Castelo Conta non é só un festival: proxectos sociais e culturais desde o rural para todo o ano

Andaina en Castelo durante as festas de 2025 CC-BY-SA Aigi Boga
https://api.praza.gal/storage/uploads/cintino-castelo-conta-08b6c1f.jpeg

Foi hai algo máis dunha década cando a veciñanza da parroquia de Castelo, en Culleredo, decidiu darlle unha volta ás súas festas. Preguntáronse se o modelo de grandes orquestras, grandes churrascadas e milleiros de persoas en escasos días era sostible ou pagaba a pena. Co impulso de Xosé A. Touriñán, veciño do lugar, naceu o Castelo Conta —a gran festa popular que xunta cultura, memoria, encontro e tradición durante unha semana e vai xa pola 11ª edición— e naceu a asociación do mesmo nome, a que implica toda a veciñanza nun proxecto común que vai máis aló das celebracións de agosto, que se espalla todo o ano para "dinamizar" e manter vivo o rural, convertelo en referente cultural. O de Castelo e moitos máis. 

Castelo Conta é moito máis que o festival de finais de agosto, é tamén unha asociación que organiza decenas de actividades e proxectos todo o ano para "dinamizar o rural"

"Queremos que o rural siga contando: aquí e noutros lugares deste país. Que se fale de nós, que sexamos epicentro cultural de todo o mellor: a conservación do patrimonio e a memoria local, o coidado dos espazos naturais, e a posta en valor das tradicións desde unha perspectiva interxeracional", resume a propia asociación. 

Porque Castelo Conta, que salta aos grandes medios e axendas festeiras cada verán polo festival da última semana de agosto, é moito máis que estas datas. Un modelo de dinamización que busca "reverter as tendencias" que levaron a centrar a actividade social e cultural nos grandes centros urbanos, que organiza decenas de actividades todo o ano e impulsa proxectos que quedan (e valen) para sempre. Desde o rural. Desde unha parroquia duns 150 habitantes onde a clave é "ter toda a veciñanza implicada, que se senta partícipe". 

Encontro final do proxecto 'Mulleres que contan' na Escravitude CC-BY-SA Aigi Boga

Quen o lembra é Álvaro Pérez, produtor de contidos audiovisuais, de espectáculos e de eventos, membro da directiva de Castelo Conta e un dos organizadores do festival. Unha das persoas que traballa tamén nese "obxectivo" e desexo común de "desestacionalizar" as actividades para que non todo se centre no festival e cada vez se fagan máis cousas todo o ano

O último proxecto da asociación é unha bolsa para residencias artísticas en Castelo que será presentada no festival: "A única condición é desenvolver o traballo en contacto coa veciñanza"

Hai un lote delas e unha das últimas iniciativas será presentada este ano durante o festival: unha bolsa para residencias artísticas en Castelo, para que artistas desenvolvan os seus proxectos, en calquera disciplina, "coa única condición de que desenvolvan o seu traballo en contacto coa xente da parroquia". Un proxecto que, como di Álvaro Pérez, é "un exemplo" da folla de ruta da asociación, na busca desa desestacionalización, de que a veciñanza "teña máis cousas que facer durante o ano e non só durante as festas", e dentro do obxectivo fundamental de "dinamizar a aldea". 

O festival Castelo Conta servirá para dar máis detalles destas residencias artísticas, un proxecto máis dos moitos que a asociación desenvolve durante o ano. De todo tipo, coa implicación da veciñanza e a máis das veces colaborando con Castelo Deporte e a Comunidade de Montes Veciñais de Castelo, as outras dúas patas dun asociacionismo ben activo. 

Unha das iniciativas é Nomear Castelo, iniciada no pasado verán cun roteiro co apoio do técnico do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega, Iván Méndez, co que se recuperaron máis de 350 denominacións de lugares da parroquia. Un proxecto que recompilou moitos microtopónimos nun mapa interactivo dispoñible en Galicia Nomeada, permitindo que calquera poida acceder a este patrimonio vivo da zona e de toda Galicia e seguir ampliando a listaxe. 

