Descobren en Valdeorras unha posible fragua tardorromana que estaría entre as máis grandes do noroeste peninsular

Escavación no xacemento de Castelo de Valencia do Sil (Vilamartín de Valdeorras) © Sputnik Labrego

Dende o ano 2019 a Asociación Científica Sputnik Labrego ven realizando escavacións no xacemento arqueolóxico tardorromano de Valencia do Sil, en Vilamartín de Valdeorras

Dende o ano 2019 a Asociación Científica Sputnik Labrego ven realizando escavacións no xacemento arqueolóxico tardorromano de Valencia do Sil, en Vilamartín de Valdeorras. Estes traballos tiveron como resultado a recuperación dun dos contextos romanos máis completos de todo o oriente de Galicia. Concretamente, os traballos desvelaron dous grandes espazos de construcións que a equipa interpretou como unha fragua de ferramentas e obxectos de metal de época tardorromana e as vivendas das familias que se ocupaban destas tarefas.

O pasado mes de xuño retomáronse os traballos no xacemento, que nas últimas semanas foron quen de atopar os restos dun sistema complexo de canalización de augas ligada a esa fragua. De confirmarse a hipótese da fragua romana, trataríase dunha das estruturas de produción metalúrxica de época tardorromana máis grandes escavadas no noroeste peninsular. “Unha das grandes sorpresas desta escavación foi documentar un sistema de canalización de augas vencellada a un forno, pensamos que de forxa de ferro e cobre, que implica unha planificación da xestión dos recursos similar a unha cidade da época romana”, explica Carlos Tejerizo,  director das intervencións.

Restos aparecidos no xacemento de Castelo de Valencia do Sil (Vilamartín de Valdeorras) © Sputnik Labrego

De confirmarse a hipótese da fragua romana, trataríase dunha das estruturas de produción metalúrxica de época tardorromana máis grandes escavadas no noroeste peninsular

“Tiñamos dous obxectivos principais nesta campaña”, di Tejerizo. "O principal era rematar a consolidación das estruturas escavadas de antes, para conservalas cara ao futuro. O segundo obxectivo era rematar a escavación da fragua de época romana", sinala.

Para presentar estes resultados e outros máis, a asociación organizará unha visita guiada ao sitio o próximo mércores 10 de xullo ás 19:30 horas. Esta visita non só contará coa explicación dos resultados desta campaña, senón tamén cunha actividade para os nenos que se acheguen ao sitio. “A actividade que chamamos ‘arqueopeques’ pretende facer das nenas e nenos arqueólogos por un día, con actividades que axuden a entender a nosa profesión”, afirma Celtia Rodríguez, a co-directora das escavación. A visita partirá da fonte principal de Valencia do Sil, no concello de Vilamartín de Valdeorras, entidade que financia as escavacións.

“Unha das grandes sorpresas foi documentar un sistema de canalización de augas vencellada a un forno, pensamos que de forxa de ferro e cobre, que implica unha planificación da xestión dos recursos similar a unha cidade da época romana”, explica Carlos Tejerizo, director das intervencións

Os traballos rematarán o día 14 de xullo, pero o proxecto continuará no futuro. “Despois de cinco anos de escavacións, esperamos poder finalizar a consolidación e a posta en valor do sitio no curto prazo. Isto non foi posible sen a participación da comunidade local e das entidades locais”, remata Tejerizo.

Como outros anos, as escavacións contaron con alumnado do Master Universitario de Arqueoloxía e Ciencias da Antigüedade da Universidade de Santiago de Compostela. Media ducia de estudantes de arqueoloxía estiveron no lugar as tres semanas que durou a escavación para aprender a metodoloxía de campo no xacemento.

Escavación no xacemento de Castelo de Valencia do Sil (Vilamartín de Valdeorras) © Sputnik Labrego

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.