A contaminación da época romana permitirá coñecer como entran os metais pesados no corpo humano

Necrópole da Lanzada CC-BY-SA Turismo de Galicia

Os metais aínda presentes nos restos óseos das épocas romana e medieval permiten aprender sobre como nos contaminamos. 'PollutedPast', da antropóloga da USC Olalla López, que investiga ata onde chegan os efectos desta contaminación, recibe o respaldo do European Research Council

Pensamos que a contaminación é algo da era industrial, ou polo menos que nos afecta aos humanos desde hai poucos séculos. Porén, os restos óseos de varios xacementos galegos teñen demostrado que xa había niveis de contaminación importantes na época romana. Metais como o chumbo, o mercurio, o cobre ou o arsénico xa eran absorbidos polos nosos antepasados.  

A antropóloga e investigadora da Universidade de Santiago de Compostela Olalla López Costas leva traballando toda a vida sobre esqueletos humanos para coñecer a súa dieta e aspectos sobre a súa alimentación, hai seis anos que se uniu ao grupo de investigación Ecopast, onde comezou facer estudos paleoambientais a través dos que, entre outras cousas, buscaba saber como de contaminado está o ambiente.

A combinación destas dúas liñas de investigación, buscar nos ósos restos da contaminación, é no que se basea o proxecto ‘PollutedPast’ (‘Pasado Contaminado’), para o que vén de recibir unha axuda Consolidator Grant do European Research Council (ERC), organismo dependente da Comisión Europea, por valor de dous millóns de euros.

A antropóloga Olalla López Costas excavando no xacemento de Adro Vello, en San Vicente do Grove CC-BY-SA cedida/Praza.gal

“Foi moi emocionante porque estabamos probando como alteraba a terra os esqueletos, nun xacemento romano, e de pronto saíron uns niveis de chumbo que non esperabamos para nada. Parece que nunca suceden estes momentos no laboratorio, pero nese momento saltamos de alegría. Démoslle moitas voltas e fomos pasiño a pasiño para demostrarlle á comunidade científica que iso se podía estudar”, conta a antropóloga viguesa, que agarda que os resultados obtidos ao longo dos próximos cinco anos de investigación poidan servir para mellorar as normativas europeas de contaminación

"As persoas levan traballando coa tecnoloxía moitísimos anos e explotando o medio. O gran cambio que fai o ser humano sobre a superficie da Terra é coa agricultura", destaca Olalla López

“Cremos que a contaminación é moi recente, pensamos no mundo medieval como campos limpos sen materiais contaminantes, pero en realidade as persoas levan traballando coa tecnoloxía moitísimos anos –aínda que non sexa o mesmo– e explotando o medio. O gran cambio que fai o ser humano sobre a superficie da Terra é coa agricultura”, destaca Olalla López. No sur de Europa, a intensa actividade do Imperio Romano levou a unha contaminación sen precedentes na Historia ata o momento, mentres que nos países do norte cómpre situarse na época medieval, despois do período viquingo, para atopar o primeiro gran pico de contaminación.

“Temos rexistros específicos do mundo romano no sur de Europa e do mundo medieval de finais do período viquingo no norte de Europa que teñen unha explotación dos metais enorme, explotaban xa case todas as minas. E iso ten unhas consecuencias claras: todos eses metais estaban sendo expulsados á atmosfera e as persoas estaban a contaminarse”, precisa a investigadora.

López Costas diante da Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago CC-BY-SA Santi Alvite/USC

'PollutedPast' vai aportar información sobre como de contaminadas estaban as persoas que viviron no sur de Europa na época romana e na zona do norte despois da chegada dos viquingos

‘PollutedPast’ vai aportar información sobre como de contaminadas estaban as persoas que viviron nas épocas romanas e medieval, que niveis de contaminación tiñan ao nacer e como estes foron evolucionando co paso dos anos. Afondarán en que enfermidades eran tratadas con metais (aínda que máis nocivos do que pensaban, tiñan un efecto antiséptico), se só as elites tiñan acceso a estes tratamentos ou eran máis habituais do que parecía ata agora. Mais tamén accederán a outros datos como as diferencias culturais ou sociais, con atención a se as cidades causaban máis contaminación ou non.

