'Dhogs' arrasa nas candidaturas aos Mestre Mateo, con 17 finalistas

Fotograma da película Dominio Público Praza Pública

Dhogs, o filme dirixido por Andrés Goteira, é o gran favorito nos Premios Mestre Mateo deste ano, despois de facerse este mércores cun total de 17 candidaturas para os galardóns que se entregarán o vindeiro sábado 3 de marzo no Pazo da Ópera da Coruña na Gala do audiovisual galego, presentada un ano máis por Iolanda Muíños e retransmitida en directo pola TVG. A Academia Galega do Audiovisual anunciou as producións e profesionais finalistas para a XVI edición destes premios nun acto conducido por María Mera e Monti Castiñeiras na sede compostelana da SGAE.

Ademais de Dhogs, os filmes A estación violenta, Os fillos do sol e Trinta Lumes optan tamén ao premio ao mellor longametraxeA batalla descoñecida, Castelao. De chumbo a verba, O tempo futuro e Vigo 1972 son finalistas na categoría de mellor documentalA muller invisible, Escarabana, La Madrina e Matria foron escollidas na categorías de mellor curta de imaxe real. Era visto!, O final do camiño, Serramoura e Vidago Palace son candidatas ao premio á mellor serie de televisión. E As aventuras de Po, Galicia Crime, Generación wifi Peter Brandon. Unha vida pola comedia optan ao galardón á mellor webserie. 

Dhogs converteuse o pasado mes de outubro no primeiro filme rodado en galego que competiu na Sección Oficial de Sitges

Dhogs acumula candidaturas en 14 categorías, destacando aquelas ás que opta o propio Andrés Goteira -mellor dirección, mellor guion e mellor montaxe, esta xunto con Juan Galiñanes- e tamén as interpretativas, de xeito que Iván Marcos e Melania Cruz son candidatos a mellor actor e actriz protagonista e Antonio Durán “Morris", Carlos Blanco, Miguel de Lira e María Costas optan ao premio á mellor interpretación de reparto. Goteira destacaba nesta entrevista o importante papel que os actores e actrices xogaran no resultado final do filme e sinalaba que aceptaran paraticipar na película "porque o guión parecíalles atractivo, porque é un tipo de cine que aquí non se fai". Dhogs, presentada no último Festival de Cine de Ourense (OUFF), converteuse o pasado mes de outubro no primeiro filme rodado en galego que competiu na Sección Oficial de Sitges.

A estación violenta suma 8 candidaturas; O final do camiño e Os fillos do sol, 7 cada unha; Serramoura, 6; e Juana de Vega, vizcondesa do aradoTrinta lumes, aparecen con 5 cada unha.

Ademais do mencionado Andrés Goteira, destacan nesta edición dos grandes premios do audiovisual galego dous nomes femininos: Diana Toucedo e Anxos Fazáns. Toucedo é finalista nas categorías de mellor longa, guión e montaxe por Trinta lumes e, nesta última, tamén por A estación violenta. E Fazáns é candidata á mellor dirección, ao mellor guion e á mellor montaxe por A estación violenta, que tamén opta ao premio á mellor longametraxe. "A desesperanza está moi presente porque é difícil crer nun futuro que che dá tan poucas oportunidades", destacaba nesta entrevista Anxos Fazáns. Mentres, Diana Toucedo salientaba que “O que vin no Courel foi un lugar cheo dunha vida tremenda, que desaparece e emerxe outra vez”.

 

Categorías de interpretación

Diana Toucedo e Anxos Fazáns optan a catro premios cada unha e comparten protagonismo con Andrés Goteira, que tamén pode gañar catro galardóns

Compiten coa mencionada Melania Cruz polo premio á mellor interpretación feminina protagonista en Dhogs, Nerea Barros (A estación violenta), Sabela Arán (Viradeira) e Sonia Castelo (Juana de Vega, vizcondesa do arado). Pola súa banda, o seu compañeiro de reparto Iván Marcos enfróntase a Alberto Rolán (A estación violenta), Federico Pérez (Era visto!) e Javier Rey (O final do camiño). Optan ao premio á mellor interpretación feminina de reparto Bárbara Grandío (A historia dun satélite), Luisa Merelas (Juana de Vega, vizcondesa do arado), Susana Sampedro (Serramoura) e a mencionada María Costas (Dhogs), mentres que o único finalista na categoría de mellor interpretación masculina de reparto que non pertence ao equipo de Dhogs -como é o caso de Antonio Durán “Morris”, Carlos Blanco e Miguel de Lira- é Monti Castiñeiras (Serramoura).

 

Antonio Durán “Morris” é candidato ao premio á mellor interpretación masculina de reparto, ao igual que Carlos Blanco e Miguel de Lira © Dhogs
A estación violenta Dominio Público Praza Pública
Fotograma de 'Trinta lumes' Dominio Público Praza Pública
Lectura dos finalistas, este mércores © AGA

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.