'Escola, cultura e territorio': as deputacións da Coruña e Lugo asócianse co CCG para promover iniciativas no rural

De esquerda a dereita, Iria Castro, Dolores Vilavedra e Natividade González na sede do Consello da Cultura Galega en Santiago CC-BY-SA Tere Navarro/CCG

"A colaboración entre institucións é posible e parte do convencemento de que a cultura é unha ferramenta de cohesión social", salienta Dolores Vilavedra

O Consello da Cultura Galega (CCG) e as deputacións da Coruña e de Lugo promoverán e darán visibilidade ás iniciativas culturais que se desenvolven en ámbitos non urbanos a través do proxecto Escola, cultura e territorio. As tres entidades asinaron este venres en Santiago un protocolo de colaboración para impulsar esta iniciativa, que carece de dotación económica específica, e que se concretará ao longo deste ano co desenvolvemento de seis actividades

"Abrimos así un camiño para percorrer en común, que demostra que a colaboración entre institucións é posible e que parte do convencemento de que a cultura é unha ferramenta de cohesión social", salientou a presidenta do CCG, Dolores Vilavedra, que comparte coa deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González, e mais coa deputada de Cultura da Deputación de Lugo, Iria Castro, un mesmo enfoque: "A cultura como ferramenta de desenvolvemento da identidade, comunidade e memoria". 

As tres entidades asinaron este venres un protocolo de colaboración a prol da cultura no rural CC-BY-SA Deputación da Coruña

Este acordo nace tamén como unha sorte de 'paraugas común' co fin de dar cobertura e continuidade a iniciativas xa existentes, e favorecer a posta en marcha doutras novas, que reforcen o papel dos ámbitos non urbanos como espazos de creación, participación e transmisión do patrimonio material e inmaterial.

A primeira das actividades terá lugar o vindeiro luns, 13 de xullo, no Pazo de Tor (Monforte), coa xornada de Boas prácticas en iniciativas culturais, onde unha vintena de entidades e proxectos culturais de todo o país reuniranse para observar, reflexionar colectivamente e compartir aprendizaxes arredor das experiencias que están a transformar o territorio desde a cultura. O encontro procurará responder á pregunta: "Que fai que unha iniciativa cultural sexa capaz de construír comunidade, transformar un territorio e manterse viva ao longo do tempo?".

A primeira das actividades terá lugar o 13 de xullo no Pazo de Tor coa xornada de 'Boas prácticas en iniciativas culturais'

O encontro en Monforte procurará responder á pregunta: "Que fai que unha iniciativa cultural sexa capaz de construír comunidade, transformar un territorio e manterse viva ao longo do tempo?". Durante a presentación, Iria Castro explicou que a xornada estrutúrase en catro mesas de traballo nas que profesionais da cultura compartirán modelos de xestión cultural e experiencias impulsadas polo tecido asociativo galego.

A Deputación da Coruña promoverá a final de ano unhas residencias de proxectos culturais no Pazo de Mariñán, e un programa centrado no traballo cultural coa mocidade na Costa da Morte. Pola súa banda, o Consello da Cultura ofrecerá un programa de formación en cultura para cargos públicos e unha iniciativa dixital para visibilizar proxectos culturais co enfoque de Escola, cultura e territorio.

A primeira das actividades terá lugar o 13 de xullo no Pazo de Tor CC-BY-SA Deputación da Coruña

"Trátase dunha iniciativa pioneira de colaboración institucional que evidencia o compromiso compartido das administracións coa cultura e co territorio. Non existen practicamente precedentes de cooperación entre dúas deputacións galegas para impulsar unha iniciativa cultural destas características, polo que este convenio supón un paso importante na suma de esforzos e recursos para desenvolver proxectos de interese común", remarchou a responsable de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González.

Natividade González sinala que "non existen practicamente precedentes de cooperación" nesta liña e Iria Castro ve unha oportunidade "para fortalecer o ecosistema cultural galego desde o ámbito local"

Para a responsable de Cultura na Deputación de Lugo, Iria Castro, esta é unha oportunidade "de traballar conxuntamente para fortalecer o ecosistema cultural galego desde o ámbito local, tendo en conta que cada institución atende realidades demográficas e socioeconómicas diferentes". 

"Nas comarcas de Lugo, cunha poboación dispersa e un territorio maioritariamente rural,  agroman proxectos moi interesantes dos que aprender. Este marco de colaboración co Consello da Cultura Galega e da Deputación da Coruña danos a oportunidade de proxectar o seu traballo e de canalizar e documentar a súa experiencia para transladala a outros ámbitos", asegurou Castro.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.