Preservar o patrimonio audiovisual vén sendo unha ocupación, preocupación e reflexión dende hai anos para profesionais do sector e máis alá. Para os traballos de artistas, para o xornalismo ou para o cinema, mais tamén para as gravacións persoais, domésticas, que teñen o valor de retratar a vida cotiá do momento en que se realizan.
O Museo Online de Cine Autobiográfico abre unha nova convocatoria para recibir fitas, dixitalizalas e incorporalas ao seu Arquivo de Cine Doméstico
Neste último eido é no que se centra o Museo Online de Cine Autobiográfico (MOCA), un proxecto impulsado dende a empresa lucense Cafés Candelas que ten entre os seus labores a elaboración do seu Arquivo de Cine Doméstico. O propósito deste arquivo, explican, é "sensibilizar a poboación sobre o valor patrimonial" destas gravacións e por iso lanza a súa segunda campaña de dixitalización gratuíta para seguir "reconstruíndo a memoria colectiva".
Ata finais do vindeiro setembro, as persoas que conten con coleccións de vídeos domésticos que desexen participar poden dirixirse ao MOCA a través dun formulario no seu sitio web explicando "as características da súa colección" con detalles como o contido das gravacións, o estado de conservación e o período temporal que abranguen. Poden estar rexistradas en fitas Súper8, Estandar 8, VHS (NTSC, PAL, SECAM, PAL-N, PAL-M), Video 8 – HI8, MiniDV ou Beta.
Alén de preservar e poder visualizar esas imaxes coa calidade propia da tecnoloxía dixital, o arquivo tamén pretende asentar o seu "censo de coleccións" e poñelo á disposición de estudos e proxectos artísticos
Entre todas as candidaturas que reciba, o MOCA seleccionará unha das coleccións para dixitalizala e incorporala ao arquivo. A persoa propietaria, especifican, "recibirá unha copia gratuíta das súas películas en resolución 4K para soportes fílmicos e en resolución nativa para os soportes magnéticos" sen que o traballo de dixitalización lle implique custo.
Alén de preservar e poder visualizar esas imaxes coa calidade propia da tecnoloxía dixital, o Arquivo de Cine Doméstico ten tamén a intención de asentar o seu "censo de coleccións" en todo o Estado. Trátase, indican, de "crear unha base de datos ampla e poñer os seus contidos á disposición de centros de investigación, estudantes e creadores".
Na súa primeira campaña de dixitalización, en 2022, o MOCA seleccionou seis coleccións. Nelas, contan, obsérvanse os "percorridos polas vidas de familias españolas entre os anos 50 e 80", dende historias da emigración ata vacacións ou eventos sociais, dende o Sáhara Occidental a París, Xapón ou escenas familiares cotiás. Todas elas poden verse no propio sitio web do Museo.