A canción 'A Ponte' é "un himno no que se fala, propiamente, de tender pontes a través da música e da educación”, destacou Uxía, que participa xunto co brasileiro Chico César, a portuguesa Celina da Piedade ou o mozambicano Cheny Wa Gune, entre outros
O pasado 1 de decembro o proxecto de Ponte... nas Ondas! (PNO!) recibiu o recoñecemento da UNESCO como exemplo de boas prácticas subliñando que a súa "combinación de radio, educación e patrimonio cultural" pode funcionar como modelo de fomento "da paz e do entendemento cultural" en distintos lugares do planeta que queiran adoptar este modelo e valerse da experiencia acumulada en 27 anos de traxectoria.
Para celebralo, PNO! vén de estrear a cancion e videoclip 'A Ponte', realizado por diferentes artistas da lusofonía. “Este tema é un himno no que se fala, propiamente, de tender pontes a través da música e da educación”, explicou Uxía Senlle, impulsora da iniciativa e unha das artistas implicadas no proxecto, xunto co brasileiro Chico César, a portuguesa Celina da Piedade ou o mozambicano Cheny Wa Gune, entre outros.
“É un tema no que se mesturan moitos ritmos, pois a melodía é unha síntese de ritmos galegos, portugueses, africanos e brasileiros con samba, morna ou muiñeiras, entre outros”, destacou Uxía, que explicou que a letra da canción xurdiu nunha gravación en Lisboa en 2010 á que asistiron Uxía e Sérgio Tannus para gravar o “cantar galego” de Zeca Afonso co seu sobriño João Afonso.
A canción estrearase en directo o vindeiro 13 de febreiro, na celebración do Día Mundial da Radio.. 'A Ponte' é un tema que "queda na cabeza e agardamos que ese día todos os nenos e nenas o canten e formen un gran coro", destacou Uxía
De cara á celebración do 25 aniversario de Ponte nas ondas! aquel proxecto foi retomado e a canción foi gravada nun estudo. Porén, a pandemia impediu a súa estrea, que chegará o vindeiro 13 de febreiro, coincidindo coa celebración do Día Mundial da Radio, unha das actividades nas que PNO! pon máis empeño todos os anos. 'A Ponte' é un tema que "queda na cabeza e agardamos que ese día todos os nenos e nenas o canten e formen un gran coro", destacou Uxía na presentación dos actos desa xornada, na que "os artistas da lusofonía queremos dar a coñecer tamén as nosas boas prácticas e render unha emotiva homenaxe a Ponte...nas ondas! que é xa un modelo para o mundo".
40 centros de ensino de Galicia e norte de Portugal, unidos a través da radio
Este luns 13 de febreiro máis de dous mil estudantes de 40 centros educativos de toda a Eurorrexión-Galicia norte de Portugal realizarán de forma simultánea os seus programas de radio
Este luns 13 de febreiro máis de dous mil estudantes de 40 centros educativos de toda a Eurorrexión-Galicia norte de Portugal realizarán de forma simultánea os seus programas desde diversas emisoras de radio co gallo do Día Mundial da Radio, sumando 15 horas de radio en directo.
A Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago, o Edificio Miralles do Campus da Universidade de Vigo e a Rádio Universitaria do Minho de Braga serán os centros emisores a onde asistirán moitos centros educativos a realizar programas. Tamén o farán outros centros asistindo a radios locais como a Rádio Afifense de Caminha, a Radio Municipal de Tui, Radio Allariz, Radio Fene, Radio Burela, Radio As Nogais. Desde os centros educativos que contan con radio escolar tamén farán programas de radio en directo.
Desde o portal Escolas nas Ondas realizarase por streaming a radiodifusión de todos os puntos de emisión. Tamén serán emitidos os preto de 100 podcasts que xa foron recibidos e que aínda están chegando procedentes de todas as escolas
Desde o portal Escolas nas Ondas realizarase por streaming a radiodifusión de todos os puntos de emisión. Tamén serán emitidos os preto de 100 podcasts que xa foron recibidos e que aínda están chegando procedentes de todas as escolas.
Na rolda de prensa celebrada no edificio Redeiras da Universidade de Vigo púxose de relevo a importancia de sumarse a esta efeméride para difundir así o modelo de Ponte... nas ondas!, recoñecido pola Unesco como “modelo de boas prácticas co Patrimonio Cultural Inmaterial”, e que leva xa 27 anos promovendo o emprego da radio nas escolas como unha potente ferramenta pedagóxica que axuda ao alumnado a desenvolver a súa competencia oral e comunicativa, ademais de ir construíndo unha potente rede de persoas, escolas, universidades e institucións que buscan o recoñecemento do patrimonio inmaterial galego-portugués no mundo.