Encontro de Música Aberta en Paideia: procurar talento, formar e profesionalizar

Recorte do cartaz do I Encontro de Música Aberta © Fundación Paideia Galiza

A primeira edición do EMA celébrase nos Estudios Mans da Coruña o 6 de novembro

"Impulsar a profesionalización da actividade musical emerxente en Galicia e promover o talento musical". É a aposta coa que nace o Encontro de Música Aberta (EMA), a iniciativa da Fundación Paideia Galiza que bota a andar coa súa primeira edición o vindeiro 6 de novembro nos Estudios Mans da Coruña.

Con inscrición previa, pero de balde, o EMA nace baixo o lema Estamos en sintonía para resumir o obxectivo de "sintonizar o sector músical galego" nunha a xornada "centrada na formación, o debate" e a creación de redes profesionais. Para "promover o talento musical emerxente no noso territorio" e ademais, agregan, "apoiar o potencial das e dos profesionais como axentes de transformación social".

Abraham Cupeiro, os compoñentes de Soleado e Laura Iturralde © Fundación Paideia Galiza

Paideia, que conta para o encontro coa colaboración da Xunta, deseñou o nacemento do EMA como unha xornada que principiará, de 7 a 9 da mañá, coa retransmisión ao vivo do programa de Radio 3 Hoy empieza todo, que conduce a xornalista Irene Valiente. A continuación o primeiro protagonista o músico multiinstrumentista Abraham Cupeiro co seu espectáculo Resoando no pasado, "unha viaxe pola historia da humanidade a través dos instrumentos".

Abraham Cupeiro, o dúo Soleado e un encontro creativo sobre espectáculos ao vivo, protagonistas dunha xornada aberta a todas as persoas que "busquen descubrir ou profesionalizar os seus proxectos musicais"

Tras o espectáculo, Cupeiro ofrecerá unha clase maxistral de construción de instrumentos. "O público poderá experimentar xunto ao artista na recreación de instrumentos do pasado, xerando, incluso, novos instrumentos que sorprenden polas súas capacidades melódicas e a súa sonoridade", destacan de quen concibe as súas actuacións non como concertos ou monólogos, senón coma o espazo dun "contador de historias".

Os seguintes protagonistas da xornada serán Soleado, un novo grupo de tons indie-folk formado por Juanma Latorre, compositor dos Vetusta Morla, e mais pola cantante e compositora Ester Rodríguez. Participarán no EMA cun formato de showcase comentado ao que chegan cun novo sinxelo, Los amores perros, onde se asentan na música de verbena para conducir cara a un retrouso pop e bases electrónicas coa colaboración das pandeireteiras Lilaina, colaboradoras frecuentes de proxectos como Aliboria ou Baiuca.

Programa do I Encontro de Música Aberta, o 6 de novembro na Coruña © Fundación Paideia Galiza

O terceiro bloque do EMA centrarase nos espectáculos en vivo co diálogo creativo Show must go on!, moderado por Laura Iturralde, directora de arte que nos últimos anos colaborou con artistas como Mercedes Peón, Brigitte Vasallo, Guadi Galego ou Tanxugueiras e con entidades coma o Centro Dramático Galego ou o Centro Dramático Nacional. Neste formato participan Marta Verde, Teresa Tresandí e Víctor García Aka Death Whistle, combinando unha sesión práctica cunha mesa redonda para a participación do público.

"O EMA -salientan dende Paideia- está aberto a todos os públicos, profesionais emerxentes ou consolidados, curiosos e amantes da música ao vivo". En xeral, din, a todas as persoas que busquen descubrir ou profesionalizar os seus proxectos musicais a través de ferramentas como a formación, o debate e o contacto cos principais axentes da industria na actualidade"

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.