Conexión.gal achégase a un lugués que traballa polo empoderamento das mulleres no Senegal

Xavier Lovelle e Ana G. Liste, en Conexión.gal CC-BY-SA Conexión.gal
https://api.praza.gal/storage/uploads/cintino-sxpl-92f1fd3.jpeg

Conectamos con Ziguinchor, no Senegal, para falar con Xavier Lovelle, que está a traballar como cooperante da man da ONG Manos Unidas nun proxecto con agrupacións de mulleres do sector agrograndeiro para o reforzo da participación política. Con algunha paréntese, este lugués leva fóra de Galicia desde o ano 2008. Cóntanos como está a ser a aterraxe no Senegal e as experiencias no seu anterior destino, a Guiné-Bissau.

Neste último Conexión.gal, volvemos sobre a imaxe de África que temos desde occidente xunto a Xavier, que ve "moito camiño por construír" neste continente no que "van andando, lentamente, pero avanzando". Na súa experiencia, a pandemia da COVID non empeorou demasiado as cousas alí. "Non vexo que poidan ter unha crise e estar peor do que están", asegura. 

Xavier Lovelle estudou Psicoloxía porque quería ter impacto no benestar das persoas, e a través da Psicoloxía comunitaria chegou á cooperación como modo de vida. Foi no autobús de Santiago a Lugo onde lle falaron do Máster de Cooperación Internacional que lle abriu un novo camiño. Considérase un privilexiado porque marchou de Galicia por elección, non obrigado, e nestes anos desenvolveu unha imaxe crítica do país.

Conexión.gal é un programa producido por Praza.gal e VINTE coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, presentado por Ana G. Liste, para dar voz á nova emigración galega e que sexan elas e eles quen conten que supón hoxe ser galega e migrante.

Todos os episodios de Conexión.gal en vídeo están dispoñibles neste espazo de Praza.gal e en YouTube. Tamén poderás atopar cada capítulo do podcast en Ivoox e mais en Podgalego

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.