O equipo de investigación que lidera o arqueólogo do CSIC Alfredo González-Ruibal estivo escavando en Somalia entre xaneiro e febreiro, en pleno enfrontamento dos Estados Unidos co ISIS na zona
A noite do primeiro de febreiro os drons do exército dos Estados Unidos sobrevoaron a aldea de Somalia na que durmía un equipo de arqueólogos que viaxara desde Santiago de Compostela para continuar cos seus traballos de escavación na zona. Alí estaba Alfredo González-Ruibal, arqueólogo e etnoarqueólogo no Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit) do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC). O bombardeo tivo lugar a uns 40 quilómetros do seu xacemento.
González-Ruibal escava no Corno de África desde hai 25 anos, concretamente en territorio somalí desde o ano 2014, cando deu comezo o programa de investigación no que aínda continúa co seu equipo. “Entre 2015 e 2020 traballamos en Somalilandia, que é un estado independente de facto dentro de Somalia. Alí traballamos varios anos até que tivemos un problema e tivemos que deixar o país. Despois comezamos en Xibuti, onde xa levamos cinco anos. Pouco despois de que nos botaran de Somalilandia contactáronos de Puntlandia para ver se podiamos desenvolver proxectos de arqueoloxía do mesmo tipo alí. Contestei que estabamos potencialmente interesados, que me encantaría porque había varios sitios que me gustaría ver”, conta.
“Traballamos ao mesmo tempo en Puntlandia e Xibuti, no fondo seguimos o mesmo programa de investigación que estuda a interacción entre as poboacións nómades do primeiro milenio despois de Cristo ao longo de todos os territorios do leste do Corno de África, e a interacción destes nómades co resto do mundo”, di o arqueólogo, que nesta viaxe tivo que escavar con escoltas. No xacemento de Puntlandia puideron intervir grazas á colaboración do Goberno, especialmente do Ministerio de Información, que é o que tamén se encarga de asuntos de Cultura e Turismo; e no de Xibuti traballaron en gran parte con axuda privada.

Estudan a interacción entre as poboacións nómades do primeiro milenio despois de Cristo ao longo dos territorios do leste do Corno de África, e a relación destes nómades co resto do mundo
O problema é a situación política e os conflitos da zona, que provocan un problema de inseguridade moi grande. “Falando dos sitios que potencialmente podiamos visitar, eu dixen que me gustaría moito ver unha necrópole que se vía moi ben desde a foto satélite, que estaba na desembocadura dun río, que formaba en realidade unha especie de pequena ría, nun lugar chamado Qandala”, detalla o arqueólogo. O seu contacto en Puntlandia localizou a necrópole e mandoulle fotos de como estaba a ser espoliada. Era o ano 2021. “Ata ese momento o sitio estaba prístino, sen tocar –di con pesar–; pero a partir da pandemia, cando non lles deixaron ir traballar ou a pescar, tiveron que buscar outra forma de sustento, que neste caso consistía en espoliar o xacemento. Os materiais que saían eran espectaculares”.
Coa inestabilidade política de Puntlandia, e os problemas de terrorismo, era impensable iniciar alí un proxecto arqueolóxico. Mais pasado o primeiro ano tras as eleccións deste Estado autónomo dentro de Somalia pareceulles bo momento para organizar a viaxe. As complicacións chegaron quince días antes de marchar, cando comezou unha ofensiva contra o ISIS. A necrópole en cuestión está ao pé das montañas ao norte do país, xa na costa. Nunha das rutas naturais de escape dos xihadistas. “O porto no que estabamos nos é, de feito, un lugar coñecido polo tránsito de contrabando de armas de iranianos e yemeníes. É un sitio complicado”, apunta González-Ruibal.
"Hai como 200 tumbas e deberon espoliar unhas 180. Quedaban moi poucas que estiveran intactas porque están moi preto da superficie e resulta fácil escavalas, evidentemente"
Apostaron por manter a viaxe coa intención de documentar eses enterramentos antes de que os espoliasen por completo. O 29 de xaneiro aterraron en terras de Somalia e uns días despois xa estaban na necrópole. “A verdade é que estaba todo moi desfeito porque o espolio foi grande. Eu creo que reescavando as tumbas seguramente se pode encontrar bastante material porque simplemente na superficie había xa moitos restos humanos, ademais de obxectos, pero estaba todo bastante machacado. Hai como 200 tumbas e deberon espoliar unhas 180. Quedaban moi poucas que estiveran intactas porque están moi preto da superficie e resulta fácil escavalas, evidentemente”, conta o arqueólogo do CSIC.
Nun dos enterramentos que escavaron atoparon o esqueleto dun neno ou unha nena de sete a dez anos de idade, recostada sobre o lado dereito, perfectamente conservado. Aos pés rescataron restos de algodón do sudario que envolvía o corpo. Polo tipo de enterramento, explica o arqueólogo, pareceulles unha tumba de transición entre o mundo preislámico e islámico. “Xente con crenzas tradicionais que comeza a incorporar costumes musulmás hai mil anos”, detallou no seu perfil en Bluesky, onde foi relatando a viaxe.
“É moi interesante porque claramente documentamos unha zona na que todo o que había eran tumbas de nenos. Son unhas tumbas moi pequeniñas. Ao principio, cando as viamos na foto satélite, pensabamos que probablemente tivese que ver cunha distinción social, que as tumbas máis grandes eran as das elites e as máis pequenas, as da xe te común. Pero, sobre o terreo vimos que todos os restos humanos que había eran de subadultos. Dá a impresión de que o que atopamos foi unha especie de cemiterio infantil onde enterraban os seus fillos e fillas”, explica.
