A comunidade galega no Reino Unido conta cunha rede de pequenas asociacións que van desde grupos de música tradicional até colectivos de cine, pasando por promotoras de ópera en galego ou grupos de xogo para os máis pequenos.
Entre toda esta oferta, que reflicte os variados intereses culturais da diáspora, destacan dous colectivos que todas as semanas reúnen a ducias de galegos e galegas en dous puntos da cidade. Falamos de London Celtas e RCD London, as peñas de siareiros dos dous grandes equipos de Galicia.
María Sabarís, voceira da peña celtista, explicaba no podcast Té con Gotas que London Celtas nace hai case cinco anos, froito da necesidade de “ver os partidos en comunidade”. Unha historia semellante é a que conta Sergio Gantes, vice presidente de RCD London, que recorda como a súa peña se constituíu a partir dun grupo de deportivistas que quedaban regularmente para ver os partidos no barrio londinense de Portobello.
E como se vive a rivalidade entre as dúas peñas? Tanto Sabarís como Gantes apelan a unha rivalidade sa e desmárcanse das confrontacións máis desagradables que nalgúns momentos protagonizaron as dúas aficións. Ámbolos dous amosaron o seu desexo de que volva haber derbis na mesma categoría e agardan que nos próximos anos se poidan vivir ao estilo vasco, onde as distintas afeccións poden convivir. Animados a dar exemplo, tanto London Celtas como RCD London comprometéronse a organizar algunha actividade conxunta de cara final de tempada.