O lugar ao que emigrar, aínda que sexa o mesmo, pode constituír unha realidade moi diferente para cada persoa. Así o comprobamos no segundo Conexión.gal, onde a xornalista María Sabarís comparte desde Londres a súa experiencia nestes anos na capital británica.
Para María, o idioma foi unha barreira en máis sentidos dos que lle gustaría, xa que ao traballar creando contidos o dominio da lingua e das súas claves ten unha importancia especial. Ela chegou a Londres fuxindo tamén, como no caso dos primeiros convidados do Conexión.gal, da precariedade laboral.
Con María Sabarís coñeceremos as diferencias culturais que ten atopado no Reino Unido e as que antes percibira en Bruxelas. Ademais, compartirá o que ten aprendido co podcast que copresenta con Juan Elías Vergara, Fóra de Mapa, no que se centran nas minorías máis descoñecidas ao redor do mundo.
Conexión.gal é un programa producido por Praza.gal e VINTE coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, presentado por Ana G. Liste, para dar voz á nova emigración galega para que sexan elas e eles as que conten que supón hoxe ser galega e migrante.
Todos os episodios de Conexión.gal en vídeo están dispoñibles neste espazo de Praza.gal e en YouTube. Tamén poderás atopar cada capítulo do podcast en Ivoox e mais en Podgalego.