Castelo Conta impulsou unha app para o Monte Xalo, recuperou toponimia da zona e presenta no festival 'Mulleres que contan', proxecto audiovisual con mulleres de varias zonas rurais de Galicia

Ademais, e como parte dun dos obxectivos da asociación, o de "protexer o medio ambiente e, en particular, a diversidade medioambiental do Monte Xalo", moitas das iniciativas céntranse neste mítico espazo da parroquia, unhas 143 hectáreas xestionados por 65 comuneiros e comuneiras. "Unha xestión responsable e sostible, a través da ordenación e diversificación de usos", reivindican. 

Entre as iniciativas, está xa activa a app Monte Xalo, unha ferramenta creada desde o tecido asociativo da parroquia que permite coñecer o monte desde dentro, con rutas, patrimonio e contidos xeolocalizados para unir "natureza, memoria e tecnoloxía".

Presentación de 'Mulleres que contan' na Illa de Arousa

Por outra banda, o festival deste ano terá un dos seus momentos máis destacados o xoves 27 de agosto cando se estree o documental Mulleres que Contan, unha produción que recolle o traballo desenvolvido durante os últimos meses por mulleres de diferentes territorios rurais de Galicia arredor da memoria e dos coidados. 

'Manifesto dos Coidados'

Un proxecto de creación audiovisual que foi alén de Castelo para contar con mulleres participantes de Taboada, Vilaño, Triacastela, Baroña, Manzaneda e A Illa de Arousa que, ademais, construíron colectivamente o Manifesto dos Coidados, "unha reivindicación nacida da experiencia común de quen sostivo durante décadas un sistema insuficiente e desigual". 

Porque Castelo Conta tamén é reivindicación social, como a que levou á asociación —xunto con Castelo Deporte e a Comunidade de Montes Veciñais—a amosar a súa "solidariedade coas veciñas e veciños da Laracha e o total rexeitamento á instalación en Soandres dunha macroplanta de produción de fertilizante orgánico para a produción de biogás". 

O achegamento e contacto con outras aldeas e parroquias rurais está a ser unha das claves tamén no traballo de Castelo Conta, ben sexa pola busca dun modelo de festas semellante noutros lugares ou pola colaboración en diferentes proxectos, unha vía que desde a asociación queren reforzar, como explica Álvaro Pérez, e da que comprobaron as súas bondades cos contactos entre entidades que facilitou Mulleres que contan

Modelo exportable

Como exemplos, Pérez cita Adro de Vilaño, na Larcha, onde a asociación busca tamén "unha reconversión no modelo de festas" e no asociacionismo no rural, apostando por unha comunidade única e activa na parroquia e con actividades diferentes e afastadas do habitual. Ou o Festival M.A.R.C.O. (Mostra de Arquitectura Rural) de Vedra e que vusca "volver mirar o rural con ollos novos". 

Roteiro para descubrir e recuperar a toponimia de Castelo CC-BY-SA Aigi Boga

A colaboración con outras aldeas para proxectos compartidos é un dos obxectivos de Castelo Conta, que insiste na "implicación da veciñanza" como clave para o éxito

"Temos que facer esforzos en entrar en contacto con máis lugares e parroquias de Galicia para colaborar, para facer proxectos conxuntos, non só para servir de guía ou que nos pregunten como facemos", explica Pérez, que insiste na súa resposta a quen cuestiona a "clave" para o éxito do Castelo Conta e de todo o que o rodea. 

"A implicación da veciñanza e, no caso do festival, que a xente sinta que segue sendo unha festa, un lugar onde pasalo ben", explica. "Hai que ter moito coidado para non convertelo nunha cousa que non é nin en introducir cousas que poidan ser alleas, por iso é fundamental explicar ben as cousas antes e implicar a veciños e veciñas", insiste. 

"Nós témolo claro: non queremos que o festival medre máis, senón en aumentar as posibilidades de proxectos e dinamización do rural durante todo o ano", conclúe Álvaro Pérez sobre o futuro da festa e da asociación. Uns propósitos que a entidade resume nunha frase ben acaída sobre Castelo: "Un lugar onde as cousas pasan, porque a xente fai que pase". E ese é o propósito para esta parroquia e para moitas outras por todo o país. Será por aldeas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.