En 1983, Margaret Thatcher buscaba nas urnas un segundo mandato. A primeira lexislatura fora moi dura para ela, cun desemprego galopante e unha economía en crise, pero a vitoria británica na guerra das Malvinas servira para aumentar a súa popularidade entre os votantes.
Enfronte tiña ao Partido Laborista de Michael Foot, que se presentaba a aquelas eleccións cun dos programas máis radicais da historia da esquerda británica, pero enormemente debilitado tras unha escisión pola dereita e cun líder moi impopular.
O resultado foi unha vitoria moi contundente para o Partido Conservador e a consolidación do que se denominaría como thatcherismo, un consenso económico que reduciría enormemente o papel do estado na economía e que, con matices, perdura até hoxe.
As eleccións do 12 de decembro teñen certas similitudes con aquelas de 1983. A pasada lexislatura tamén foi de enorme dificultade para o goberno conservador e o Partido Laborista volve presentarse cun programa moi transformador pero cun líder impopular.
A principal diferenza cos anos 80, é que daquela o que estaba en crise era o modelo keynesiano que o Partido Laborista axudara a construír. Agora, o que está en decadencia son as políticas de austeridade que aplicaron desde 2010 os gobernos Conservadores e Liberal Demócratas.
O Laborismo preséntase cun programa radical e un líder impopular
A proposta do Partido Laborista pretende reformar de arriba abaixo a economía británica. Cun ambicioso plan de investimento público, o programa económico da esquerda inclúe a renacionalización de industrias clave como o ferrocarril ou a auga, un aumento importante do poder dos traballadores nas empresas e un plan de transición enerxético baseado na intervención pública e no investimento.
Mesmo os Conservadores aceptaron que a era da austeridade rematou e tamén presentan un programa que promete investir en servizos públicos, particularmente no sistema de saúde. Pero a súa grande esperanza non está tanto na política económica como na súa axenda para saír da Unión Europea. Convertidos no gran partido do Brexit, aspiran a gañar estas eleccións convencendo ao electorado de que son os únicos que poden levar adiante o resultado do referendo.
Os Conservadores aceptaron a fin da era da austeridade
As enquisas de momento danlles a razón, xa que os de Boris Johnson están case 12 puntos por riba do Laborismo de Corbyn. Pero se algo aprenderon os británicos nos últimos anos é que as enquisas poden ser moi volátiles.
No podcast desta semana, en Té con Gotas falamos da campaña electoral, debullamos os programas electorais de cada partido e comentamos as últimas sondaxes.