A vila de Combarro, en Poio, é unha dos atractivos turísticos máis recoñecibles das Rías Baixas. As súas casas de pedra construídas á beira do mar mantendo a súa estrutura tradicional, os soportais, as estreitas calexas que a percorren ou os hórreos que se intercalan entre as vivendas son fotografadas e celebradas polos visitantes e locais como un exemplo da "Galicia auténtica". En realidade, moitas vilas mariñeiras galegas presentaban esta fasquía ata hai un século, un urbanismo e arquitectura que foron borrados polas novas construcións que non respectaron o patrimonio previo, como si se conservou en Combarro.
O 30 de novembro de 1972 o núcleo de Combarro foi declarado como conxunto histórico
En boa medida, isto conseguiuse grazas á declaración do núcleo de Combarro como conxunto histórico, aprobada o 30 de novembro de 1972, e da que este ano se conmemora o seu 50 aniversario. Aquel decreto destacaba que Combarro "é a máis pintoresca das vilas mariñeiras de Galicia" e que "o encanto deste núcleo urbano, coa súa sinxela e inigualable beleza debe ser preservado".
O decreto destacaba que Combarro "é a máis pintoresca das vilas mariñeiras de Galicia" e que "o encanto deste núcleo urbano, coa súa sinxela e inigualable beleza debe ser preservado"
Ao longo de todo este ano 2022 o Concello de Poio organizará un amplo conxunto de actividades para conmemorar a efeméride. O Goberno local salienta a necesidade de traballar “de xeito conxunto, a todos os niveis” para desenvolver unha programación acorde co nivel “dun dos nosos maiores activos desde o punto de vista cultural, social e económico”. A programación, anticipa, incluirá citas de carácter lúdico, deportivo, turístico, cultural, medio ambiental e histórico.
O Concello de Poio considera o 50 aniversario como “unha gran oportunidade para dar un pulo ao futuro da vila, para poñela en valor e seguir mellorándoa, ao igual que a calidade de vida da veciñanza”
O Concello destaca a importancia de celebrar este medio século de definición como núcleo histórico como merece a ocasión, sen esquecer a importancia de aproveitar “unha gran oportunidade para dar un pulo ao futuro da vila, para poñela en valor e seguir mellorándoa, ao igual que a calidade de vida da veciñanza”.
Un dos primeiros pasos foi a contratación dun estudo estratéxico sobre o núcleo da parroquia poiense, un documento, sinala o concelleiro nacionalista Xulio Barreiro que “nos axudará a establecer prioridades de intervención á hora de reforzar cuestións como a protección de edificacións ou temas relacionados coa mobilidade”.
O Concello vén de presentar o logotipo deseñado con motivo da conmemoración desta data histórica. O deseño transmite a esencia do patrimonio de Combarro, cunha tipografía que se pode identificar cos elementos arquitectónicos máis tradicionais deste emblemático espazo, como son as pallozas ou os soportais. O deseño tamén está inspirado na figura de Castelao.
Combarro nos arquivos fotográficos históricos
Podemos atopar un gran número de imaxes de Combarro nos arquivos Pando e Wunderlich, recentemente dixitalizados
A beleza de Combarro non pasou desapercibida na primeira metade do século pasado para os fotógrafos que por unhas ou outras razóns visitaban Galicia. Así, podemos atopar un gran número de imaxes da vila nos arquivos Pando e Wunderlich, recentemente dixitalizados e que se poden consultar online na Fototeca do Patrimonio Histórico do Ministerio de Cultura.
Otto Wunderlich percorreu Galicia entre 1926 e 1936, especialmente a costa pontevedresa. Pola súa banda, Juan Miguel Pando Barrero desenvolveu un interese persoal pola fotografía de paisaxe e de carácter etnográfico durante as súas viaxes por España e Marrocos entre as décadas de 1950 e 1970, fotografando Combarro no ano 1960.