"A forza principal que nos mantén é esa mesma ansia que tiñamos ao principio: ver como conectar coa xente", di Rodrigo Caamaño. É nos concertos onde Triángulo de Amor Bizarro emerxe con toda a forza, esa conexión co público é un motivo fundamental para que en 2024 fagan vinte anos como banda
Triángulo de Amor Bizarro farán o ano que vén vinte anos como banda, vinte anos facendo un ruído que atrapa. Isa Cea, Rafa Mallo, Zippo e Rodrigo Caamaño, co que falamos nesta entrevista, están a presentar o seu sexto álbum, SED, no que está vixente o pouso do vivido na pandemia, a mesma rebeldía de sempre e quizá unhas pingas de nostalxia sumadas á ilusión por seguir facendo cancións que compartir con quen as queira escoitar. A banda boirense toca o 22 de setembro no festival Noites do Porto da Coruña. Un concerto que avanzan que será especial e no que van recuperar temas dos seus discos anteriores. Tamén estarán no SeaSon Fest en Gondomar o día 23 e en outubro comezarán a xira por salas, na que pasarán por Boiro e Santiago.
O primeiro boletín Malas vibraciones, que chega por correo electrónico a quen se subscriba, comezaba cunha defensa do poder da música en directo para unir a xente fronte á separación nos concertos por zonas con espazos vip, resúltalles alarmante ter que lembrar isto?
Ás veces chocamos cunha cultura máis capitalista do que é a propia cultura, pero é que nós somos unha banda que xorde entre un grupo de amigos cunha intención artística que só buscaba expresarse coa música, non facer negocio con ela. Sendo uns post adolescentes perdidos no mundo a música era a nosa vía para transmitir as nosas emocións a xente. Para min un concerto ten que ser algo así, un espazo de conexión coa xente. Lembro perfectamente os concertos, cando comezamos coa banda, que me axudaron na miña vida. Que eses momentos tan especiais de pronto se convertan nun puro negocio está moi lonxe da nosa filosofía como banda.
"Se desaparecen os concertos non lle veríamos sentido á música"
Precisamente, en 2024 fanse vinte anos da banda, como vos vén de lembrar o xornalista e referente Julio Ruíz.
Non levabamos a conta e a verdade é que me entraron case calafríos... É que o que nos move é a ilusión por seguir facendo cousas, se iso vemos que se perde ou vemos que estamos cansos tras unha xira, pois nos tomamos un pequeno descanso. Pero a forza principal que nos mantén é esa mesma ansia que tiñamos ao principio: ver como conectar coa xente. A música é algo moi emocional para nós, pasaron vinte anos? Pois séntese como se pasaran dous. Acabamos de sacar o disco hai menos de dous meses e xa estamos compoñendo cancións novas mentres preparamos os concertos, se nos apetece facelo hai que seguir. Toda a parte da xestión dos concertos é moi laboriosa, pero o importante para nós é esa hora e media que estamos no escenario e verlle a cara ao noso público. Se desaparecen os concertos non lle veríamos sentido á música, nesta tendencia a que sexa todo por redes sociais e por reproducións pérdese o contacto humano.
"O importante é que haxa vasos comunicantes e non haxa escenas moi pechadas, a música ten que facer de pegamento"
Xa hai datas para a xira por salas no outono e inverno, que teñen os concertos nas salas que non haxa nos festivais?
O primeiro para nós é poder facer concertos un pouco máis longos, cando compartes cartel con máis artistas tes 50 minutos ou unha hora, e agora apetécenos que o repertorio anterior siga vivo mentres nos apeteza tocalo. O da Coruña vai estar moi ben porque vai ser máis longo, máis parecido ao das salas. Ademais cando tes pouco tempo despois escríbeche a xente porque non tocaches esta ou aquela canción... E é certo. Por iso nesta xira con salas imos repasar eses temas que non podemos tocar noutros momentos. Temos pensado ir rotando moito, recuperando material que xa ten uns anos pero que agora incluso lle podes dar outro significado.
O concerto na Coruña, no Noites do Porto, é unha noite especial tamén porque a compartides con Xoel López recuperando a Deluxe, que tanto soaba nos vosos comezos como banda.
Somos bandas dunha época, pero aí seguimos Xoel e nós, facendo música. Creo que este festival está moi ben pensado, separando os concertos en varios días para que non empaches de bandas. É un formato diferente dentro dos festivais, son concertos para desfrutar máis do propio grupo e non tanto do ambiente ou da festa, que está moi ben tamén.
En Praza vimos de publicar unha reportaxe analizando o contexto dos festivais, desde o voso punto de vista é compatible a festa con que a música siga a ser a protagonista?
Claro! Todos os eventos culturais nos que contes coa xente, depende de como se formule o propio proxecto vai coller un camiño ou outro. Creo que hai festivais moi grandes que coidan moito a música e outros que venden máis a experiencia. É bo que haxa variedade, non pode ser que o modelo de negocio sexa só o da experiencia máis de turismo que de cultura, pero mentres haxa variedade... Nós tocamos en todo tipo de festivais, hai veces nas que parece que non encaixamos de todo no cartel, pero ao ir tamén ocupas ese espazo. O importante é que haxa vasos comunicantes e non haxa escenas moi pechadas, a música ten que facer de pegamento.
Aínda que estivo sempre presente, en SED recrúese a mensaxe contra o capitalismo? Se es quen de coller a ironía, claro...
