"Guitarra, papel e boli tamén son unha pequena revolución"

A cantautora Silvia Penide © Cris Pontanilla

A cantautora Silvia Penide celebra o seu XX aniversario enriba dos escenarios co vinilo 'Mientras dura el aplauso', cancións que marcaron a súa carreira acompañada de artistas como Guadi Galego, Ugía Pedreira, Eladio Santos ou Víctor Manuel

Silvia Penide leva vinte anos de carreira na música e celébraos coa edición do seu primeiro disco de vinilo, Mientras dura el aplauso, unha recompilación de cancións das últimas dúas décadas a dúo con outras artistas como Guadi Galego, Ugía Pedreira, Eladio Santos ou Víctor Manuel, que só está dispoñible en formato físico. Para esta artista de Arteixo os concertos son espazos de conexión co público que a acompaña e sen o que non tería sentido seguir facendo música.

Por iso a maior celebración será encontrarse coa xente este domingo, 27 de agosto, no Festival de La Luz de Boimorto, o 15 de setembro en Barcelona, o día 23 no Teatro Principal de Pontevedra acompañada da súa banda ao completo e cunha intérprete de lingua de signos, o 24 de novembro en Sevilla e o 29 de decembro no Auditorio Municipal de Arteixo, tamén con banda e intérprete de lingua de signos.

Sobrevivimos mientras dura el aplauso, di na canción “Sobre el mismo alambre”, que abre o vinilo co que celebra vinte anos sobre os escenarios. É fundamental o aplauso?

Buscabamos que o vinilo fose case como unha cápsula do tempo para celebrar estes vinte anos e sabiamos que tiña que ter un título que tivera peso e, de pronto, un día tíveno clarísimo porque xusto esa canción vai adicada a toda a xente que se dedica ao mundo do titiriteo. É literalmente iso: sobrevivimos mentres dura o aplauso. Polo menos no meu caso, que non son unha artista que encha recintos ou teña visibilidade en radios e televisións habitualmente, pero nunca me falta traballo e é gracias á xente. Con todos os meus proxectos sempre vou atopando os sitios nos que desenvolver o meu labor, así que para min o aplauso é fundamental.

Penide coa torta polo seu vinte aniversario na música © cedida

Que significa para vostede facer este disco que representa a primeira parte da súa carreira?

É unha declaración de intencións e, sobre todo despois da pandemia, unha forma de celebrar que seguimos aquí en todos os aspectos, que é algo que procuro non perder de vista. Cando fixen os 15 anos tamén o festexei porque ao final para min é importante seguir neste camiño. Agora estou escribindo cousas novas, haberá un novo traballo a finais do ano que vén ou no seguinte. Sempre hai unha Silvia nova porque a miña carreira vai moi da man da miña propia persoa, e eu vou evolucionando. É certo que neste disco de vinilo falta unha canción que se chama “Amo”, dimo moita xente, pero non cabían todas... Pero farei algo con ela para o seguinte aniversario, se sigo na música.

"Sempre hai unha Silvia nova porque a miña carreira vai moi da man da miña propia persoa"

Inclúe un tema inédito, “El colchón y el diván”, que ten moita forza. É un avance do que vén?

Si, de feito estou escribindo sobre a culpa, esa culpa que levamos moitas veces enriba e nos pesa tanto. A miña idea é desmitificala un pouco, que consigamos rir das situacións e lles restemos peso a moitas cousas que ás veces imos engordando nós. Quería sacar xa esta canción para marcar un pouco a diferencia entre a Silvia de “Reventaba”, ou a dos primeiros discos, e a que son agora.

A culpa, que é moi de mulleres.

Sempre fago un pequeno labor de investigación cando escribo cancións, pregunteille á xente do meu arredor polo concepto de culpa e curiosamente as que o teñen claro son mulleres. Si que é un indicativo.

No momento actual hai máis presenza das mulleres artistas neste mundo dos titiriteiros?

Eu noto que cada vez estamos máis seguras de nós mesmas. Só hai que ver o panorama en Galicia, cada vez máis artistas mulleres emerxendo e as que xa estaban van gañando moitísima presenza e con moitísimo que dicir. Tamén pasa noutros ámbitos, comezas a ver máis técnicas de son, mulleres na montaxe dos escenarios, na produción... Moitas máis mulleres que hai vinte anos, cando eu comecei, porque eu atopei a miña primeira técnica de son en Marbella cando xa levaba case oito anos cantando.

"Sempre valorei facer o meu camiño con pasos moi seguros e defendendo os dereitos que temos como artistas para dignificar este gremio tamén para a xente que veña detrás"

Se algo destaca das estatísticas sobre traballadores culturais é a precariedade da maioría, despois de vinte anos diría que fixo música a pesar de todo?

Para min a música sempre foi unha media xornada. De feito, levo adicándome exclusivamente á música desde 2016. Ata entón traballei tamén como auxiliar de enfermaría, pero chegou un momento no que tiven que decidir se apostaba pola miña carreira artística porque o volume de concertos medraba. E apostei, comecei a dicir que si a todas as propostas que me interesaban e desde aquela non me falta traballo.

