, circo ou teatro
Ás dúas da tarde chegará a sesión vermú con Bratzantifa, que repiten no Polas Bravas. Ás 15h, a música combínase coa poesía da man de Andrea Nunes e Gael. Xa pola tarde (16h), Marián porá a música antes e que, ás 18h, Chévere leve ao auditorio municipal a peza As fillas bravas e o mito de Cassandra. Destacan dende Polamiúda que a representación contará con servizo de interpretación en lingua de signos e mais área de animación e coidados para crianzas.
Contra o serán, o Polas Bravas volve ao parque con Bandidas (20h). Trátase dun "ensemble de vento madeira que xorde expresamente para o Polas Bravas" cuxa orixe está no "interese e o amor pola música das mulleres da Banda de Música de Chantada". "Pretende -abonda- ser un proxecto vertebrador e visibilizador do papel das mulleres na música, que lles foi vetado durante séculos e ata hai tempos ben recentes".
Nadie González (20h45) achegará ao Polas Bravas o seu hip hop e ás 21h45 o festival acolle o concerto de Caamaño e Ameixeiras. Ás 23h15 O Rabelo e Nenaza mesturarán a música galega con xéneros dispares, dende o reguetón ao tecno, e todo isto da man das artes drag. O remate desta segunda edición do Polas Bravas será ás 00h30 cunha nova sesión musical a cargo de EME DJ.