Di Vituco Neira que el e o resto dos Ruxe Ruxe igual xa deberían estar algo retirados dos escenarios, pero aí seguen. Tocando en bares, indo a festivais e facendo as que consideran as mellores cancións dos seus 27 anos de andaina. Recentemente presentaron na sala Capitol o seu último disco, Unha noite no interior dunha faísca (Luneda Producións). Un traballo sobre os afectos -a amizade e outras formas de amor- como o máis importante da vida. Con homenaxes á música, á literatura ou ás noites de esmorga coas persoas queridas. Vituco debulla nesta entrevista o contido do disco.
Diciades na entrevista do Zig Zag que estabades nun momento moi bo…
Son 27 anos e nos últimos 5-6 anos igual é o momento no que máis apegados estamos en canto á parte musical, de saber onde queres ir, e na parte persoal, porque somos xente moi ben levada. É algo que pode parecer obvio, pero non sempre é así.
Cando anunciabades o disco, falabades dalgúns cambios no grupo…
Houbo cambios, si. A entrada de Xulia e de Barbas foi un cambio interesante porque nos abriu portas a outro tipo de cousas, a compartir a parte vocal por exemplo, que antes recaía só en min e que agora comparto. Iago tamén, que entrou antes ca eles, hai máis de seis anos xa.
Levades moitos anos. Empezastes a mediados dos 90, noutro momento político. E noutro momento cultural en Santiago.
“Compostela era un fervedoiro cultural que hoxe non é. Había unha cultura musical da hostia”
Si, eran anos en que se podía tocar en todos os bares. Nós tocamos en case todos os locais da zona vella e iso deunos a posibilidade de que nos coñecese algo de xente e de ter algo de diñeiro para mercar un mellor equipo. Compostela era un fervedoiro cultural que hoxe non é. Había unha cultura musical da hostia. Era como ir á escola… Foi o noso primeiro público. Eramos malísimos, pero tivemos moito apoio, sobre todo da hostelería.
Hoxe para atopar un sitio onde tocar pásanas canutas. Agora hai outras cousas, pero estamos en mans de agregadores dixitais que che pagan nada ou moi pouco. Antes sacabas unha maqueta e vendías un monte de copias. Iso dáballe un sustento ao grupo. Agora iso é imposible. Ou arrasas en YouTube, ou nada. Eu creo que é máis difícil agora, aínda que haxa ferramentas que nós non tiñamos. A nivel de atopar onde tocar hoxe é moito máis difícil.
Comentabades nas vosas redes que había festivais que antes vos chamaban para tocar de balde e agora non se lembran de vós.
É un cabreo que arrastramos. Porque tirar de compromiso e de militancia cultural está guai. Hai que apoiar os festivais, por suposto. Pero cando estes mesmos festivais teñen cartos e subvencións, arracanéanlles aos grupos de aquí ao mesmo tempo que pagan unha barbaridade aos grupos de fóra. Axitando a bandeira do compromiso, da estrela vermella… Pero parece que estamos sempre chorando e non é iso. Ruxe Ruxe temos concertos abondos.
Presentastes o novo disco na sala Capitol, en Santiago. Viña acompañado dunha banda deseñada, Ruxe Ruxe: a invasión dos guirizombis… Como foi o da BD?
Facer algo de banda deseñada era unha idea que tiñamos na cabeza desde hai tempo. Sempre tentamos facer colaboracións, como cando fixemos unha exposición sobre o traballos gráficos do grupo, cando cumprimos os 25 anos. O da banda deseñada xurdiu un pouco de broma: inventamos unha historia… Despois falamos con Gonzalo Vilas, que se apuntou a facela. E quedou moi ben. Ademais estase vendendo moi ben. É un pouco unha crítica, feita con moita retranca, á turistificación masiva da cidade. Fixémoslle unha canción de banda sonora que só pode escoitarse accedendo desde o código QR incluído na banda deseñada.
O novo disco, que creo que é o número 15, chámase Unha noite no interior dunha faísca. Por que?
“Ao final redúcese todo á maneira de relacionarte cos demais”
O título parecíanos axeitado para falar do que nos está pasando. Como dicía antes, estamos moi ben, moi conectados entre nós, nunha especie de lúa de mel creativa. O título é unha metáfora deste momento especial e bonito.