Sempre digo que a miña conta bancaria é a miña mellor amiga, non lle vou mentir nunca. Podo vender todo o fume que queira nas redes, pero a miña vida dentro destas catro paredes teño que mirala eu e as contas teñen que dar. Tamén é certo que son unha persoa que vive con moi pouco, aí entra tamén o que cada un valore e o concepto de éxito que se teña. No meu caso, sempre valorei facer o meu camiño con pasos moi seguros e defendendo os dereitos que temos como artistas para dignificar este gremio tamén para a xente que veña detrás. Neste traballo hai meses nos que non ingresas nada e tes que reestruturar, pero mentres as contas dan eu sigo. No momento no que vexa que me teño que maltratar dalgún xeito para seguir aquí, baixarei a persiana súper orgullosa do que levo feito.

Non debe ser doado traballar sempre facendo valer os dereitos, sen que te maltraten nin maltratarte.

Agora xa non me pasa tanto, xa teño o tema da frustración moi traballado e moi claro o que considero como éxito. Pero de máis nova había cousas que levaba mal, porque ti fas as túas cancións e despois atopas que hai unha cousa que se chama mercado, unhas etiquetas que tes que poñerte ou unha discográfica con criterios distintos ao teu... Foi un pouco complicado pero agora mesmo síntome moi libre.

Con que etiquetas se sente cómoda?

Coa de cantautora, sempre o tiven moi claro. Ou coa de cantautora pop ou pop de autora porque sei que non sempre fixen música de cantautora clásica, aínda que sempre que estou coa miña guitarra gústame experimentar e deixarme levar. Penso que as letras, a reivindicación e o meu falar achéganse máis á canción de autor.

Esa guitarra que é a súa compañeira para facer cancións.

Si, collo a guitarra, gravo co móbil –bendita gravadora do móbil– e así nacen todas as cancións.

Silvia Penide coa súa guitarra © cedida

"A sociedade non pode decidir se é inclusiva"

Como fixo para escoller as cancións que están neste vinilo especial?

Hai algúns duetos que ían estar seguro porque son moi recentes, pero houbo un proceso de escolla. Por exemplo, coller cancións como “Reventaba”, que era de 2008, e traballar sobre ela cos medios de hoxe foi un proceso moi bonito, feito con moita tenrura por Arturo Vaquero e David San José. Quixen coller moitos temas do que para min é o meu primeiro disco, Kilómetros, reeditado en 2003 por unha discográfica moi pequeniña que se chamaba Falcatruada, pero non se podían meter máis.

A canción que tiña que estar seguro é a de “Diferentes diferenzas”, para pechar o disco.

Estaba claro porque como sociedade deberiamos poñer aí o foco. É unha canción cos rapaces e rapazas de asociación de enfermidades raras e epilepsia West Galicia e co alumnado do CEIP Novo Mesoiro da Coruña. Dicíame a nai dun deles que non entendía o concepto de sociedade inclusiva porque o seu fillo xa está incluído no momento no que nace, non ten por que obter o permiso da sociedade. A sociedade non pode decidir se é inclusiva. Tiña que meter esta canción como homenaxe a todo o que vivimos alí no estudo de gravación que montamos no colexio, pero tamén a todas as persoas que suman moitísimo e que por suposto que forman parte por dereito da sociedade.

"Hai xente que non ten reprodutor pero merca igual o disco como un pequeno xesto comigo e para ter algo de coleccionista"

A letra da canción ademais vén do conto infantil do mesmo nome co que gañou o Premio literario Frei Martín Sarmiento.

É un libro contra o bullying para que os prexuízos acaben diminuíndo e facéndose pequeniños. E tamén ten moita mensaxe para os adultos porque ás veces temos máis prexuízos que os cativos. Como está funcionando moi ben, fixemos un espectáculo no que vou contando as historias e presentando aos amiguiños que están no libro, que son personaxes que nunca se desculpan por nada e iso é o que engancha moito os peques.

E a idea de facer só o disco nun vinilo sen formato dixital, de onde vén?

Foi unha idea do meu representante, Tomi Legido, co que levo traballando moitos anos. El o tiña claro, había que facer algo o máis artístico posible en todos os sentidos. De aí a edición de 250 copias numeradas a man por min e con todos os detalliños que ten, o propio vinilo en si é branco. A verdade é que está funcionando moi ben porque incluso hai xente que non ten reprodutor pero merca igual o disco como un pequeno xesto comigo e para ter algo de coleccionista. Estou moi agradecida.

Na carpeta que acompaña o vinilo hai un pequeno texto manuscrito de agradecemento case personalizado para quen se fai con el.

Quería agradecer a todo o mundo que algunha vez se achegou ao meu proxecto e que quedase claro que a guitarra, papel e boli tamén son unha pequena revolución. Cada un de nós, no seu espazo, ten moita responsabilidade de como vai o conxunto común disto que se chama humanidade.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.