Entre a mágoa e a ilusión: o cine Fraga agarda unha nova vida tras 25 anos perdidos

Vista do estado actual do escenario e patio de butacas do Cine Fraga. CC-BY-SA Vanesa Vázquez/ Praza.gal

Case 2.000 persoas visitaron o Cine Fraga nos últimos meses, cunha mestura inevitable de ilusión pola recuperación do inmoble cultural e a mágoa dos 25 anos perdidos. Ata xuño aínda se poderá percorrer

Case 2.000 persoas visitaron o Teatro Cine Fraga nos últimos meses, cunha mestura inevitable de ilusión pola recuperación do inmoble cultural e a mágoa dos 25 anos perdidos. Ata xuño aínda se poderá percorrer antes de que sexan realidade a nova licitación e o reinicio das obras.

A cidadanía viguesa xa sabe, efectivamente, en que estado se atopa o que fora o cine máis grande de Galicia, inaugurado con toda pompa en 1948 e pechado sen facer moito ruído en 2001.Desde entón houbo un intento de reforma cando estaba en mans de Caixa Galicia, millóns de euros investidos (catorce, segundo algunhas fontes), crise bancaria e fin do asunto. O edificio non era rendible para Abanca. Agora, 25 anos despois do peche, o que fora o maior orgullo do empresario Isaac Fraga amosa os restos dunha reforma a medio facer e moitas expectativas no futuro. 

“Un edificio a nivel técnico extraordinario”, subliña a guía oficial durante a visita. “Non van tocar o foxo, para non esnaquizar a acústica”, engade e refire a historia do órgano que Isaac Fraga trouxo daquela dos Estados Unidos, ao xeito dos que se usaban no cinema mudo para recrear o son dos cabalos, o vento ou o mar. “No folleto do día da inauguración dicíase que este cine estaba á altura dos mellores de Europa, que era unha obra de arte a nivel acústico”, explica a guía.

O escenario será ampliable cando no programa sexa necesario, “para poder acoller máximo de persoas na escena dada a súa reducida capacidade”. A superficie actual do escenario son 135 metros cadrados e poderá chegar ata os 167m2

As persoas que visitan o que fora o seu cine de referencia contemplan con morriña o estado da zona da platea, sen as míticas butacas vermellas. O Fraga naceu con 1750 localidades en 1948 e cando se complete a reforma poderá albergar 2.000 persoas nas cadeiras que xa se mercaran en 2008, e será, outra vez o auditorio con maior capacidade da cidade. Medrarán as localidades e tamén o escenario, cando conveña. En concreto, fontes do proxecto detallan que se ampliará cando no programa sexa necesario, “para poder acoller o máximo de persoas na escena dada a súa reducida capacidade”. A superficie actual do escenario son 135 metros cadrados e poderá ampliarse case un 24%, ata os 167  cando sexa necesario, aseguran. Cando renaza o Teatro Cine Fraga, coa ollada posta en 2028, haberá audiovisuais, teatro, danza e volverán os ciclos de ópera.

“Aquilo era un palacio”, relata Ernesto Romero, que leva desde 1966 traballando nos cinemas galegos. “A ver que fan porque se o modernizan moito perde a maxia, pero iso é para os que o vivimos, claro”, explica o propietario do Novocine Leiro

Desde o comezo, no percorrido faise fincapé na grandeza, o luxo e a pompa que reinaban no Cine Fraga desde a súa inauguración. Para accederen á platea os homes debían levar chaqueta e gravata. Os mellores escaiolistas de España e mesmo Inglaterra participaron nas obras para crear as molduras que aínda locen en teitos e paredes. “Aquilo era un palacio”, relata Ernesto Romero, que leva desde 1966 traballando nos cinemas galegos. En 1983 Romero abría o seu propio cine en Leiro, e uns meses antes estivera traballando no cine Fraga, logo de pasar cinco anos a proxectar películas no García Barbón. “Levei unha decepción, porque aquilo está desmantelado”, subliña Romero que tamén participou nas visitas organizadas. “A ver que fan porque se o modernizan moito perde a maxia, pero iso é para os que o vivimos, claro”, explica o propietario do Novocine Leiro.