Comeza o disco falando de zombis, igual que a banda deseñada. Zombis e licores. Un tema que parece falar dos afectos.
Porque ao final o realmente importante é o que sentes. Ao final redúcese todo á maneira de relacionarte cos demais. Zombis e licores ten que ver con isto e co terriblemente adictos que somos a vivir de noite. A canción fala dunha noite na que te sentes moi ben rodeado de xente en locais con música a todo volume sen maior problema que se che vai gustar a seguinte canción que che van poñer. A música e a compañía son o realmente importante.
Despois está Chernóbil, que é unha canción moi curta.
Fala máis de desexo, dunha relación máis íntima entre un home e unha muller, ou entre dous homes ou entre dúas mulleres… Ten que ver con iso, con cando alguén namora. Cando deixas de razoalo todo e te deixas levar pola paixón. É algo universal que a todo o mundo lle acontece nalgún momento da vida e, se tes sorte, varias veces. Chernóbil é unha metáfora da desfeita mental e tamén física que padece quen se sente así.
Crebas é un dos temas con vídeo. O vídeo é un traballo ben bonito de Diego Pérez a partir dunha idea de Ramón Díaz. É outra canción sobre os afectos?
“É un acto de amizade ou de amor ser capaz de non ter medo a compartir cousas e a querer e deixarte querer”
Para min é unha canción que fala da confianza entre as persoas, en clave de amizade, da relación que poidas ter con outras persoas. É unha canción optimista, de estar en paz no mundo. É un acto de amizade ou de amor ser capaz de non ter medo a compartir cousas e a querer e deixarte querer. Os membros do grupo estamos de acordo en que é a mellor canción que fixemos nunca. E é unha marabilla tocala en directo. É moi sinxela, está en medio tempo, e estamos encantados con como quedou. E iso que normalmente somos bastante críticos co valor das nosas cancións. Tampouco pensamos moito niso. Pero con Crebas si que nos pasou. É unha canción moi boa.
Vamos, que tampouco vos credes uns musicazos.
É que tampouco pensamos niso. Digamos que o grupo é un acto egoísta que ten o sentido, para nós, de facernos pasalo súper ben, ademais de ser un xeito de expresarnos, de botar fóra as cousas. É unha ferramenta para botar fóra as pantasmas malas, de quedar tranquilo e de posicionarte publicamente. Porque nas cancións dis cousas que igual doutra maneira non contarías publicamente. É unha maneira de expresar o que sentes, o que inventas… Pero non saberiamos tomarlle a medida en canto a valor musical. Quero dicir: gústannos moitos grupos moi bos e non pretendemos compararnos con eles. É algo que facemos para nós. Somos conscientes de onde estamos, do camiño que collemos, pero non andamos facendo cálculos nin botando contas do que pode ter éxito…
Vaia onde vaia tamén ten vídeo. Un baile gravado na Unitaria, en Santiago. É unha letra triste, que fala de fuxir, nunha canción alegre. E o estilo musical afástase do resto dos temas.
“O son do grupo está por enriba do estilo que toques. O grupo resulta recoñecible igual”
É un ska que soa como os skas vellos, de hai anos. Aquí, e en todo o disco, foi moi importante o traballo do sonidista Xurxo Piñeiro, que foi o produtor do disco e que entendeu moi ben o que queriamos. Nesta canción a achega de Xurxo foi especialmente importante. A maneira de gravar foi usando os trucos daquela época. Tamén foi a primeira canción que Xulia canta de maneira íntegra.
Xente próxima a nós que escoitou a canción dicíanos que non lle extranou nin ese son, novo para o grupo, nin que cantase Xulia. Que é unha canción Ruxe Ruxe a todos os efectos, sen ningún problema. E iso gustounos moito. Porque é unha demostración de que o son do grupo está por enriba do estilo que toques. O grupo resulta recoñecible igual. E ademais iso pode abrirnos vías de futuro para mover os nosos marcos… En directo funciona moi ben, ademais. E recorda a mil cancións dese estilo.