"Para esta xente estar en contacto con árabes, exipcios, indios e con xente do sueste de Asia era habitual. Algo que para alguén que estivese vivindo na Gallaecia era practicamente fantasía"
A maneira de enterrar a estas crianzas denota unha preocupación polas nenas e nenos que non era nada habitual nesa época. De feito, González-Ruibal sinala que “non é nada común atopar tumbas de menores”. “Isto de facer unha tumba máis ou menos monumental e acompañala dun enxoval, con xoias, cerámicas e demais, é moi pouco habitual”, destaca.
Este coñecemento axuda a eliminar prexuízos, pois estes países agora son o resultado da imposición colonial, pero antes eran territorios urbanos máis parecidos ao que hoxe entendemos como unha cidade. “Creo que o máis chocante, se non se coñece moi ben este mundo, é o grado de integración global que tiña esta xente. En tempos moi antigos, desde o século I antes de Cristo, toda esta zona estaba moito máis integrada en redes globais do que estaba Europa. Para esta xente estar en contacto con árabes, exipcios, indios e con xente do sueste de Asia era habitual. Algo que para alguén que estivese vivindo na Gallaecia era practicamente fantasía. Esta globalización continúa ao longo de dous mil anos, con períodos de máis ou menos integración, e non se desfai ata finais do século XIX”, debulla o arqueólogo.
"Unha das leccións importantes que podemos adoptar son as formas de relación desta xente do Corno de África"
González-Ruibal critica que en Europa aínda consideramos que a historia de África non nos compete. “Para min, unha das leccións importantes que podemos adoptar son as formas de relación desta xente do Corno de África, dos territorios somalís, ao longo de case dous mil anos, que é un sistema baseado na tolerancia e no cosmopolitismo. Unha tolerancia enorme que, cando un pensa en perspectiva europea, é case incomprensible. Lugares onde podían convivir sen ningún problema musulmáns, cristiáns e pagáns. Creo que esa é gran lección que temos que aprender da historia do Corno de África”.
O comercio entre India e África a través dos territorios somalís segue sendo moi importante e empregan o mesmo tipo de barcos, o que chama moito a atención porque son embarcacións que existen desde a Idade Media e continúan activas. O equipo galego estivo no porto de Bosaso, que é o máis grande de Puntlandia, e onde hai comunidades indias, paquistanís e iemenís, entre outras. “Os propios somalís seguen comerciando con xente de todo o Océano Índico. Puntlandia mantén un comercio marítimo que segue as rutas e os contactos tradicionais”, apunta o arqueólogo, que destaca como en Xibuti o que perduran son as caravanas da Etiopía, compostas por vinte ou trinta animais que “continúan as rutas que sabemos que existían desde o século I ou II despois de Cristo”.
“Aquí a novidade son os produtos cos que están comerciando. Hai mil anos serían incenso e peles de animais, e agora están levando deterxente, reloxos ou móbiles. O que pasa é que a simple vista é como ver unha caravana medieval. O único que ves son os camelos levados por catro ou cinco persoas, normalmente xente nova. A impresión que dá é que un está vendo unha imaxe que quedou fosilizada no tempo, pero se te fixas co que están comerciando xa é outra cousa”, engade Alfredo González-Ruibal desde Compostela.
Esas redes comerciais provocan que tanto en Xibuti, como en Somalilandia e Puntlandia aparezan multitude de obxectos do Imperio Romano: “Moitísimas ánforas, algunhas veñen mesmo do Mediterráneo Occidental. Pero o máis sorprendente son os cristais. Sobre todo aparecen xarras de cristal, perfumarios, ungüentarios, material de moita calidade. O que demostra o poder que tiñan os xefes nómades desta zona. Estamos falando de vidros que aparecen moitas veces en tumbas de elite, no caso do Mediterráneo, ou tumbas reais. Este tipo de vidros apareceron en Xapón e Corea en tumbas reais do século V ou do IV”.
"É moi difícil que se poida facer alí unha campaña dun mes no mesmo xacemento porque eso iso é expoñerse moito"
Ata que poidan volver escavar alí van estudar todo o material, datar os ósos e analizar algunhas das doas de vidro que colleron, para tratar de identificar a súa procedencia exacta. Teñen pedido financiamento para continuar coas investigacións sobre o terreo, pero o conflito non cesou e os analistas apuntan a unha maior presenza do ISIS en Somalia. Así que dependerá de como se desenvolvan os acontecementos. “É moi difícil que se poida facer alí unha campaña dun mes no mesmo xacemento porque eso iso é expoñerse moito. Unha cousa é facer visitas cortas de tres ou catro días, como estivemos nós agora, e outra é establecerse un mes porque no fondo estarías comprando boletos para que che toque o premio gordo”, ironiza o arqueólogo.
Alfredo González-Ruibal incide en que temos que sacar a África da periferia na que está historicamente na nosa imaxinación e colocala no lugar que lle corresponde. “En boa parte da historia a que é unha rexión periférica marxinada era Europa, o que pasa é que non é así como se nos ensina a historia nos libros da escola, onde África non aparece, e se o fai é a base de estereotipos, de aldeas de palla, escravos e demais. Cando realmente non era así. En todo caso, o nordeste de África é unha zona tan integrada e tan importante para as economías e as políticas da antigüidade e da Idade Media que desde logo é máis ben o contrario”, argumenta.