Estado actual da platea, entrechán e primeiro anfiteatro do cine Fraga. CC-BY-SA Vanesa Vázquez/ Praza.gal

Nunha visita o pasado mes de marzo o conselleiro de Cutura informou de que “xa se inventariou o material patrimonial” do interior do Teatro Cine Fraga, que foi trasladado a un almacén no Porriño “co obxecto de proceder a súa restauración e integralos de novo no inmoble”. Entre estes bens, salientou que se atopa o órgano de cine, “único existente en España para acompañar as proxeccións e que vai volver a súa casa nas mellores condicións como alma e testemuña viva da súa historia”, aseverou. A incógnita agora é saber que outros bens serán restituídos no inmoble.

O proxecto reformulado polo estudio de César Portela, que se ha presentar nas vindeiras semanas, contempla na zona da entrada -o vestíbulo- un museo dedicado ao produtor e empresario cinematográfico do Carballiño Isaac Fraga e outra sala expositiva sobre o mundo do cinema galego. Ademais nesta ampla zona de recibidor estará tamén a cafetaría, con espazos para obradoiros de literatura. En todo o edificio tentará achegarse o máis posible ás cores orixinais ocres e areas, segundo explican fontes coñecedoras do proxecto.

No espazo que ocupou a sala de festas Nova Olimpia ata 2007 porase en funcionamento unha nova sala de concertos, onde haberá vangarda e experimentación, detallan durante a visita. Nova Olimpia abriu as súa portas en 1973 coa actuación de Georgie Dann. Por aquí pasaron moitas das celebridades da época,como Tom Jones, que marcou un fito cun caché de 1,8 millóns de pesetas en 1975, coas entradas a 2.000 pesetas, unha fortuna daquela. Actuaron en Nova Olimpia The Platters, Massiel ou Lola Flores e nesta sala sería o último concerto de Cecilia, en 1976.

Estado actual da antiga sala de festas Nova Olimpia, aloxada no propio edificio do Teatro Cine Fraga. CC-BY-NC Vanesa Vázquez/ Praza.gal

Segundo consta no expediente publicado pola Xunta, a redacción do proxecto básico, de execución e dirección de obras xa foi adxudicado ao estudio de César Portela por un millón de euros e, cun prazo de 36 meses. Caixa Galicia adquirira o inmoble en xuño de 2001 e os traballos comezaron en agosto de 2007, dirixidos entón por Portela e o seu equipo. Porén, coa execución das obras avanzadas ata un 70%, no ano 2011 os traballos tivéronse que suspender na súa recta final debido á desaparición da entidade bancaria e á crise económica.

“É probable que haxa que executar máis obra que a que faltaba por executar no momento da paralización”, indica a documentación oficial da Xunta 

No tempo transcorrido desde a interrupción das obras, máis de 15 anos, houbo cambios normativos, como o Código Técnico da Edificación, así como un incremento de prezos no sector da construción, e a isto engádese o feito de que as instalacións non chegaron a poñerse en funcionamento e algúns sistemas construtivos puideron quedar obsoletos ou estar deteriorados, polo que haberá que substituílos ou reparalos. Aínda que o estado xeral do edificio é bo, segundo relatan, algúns acabados sufriron deterioración puntual e é probable que sexa necesario acceder á parte das instalacións aloxadas nos falsos teitos continuos xa executados, para testar o seu estado de conservación. “Así pois, é probable que haxa que executar máis obra que a que faltaba por executar no momento da paralización”, indica a documentación oficial da Xunta que adquiriu o inmoble xunto coa Deputación de Pontevedra cun pagamento de máis de nove millóns de euros á Abanca en 2024.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.