Sen haber dúbidas de que facedes rock, nunca foi tampouco algo pechado a outras cousas, non? Cando introducistes a gaita? Creo que xa desde o principio…
Totalmente. O grupo empezou no 1996 e Xaquín debeu empezar a tocar con nós polo 1997. Era algo que tiñamos moi claro. Gústannos moito The Pogues e desde o principio tivemos claro que queriamos facer rock e punk con algo de instrumentos tradicionais. Era o tempo dos Pogues, dos Diplomáticos… Tiña toda a lóxica.
Onde están? parece unha homenaxe aos The Jam. Xa que falamos de grupos que vos gustan.
É unha homenaxe a aqueles tempos nos que escoitabas a radio e os locutores descubríanche grupos. Tamén é unha homenaxe aos Jam, si, que é unha das nosas bandas preferidas. As cancións que che gustan moito lévante irremediablemente a un lugar, lémbranche onde estabas e con quen. Esta canción é unha das máis escoitadas. E en directo é das que mellor funcionan. Nesta canción foi moi importante o traballo de Xabier Facal, que toca o órgano Hammond, e que vai estar con nós nos directos do verán. É outra novidade na historia do grupo.
Viva el Rey parece algo de broma… Quen canta?
Canta Barbas. Hai cancións que convén non explicar demasiado e esta é unha delas. Creo que xa é o suficientemente explícita.
Autoodio tamén é bastante explícita. Ser galegos un día ao ano.
Como os xornais que escriben en galego o Día das Letras. A canción cántaa Xaquín, que tamén é a primeira vez que canta. E tamén está clara. É un xeito de falar, en clave de humor, do pouco cariño que temos polo noso. Se alguén escoitándoa se recoñece e se sente ridículo, sería para nós un premio mellor que un Grammy ou que vender millóns de copias.
Aliens en Samil ten que ver coa banda deseñada?
Ten que ver cun artigo de Moncho Pena no Faro de Vigo que se titula así. El contaba que apareceran uns bichiños en Samil, imaxino que polo cambio climático, que era unha especie extrana. Os bichiños parecíanse ao Alien da película. Nós aproveitamos para facer un guiño a Vigo, a Siniestro Total…
Falabamos antes do son, que é moi recoñecible aínda cando vos afastades do voso estilo. Que queriades facer neste disco?
“Queremos un son orgánico. Escapamos da maquillaxe dixital”
Como comentaba antes, Xurxo foi fundamental porque grava, produce e mestura. O grupo fai unha aposta polo rock. Somos moi vintage. Temos uns amplis antigos, clásicos. Queremos un son orgánico. Escapamos da maquillaxe dixital, que é algo que nos gusta escoitar pero non nos interesa facer. É un son cru, próximo ao que facemos no local de ensaio. Que nos digan que é recoñecible é a mellor louvanza. En 27 anos fomos descubrindo o noso camiño propio. Sempre partes dos grupos que che gustan, pero non es eles nin pretendes selo. A nós gústannos moito The Clash, pero xa houbo uns Clash e nós somos Ruxe Ruxe. Trátase de buscar a propia linguaxe e defendela. Ti es ti e terás que tentar ser o mellor sendo ti.
E Radioactiva? Que é?
Pois é como a segunda parte de Chernóbil. Vai sobre que pasa cando volves atoparte cunha persoa. É moi bonito cando te reatopas cunha persoa que che fixo sentir cousas positivas.
Frankenstein fala de cando sae o teu monstro…
Esta canción saíu despois de ler o libro de Mary Shelley traducido por Samuel Solleiro. Pareceunos fascinante o libro e a tradución. É reinterpretar un clásico, facelo canción. É unha historia moi bonita. Nós contamos esa historia, mais de xeito personalizado, desde o noso curruncho vital.
Scórpio tamén vai de literatura. Do libro de Carvalho Calero.
Foi unha iniciativa da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrol. Fixemos un disco, o XXVIII A Mocidade coa lingua, no que colaboramos varios grupos facendo cancións a partir de poemas de Carvalho Calero. Nós xa fixeramos antes, hai anos, unha canción a partir dun poema de Carvalho, polo que para este disco fixemos a canción a partir da novela Scórpio, que nos parece do mellor que se fixo na nosa literatura, a pesar de ter menos presenza do que merece. A historia que conta Calero ten bastante de autobiográfico. Fala da República, do alzamento militar, etc, que el conta de xeito sensible e próximo. Nós fixemos unha canción para este disco e pedimos permiso para incluíla no noso disco.
