Fillas de Cassandra, Bratzantifa, a poeta Nuria Vil, Hydn, o dúo Aldaolado e a compañía Chévere estarán esta fin de semana no festival Polas Bravas de Chantada, organizado pola asociación feminista Polamiúda con actividades gratuítas para todos os públicos
A asociación feminista de Chantada Polamiúda organiza o venres 19 e o sábado 20 de maio o festival Polas Bravas, un encontro que pretende congregar á veciñanza da vila e da contorna para gozar de "propostas culturais vangardistas feitas por mulleres bravas galegas". Un festival gratuíto de música e palabra que nace na comarca coa firme vontade de atraer a público de todas as idades.
A programación do Polas Bravas abrangue desde músicas feitas por mozas novas ata teatro centrado na música da tradición oral, pasando por poesía para todas as idades, non exenta de ocos para o humor. Múltiples expresións culturais destinadas e accesibles a todo tipo de públicos. Así, a encargada de abrir os festexos será a cantante e guitarrista Noite, á que seguirá o dúo Aldaolado, que veñen presentar o seu novo espectáculo Sobre Sorpresa despois de ser elixidas finalistas dos Premios Martín Codax no apartado de música indie.
Polamiúda leva desde o ano 2017 desenvolvendo a súa actividade na vila de Chantada, organizando actividades formativas, divulgativas e de sensibilización e, cando cómpre, promovendo accións reivindicativas e de rúa. Agora, deciden dar un paso máis con este festival porque consideran que son necesarias "accións de lecer e esparexemento que faciliten unha primeira achega ao discurso feminista a aquelas persoas máis reservadas, máis escépticas ou máis vulnerables".
Polas Bravas pretende ser "unha vía de libre acceso a discursos, producións e contidos culturais alternativos e independentes que non sempre chegan ás vilas que esmorecen como a nosa"
Polas Bravas pretende ser "unha vía de libre acceso a discursos, producións e contidos culturais alternativos e independentes que non sempre chegan ás vilas que esmorecen como a nosa". O venres 19 a actividade comezará ás 20.00 horas no Mesón Mogay (rúa Dr. Fleming, 2) e rematará ás 00.30 coa pinchada no Pub Lost (rúa Castelao) do dúo de picadiscos Midori ¥ Hatta, cunha sesión na que combinarán éxitos recoñecidos con "xoias ocultas".
As actividades do sábado comezarán ao aire libre, no parque Eloísa Rivadulla (Parque dos Pendellos) coa actuación ás 12 da mañá das artistas da Academia, unha escola de música de Chantada que presentará o espectáculo de canto de dúas alumnas e contará co concerto do Obradoiro Coral de Voces Brancas. Ás 13 horas será a quenda da artista Nuria Vil co seu espectáculo de poesía escénica. Haberá sesión vermú e estará acompañada pola picadiscos compostelá MeriWlson.
Na tarde do sábado chegará o momento do teatro coa representación da compañía Chévere da obra As fillas bravas, protagonizada por tres mulleres que tocan e cantan o que lles peta como antes fixeron a súa nai e a nai da súa nai, que serán interpretadas por Patricia de Lorenzo, Mónica García e Arantza Villar. Será ás 18.30 horas no Auditorio Municipal de Chantada. Ao remate, o público abandoará o auditorio cunha sorpresa da banda local As PunKDereteiras, coa súa revisión das letras das cantigas tradicionais.
Á noitiña, e de volta no parque Eloísa Rivadulla, a música volve ser a protagonista coa actuación das Fillas de Cassandra, presentando o seu primeiro álbum Acrópole, ás 21 horas. De seguido subirán ao escenario as Bratzantifa co seu bedroom pop e a artífice do gallenglish Hydn. O peche irá a cargo da picadiscos chantadina Luna Desgracia.