'Elisa e Marcela' estréase en seis salas de cine galegas

Cartel do filme © Zenit TV

Elisa e Marcela, a longametraxe dirixida por Isabel Coixet, chega este venres ás salas galegas. O filme poderá verse en Santiago de Compostela (Numax), Vigo (Multicines Norte), A Coruña (Cantones), Cee (Cines Xunqueira), Pontevedra (Cinexpo) e Ourense (Cines Pontevella). Mentres, o 7 de xuño poderá verse en Netflix e no ano 2020 na TVG.

O filme poderá verse este venres en Compostela, Vigo, A Coruña, Cee, Pontevedra e Ourense

A película recolle a historia de dúas mestras que casaron na Coruña en 1901, na que foi a primeira voda homosexual documentada no Estado Español. Foi unha voda pola Igrexa, na parroquia de San Xurxo, vestida unha delas de home e facéndose pasar por tal.

O filme está producido pola compañía compostelá Zenit TV, xunto con Rodar y Rodar, Netflix España, Lanube Películas, Zenit e Televisió de Catalunya. Ademais, contou cunha subvención da Xunta. O 56% das súas escenas graváronse en Galicia, en diversas localizacións das provincias de Ourense (Boborás, Pazos de Arenteiro, Moldes e Celanova) e da Coruña (San Xulián de Bastabales, praia da Aguieira e montes de Portosín e mais Luaña).

O 56% das súas escenas graváronse en Galicia e conta cun gran número de actores e actrices galegas no seu elenco

A fita está protagonizada por Natalia de Molina e Greta Fernández. Xunto a elas, completan o reparto nove actores e actrices galegas, como María Pujalte, Tamar Novás, Sara Casasnovas, Roberto Leal, Manuel 
Lourenzo, Luisa Merelas, Mariana Carballal, Elena Seijo e Cova Verdiñas.

Elisa e Marcela preestreouse o pasado mes de marzo no Festival de Cine de Berlín. Nese momento unha campaña promoveu que o filme fose distribuído en galego en Netflix. O pasado ano a obra de A Panadaría Elisa e Marcela foi a gran triunfadora dos Premios María Casares de teatro, levando os galardóns ao mellor espectáculo, mellor texto orixinal, mellor dirección (Gena Baamonde), mellor actriz protagonista (Areta Bolado) e dedicando os recoñecementos "a todas as bolleras, tortilleras, lesbianas..."

Elisa e Marcela, na súa voda Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.