Lévame á festa tamén se afasta do voso son.
É algo que fixemos en distintos momentos da historia do grupo. Unha vez nunha crítica acusáronnos de “roubar” o son dun instrumento e iso gustounos en vez de ofendernos. Nesta canción xogamos a ser unha banda de música tradicional, que non é o que somos, nin temos talento e coñecemento para selo. Xulia canta esta canción de xeito especial, con alta tensión emocional. Quedou moi guai. É unha brincadeira arredor da tribo, unha canción de amor, ou de desamor, relacionada con pedir auxilio a unha persoa para que estea contigo.
É un disco bastante celebrativo da vida, en xeral.
“Igual xa deberiamos estar xogando á chave e ao dominó, pero aí seguimos, tocando por aí e probablemente facendo as mellores cancións que fixemos nunca”
Nós non pensamos en facer un disco nin optimista nin pesimista, pero igual saíu optimista porque é un reflexo do momento no que estamos como grupo. 27 anos nos escenarios e seguimos tendo concertos. Que nos sigan chamando de festivais é unha especie de milagre. E isto é un éxito, tendo en conta a diversidade e a calidade da música do país. Nós igual xa deberiamos estar xogando á chave e ao dominó, pero aí seguimos, tocando por aí e probablemente facendo as mellores cancións que fixemos nunca. Tamén estamos cabreados con moitas cousas que pasan...
Acabas de iniciar un novo proxecto con outra xente. Chámase Malabesta e é bluegrass… Non ten nada que ver con Ruxe Ruxe. Como xurdiu?
Pois vén de anos atrás. De ver tocar a David Regueiro, que é un músico sobresaínte. De pasar noites de festa, da admiración mutua… acabou xurdindo a idea de facer algo xuntos. Un día David díxome que ía mandarme algo que acababa de gravar… Pouco despois empezamos a ensaiar. David e Ismael Cabaleiro levan moitos anos tocando xuntos. Uniuse tamén un contrabaixista, Diego de Lera, que é un músico de jazz moi bo.
E José M. Piedra, o batería de Astarot e de Deseqilibrio Mental, que está comigo en Barbitúricos. Piedra tivo un problema de saúde e entrou no seu sitio Iago de Ruxe Ruxe. Estamos empezando a darnos a coñecer. Temos algún festival para o verán. Gravaremos cando poidamos. Ademais non é un grupo que compita nin con Ruxe nin con David Regueiro Trío.
Tedes un par de cancións en youtube e tivestes un concerto de presentación na Casa das Crechas, en Santiago. Ti eras moi ti -letras políticas, megáfono…- e eles eran moi eles. E pegaba moito.
Eu estou moi cómodo. É un proxecto moi interesante que comparto con músicos moi diferentes a min. Estou como un neno con zapatos novos. Eu negueime a tocar a guitarra. Prefiro só cantar e escoitalos a eles. O concerto de Vigo, en La Pecera, tamén estivo moi ben. É unha música que tampouco é nada comercial. A eles, que son músicos de jazz de libro, flípalles a nosa maneira de facer as cancións, máis punk. Estou moi contento.
Agora que falas do comercial, hai aí unha mudanza xeracional na música en galego que é interesante. O discurso dos músicos de máis de 40 anos adoita ser facer arte e afastarse do comercial. Pero agora hai grupos de xente nova que non teñen problema ningún co comercial.
“A xente nova cada vez toca mellor”
É inevitable que haxa cambios porque, como dis, somos de diferentes xeracións e é lóxico que teñamos perspectivas diferentes. Eles queren facer algo diferente ao que se facía antes. Penso que o que está pasando agora é froito do moito talento que hai. Somos un país de músicos, de contacontos… O que acontece, ademais, é que a xente nova cada vez toca mellor. Nós eramos malísimos instrumentalmente cando empezamos. E agora tampouco somos boísimos. Pero a xente nova xa empeza tocando moi ben.