É algo que nos acompaña porque somos dunha xeración que vivimos nas crises provocadas por outros, que estamos pagando a xente normal, a xente de clase traballadora como somos nós. Creo que é inevitable. O único disco puramente político que fixemos é o EP Gatopardo, que está formulado desa maneira máis fría. Pero é unha mensaxe que inunda o resto dos discos. A miña forma de escribir cancións é a través de plasmar nun papel as emocións que pasan por min, boas ou malas, para que ao final se transmitan a outros dalgunha forma. Onde empeza o suxeito político e o suxeito privado? Son divisións moi arbitrarias, todo afecta. Se tes problemas económicos seguramente tamén teñas problemas emocionais, e ao revés. Por iso tampouco quero separar e prefiro que esa mensaxe non estea moi destilada, senón que como tampouco intento entender as miñas propias emocións, non intento facer cancións que as expliquen. Sempre hai un pouco de rabia contra o sistema, creo que iso tamén é inevitable.
"É moi fácil abandonarse á nostalxia, é unha emoción reconfortante nun primeiro momento, pero é un pouco tramposa"
E hai unha pouca nostalxia nas novas cancións?
Si, hai un pouco de xogo co uso da nostalxia que se fai agora mesmo nas redes sociais e en moitos produtos culturais. A min isto dáme un pouco de medo, é moi fácil abandonarse á nostalxia, é unha emoción reconfortante nun primeiro momento, pero é un pouco tramposa porque realmente estás a recrear épocas idílicas que non teñen nada que ver con como foron. Vese moito na música, como agora o das bandas non é moi mainstream parece que vivimos nunha recreación continua. Tanto nas películas que idolatran bandas do pasado como na explosión de bandas tributo de bandas que deixaron de tocar hai trinta anos.
Cando fas algo agora contemporáneo, parece que tes que estar loitando non só contra esas bandas míticas que están xa nun altar e son indestrutibles, senón con todo un panteón de bandas. Tes que poder facer música agora, cos códigos actuais e non con recursos de bandas de dinosauro. A nosa filosofía de banda sempre apostou polo kill your idol (mata aos teus ídolo), iconoclasta total. Nós queriamos facer unha banda de rock and roll que non fose como as que se levaban na época porque os tópicos do machismo estaban aí e seguen estando aí; iso de ser estrelas do rock sempre nos deu unha especie de alerxia. De feito, isto era un motor creativo ao principio.
Neste contexto, como de difícil é para vós conseguir esa abstracción que vos permite facer algo distinto en cada álbum?
Cando nos poñemos a facer cancións novas a primeira pelexa que temos é con nós mesmos porque dicimos, isto xa está feito e se sigo na mesma liña vou ter unha canción que é moi parecida pero que xa non é tan pura. Entón xa é un aquel que nos vai levando naturalmente, van morrendo polo camiño as cancións que vemos que non nos aportan nada. Cal é o proceso? Moito traballo, un ano ou dous de composición. O camiño comeza onde deixamos o disco anterior e as cancións que se quedan é porque teñen unha vida propia, porque teñen algo que as diferencia. Pode ser a melodía, o estilo... non sei o que é ese algo, pero cando está decidimos que hai que seguir con esa canción. Realmente é moi complexo de explicar porque é todo moi abstracto, para nós sería moito máis sinxelo seguir un proceso mecanizado, pero para nada.
Con “Estrella solitaria” sucedeu todo de forma distinta, é unha canción que se achega a ritmos que precisamente normalmente criticades.
Esta canción comezamos a facela na pandemia, cando decidimos probar a traballar a distancia. É diferente porque non nace no local de ensaio entre todos. Eu son fan de sempre das cancións de technopop, creo que hai unhas bandas aí alucinantes que empregan eses sons dos sintetizadores analóxicos, pero sempre nos resultou complicado introducir ese tipo de son no noso discurso de banda –digamos– de destrución e de rock. Funciona case como unha canción ideal de todas esas bandas que están destinadas a un éxito fugaz, a un brillo como unha supernova, e despois son un exercicio de nostalxia durante toda a vida. É unha canción que vai sobre os cambios de era na que nós tamén collemos o rol de banda doutra época. A verdade é que é unha das cancións da que máis orgullosos estamos, envolveunos durante todo o proceso do disco.
"Estrella solitaria' funciona case como unha canción ideal de todas esas bandas que están destinadas a un éxito fugaz e despois son un exercicio de nostalxia durante toda a vida"
“La espectadora”, por outra banda, parece que con ese soy solo alguien que busca lo que es suyo, sintetiza a idea de ‘nin permiso nin perdón’ que tanto vos caracteriza.
É unha das miñas favoritas do disco, ten un punto melancólico pero non chorón. Vale que poidas perder todas as partidas, pero sempre con esa dignidade. Aínda que che digan que non tes dereito a algo, a rabia sempre está aí. Coas redes sociais parece que nos estamos volvendo participantes moi pasivos, por iso me gustan os concertos, porque hai unha reciprocidade co público.
O boletín do que falabamos ao comezo é un intento de buscar esa reciprocidade máis alá dos concertos e fóra das redes sociais?
Si, así nos saltamos o algoritmo. Nas plataformas, como queiras comunicarte coa xente dunha maneira natural o algoritmo penalízache porque pide contidos moi asépticos. Todos facemos ese consumo rápido de mirar as cousas dous segundos, pero iso favorece a determinados estilos de música pero para nada ao noso. Entón, pensamos no boletín para falarlle só á xente á que lle interesa, sen entrar no aquel do spam.