“Aínda que pareza que sabemos moito da contaminación, non é así. A axencia europea di que a contaminación do aire é un problema moi grave do noso século, pero ata agora todos os traballos que se fan teñen un percorrido moi curto –porque se levan facendo pouco tempo– e non chegan a esa amplitude que imos manexar nós no proxecto, que son 1.500 anos (desde o século I ao XV). E, por outro lado, a maior parte dos estudos de contaminación nas persoas fanse en sangue, que só pode indicar unha contaminación de curta duración, pois para coñecer a presenza de contaminación durante anos hai que analizar os ósos”, debulla.

Van empregar restos óseos de escavacións da necrópole da Lanzada e de Agro Vello, así como das necrópoles da cidade de Pontevedra

O núcleo das investigacións vai estar en Galicia, aínda que tamén traballarán con restos óseos de xacementos do leste de Andalucía e do sueste de Suecia, concretamente nas illas de Öland e Gotland. Seleccionarán individuos desde a época romana ata a Baixa Idade Media. “As nosas necrópoles son ideais para este tipo de estudos. Centrarémonos na necrópole da Lanzada (O Grove), nas da cidade de Pontevedra, pois xusto hai pouco rematamos de escavar no convento de Santa Clara, pero antes xa traballamos en San Bartolomé e Santa María; e na de Agro Vello (San Vicente do Grove), onde estamos traballando nun proxecto liderado pola Universidade de Vigo”, explica López Costas.

No proceso, analizan varias partes do esqueleto que lles permiten coñecer diferentes momentos da vida. “Facemos unha análise de alta resolución que nos permite obter catro medidas cada milímetro, obtendo en cada unha trinta e dous elementos químicos. Iso levado a un óso enteiro é moitísima información”, debulla a investigadora. Tamén se analiza a composición isotópica para saber as fontes de contaminación, se vén do aire, da comida ou da auga. Centraranse en metais como o chumbo, o mercurio, o cobre ou o arsénico, pero abordarán toda a composición para saber como se produce esa contaminación.

Traballos arqueolóxicos nos xardíns do convento de Santa Clara, en Pontevedra © Deputación de Pontevedra

Se deixamos de contaminar agora a xente vai estar menos contaminada ao momento ou vai tardar séculos en notarse a mellora? Con esta investigación poderán medilo, pois saberán que nivel de contaminación había en cada fase. Tras máis de catro anos intentando sacar ‘PollutedPast’ adiante, a Olalla López Costas esta axuda Consolidator Grant vaille cambiar a vida. Ten claro que non quere abandonar a docencia, mais terá que apartar outros proxectos para centrarse nisto, “por fin”.

"É moi interesante que o financiamento público sexa para facer investigación básica. Ademais, é importante para unha área como son as Humanidades", di a antropóloga

“Isto é un recoñecemento á traxectoria profesional. Hai outros financiamentos que poden acadar estas cantidades, pero non son só os cartos, senón o prestixio internacional que supón obter un proxecto ERC, xa que son os que están a liderar a investigación en Europa. É moi interesante que o financiamento público sexa para facer un proxecto, non para divulgalo ou facer cousas para empresas; é para investigación básica. Ademais, é importante para unha área como son as Humanidades, na que temos menos tradición de poder levar a cabo estes grandes proxectos”, salienta a antropóloga.

Un proxecto que quere que sirva para restarlle prexuízos ao estudo da Historia na actualidade: “Dános a sensación de que se estendeu a idea de que Historia é algo que a xente non ten que aprender, como que non pode axudar a futuro. E eu creo que é completamente ao revés, se non coñecemos a Historia que futuro imos construír?”. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.