Estamos a vivir o mellor momento da historia da música galega, a pesar do pouco caso mediático que lles facemos. Moita xente non coñece o que se fai no país. Igual antes había menos xente facendo música en galego, pero era máis doado ter repercusión. Agora o que funciona é sobre todo porque os medios lle fan algo de caso. É moi importante que chamen aos grupos galegos para os festivais, que os concellos os programen, etc.
Non estou moi convencida de que os medios sexamos hoxe moi importantes, no caso concreto da música. Si quizais noutras artes. Pero a música está moi presente en internet…
Eu penso que os medios seguen sendo fundamentais. Pensa nos proxectos galegos que arrasaron. Tanxugueiras, por exemplo.
Tanxugueiras quizais son unha excepción. Eu pensaba en Boyanka Kostova, Fillas de Cassandra, Grande Amore, Berto… Eu mesma entrevisteinos -fáltanme as Fillas- desde que xa comezaran a petalo.
“Se os medios non fosen importantes o poder non tería tanto interese en telos da man”
Penso que se os medios non fosen importantes o poder non tería tanto interese en telos da man.
Por suposto. Os venres negros da CRTVG fanse por algo. Pero referíame en concreto á importancia dos medios para dar a coñecer a música.
Berto, por exemplo, estivo no Luar. Eu creo que si son imprescindibles. Pero logo tes que conectar co público, claro. No lle podes botar a culpa aos medios se non che vai ben. Se a nós nos fose mellor, igual estabamos tocando en Wembley…
Niso volvemos ao de antes. A relación da xente nova co comercial. Coas redes…
Ben, aí habería que definir o que é comercial. Os Sex Pistols eran comerciais? Porque mira que non venderon copias. Os exemplos que dás son de xente que saben a linguaxe coa que se moven, que saben chegar á súa xeración. Saben perfectamente como facelo.
E fano moi ben.
Si. Ademais, es comercial polo feito de que che vaia ben? Igual o que pasa é que es bo. Funciona porque é bo. No concerto de Fillas de Cassandra había xente de todas as idades. Pero si, a xente nova é moi boa e agora tócalles e eles tirar do carro.
Claro. Tedes algún concerto próximo?
Temos festis, pero aínda non podemos dicilo ata que o anuncien eles. Este foi un ano raro, de todas maneiras. Nos concellos estaban esperando a ver que pasaba nas eleccións. Porque ao final eles son os que deciden. Non só por poñer o diñeiro. Son os que dan os permisos… O verán pasado foi unha barbaridade. Todos os grupos tocamos moito.
Este ano seguramente xa non será tanto así.
Non. E niso os festivais grandes poden facer moito. Que non lles vai ir menos xente por levar grupos galegos. Se van traer os Guns N’Roses a Vigo, podían meter un grupo galego. E iso é algo que deberían coidar os concellos, a Xunta… Non hai sensibilidade co tema lingüístico. Nos carteis debía haber un mínimo de grupos que canten en galego, unha cota. É unha cuestión cultural á que debían dar importancia. Aínda así, con esa falta evidente de apoio, hai cada vez máis grupos galegos coñecidos polo público. E que teñen moito éxito nas plataformas. Na radio galega agora non hai programas musicais…
Nin un programa de entrevistas culturais longas na tele, por exemplo.
Non. Necesitamos que medios públicos e privados se impliquen. Non poden vivir de costas á realidade cultural. A ver se algún día… Eu escribo sobre música no Faro da Cultura e o feito de que che agradezan unha crítica xa é síntoma de anormalidade. Está ben que che agradezan a sensibilidade, o cariño, pero escribimos porque é o noso traballo.
Na radio tamén levas moito tempo. Agora no Diario Cultural. Como empezaches?
O primeiro que fixen na radio foi Cero en Conducta, con Cristina García e Sevi Martínez. Eu facía entrevistas a grupos. Despois eu presentáballe ideas ao director da radio galega musical, que entón era Freire. A partir de aí chamáronme para o Aberto por Reformas. Despois Planeta Furancho e despois O Peirao. E magazines de radio… Agora levo xa anos no Diario Cultural.