As videochamadas achégannos á República de Malí neste terceiro Conexión.gal. As conexións non sempre funcionan á primeira, pero a maxia da rede permitiu que a compostelá Aida Ariño nos contase moitas das súas experiencias nestes dezaseis anos emigrada.
Aida Ariño pode trazar o seu propio mapa xeográfico coa cantidade de lugares aos que a levaron a inquietude e mais o traballo. Desde as Nacións Unidas, optou por estar onde pasan as cousas e ir alí onde se levan a cabo programas tan destacados como o que loita contra as minas antipersoa.
Con ela abordamos a imaxe que temos de África desde occidente, os grandes choques culturais que se atopan nas migracións e como pode mudar a imaxe que tes do teu país cando colles distancia.
Conexión.gal é un programa producido por Praza.gal e VINTE coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, presentado por Ana G. Liste, para dar voz á nova emigración galega para que sexan elas e eles as que conten que supón hoxe ser galega e migrante.
Todos os episodios de Conexión.gal en vídeo están dispoñibles neste espazo de Praza.gal e en YouTube. Tamén poderás atopar cada capítulo do podcast en Ivoox e mais en Podgalego.